A Voltas coa “Vuelta”.

Sinatura convidada

Antón Mascato | Debeu ser, non o lembro con precisión, no ano 1984, a “Vuelta” ciclista ía pasar polo Condado do Tea, Ponteareas, Mondariz, Covelo, A Cañiza. Estaba en apoxeo Álvaro Pino e nós tiñamos a un compañeiro no cárcere, Manolo Soto, de Salvaterra, fundador da Sociedade Cultural e Deportiva do Condado, do Bloque Nacionalista Galego, do Festival de Poesía no Condado e Presidente do Comité de empresa de Censa, no Porriño, con trescentos traballadores do metal. Acusábano de delitos que non cometera (non militaba no Exército Guerrilleiro do Povo Galego Ceive) nin participara en accións armadas, polo que logo de pasar dous anos nas celas de Alcalá Meco, tiveron que poñelo en liberdade, xa que non puideron manter no seu xulgamento as graves acusacións que na instrución fixera un policía corrupto, chulesco e represor (o comisario Rosino, logo implicado, el si, en actividades terroristas, nos Gal de Felipe González).

Seus amigos non podíamos deixar pasar a oportunidade de facer visible a solidaridade con Soto, así con Picho Suárez, secretario do Concello de Salvaterra; Xosé González, técnico sanitario; os imáns Bértolo, boticario e adegueiro; Luís “Nosoeido”, empresario de hostalaría; Alfonso Soto, dono dunha adega de viños; Paco Quintas, xerente dunha empresa de moblaxe e outros que non lembro, pasamos toda a noite anterior á pasaxe da etapa polo Condado pintando nas estradas “Soto Liberdade”. Saíu en todas as retransmisións televisivas porque os realizadores ignoraban que esas pintadas eran de solidaridade política; para rexouba de toda a comarca consciente de quen era Manolo Soto.

Aínda así, lembro que nos acusaron algunhas mentes “apolíticas” e “ben pensantes” de manchar o deporte ao politizalo. Nada novo… Tal como agora lle espeta esa mesma caste de “xente de orde”, á dignidade das persoas que aproveitan para, ao pasar da serpe colorida, manifestárense contra o xenocidio sionista en Palestina; serpe que revirou en víbora coa presenza dun equipo de procedencia israelí financiado con capital da órbita sionista.

“A Soto, independentista coherente, os dous anos de cadea, da que saíu libre de calquera culpabilidade, desgrazáronlle a vida”

A Soto, independentista coherente, os dous anos de cadea, da que saíu libre de calquera culpabilidade, desgrazáronlle a vida, pesou máis o informe daquel policía represor que o do alcalde de Salvaterra, logo militante do PP, proclamando na prensa a súa inocencia e que “Manolo Soto é ouro de lei”; ou a postura do Comité de empresa de Censa negándose a substituilo na presidencia do Comité, mentres estivese preso e dándolle unha grande homenaxe de benvida cando o soltaron, o que foi posible porque procuramos un magnífico avogado penalista que pagamos entre os seus amigos (Paco, Xosé, Picho, Vitoria, Xulio, Antón, Cristina, Ana, Luís, Alfonso…). Indo visitalo cada quince días, en quendas de catro, viaxando toda a noite en coche, para estar media hora con el e volvendo na mesma mañán a Vigo.

Cando o puxeron en liberdade, sen cargos, o Xuíz disculpouse con el decíndolle:

-O sistema, ás veces, comete erros. Vostede pode saír libre, sen cargos, e tendo dereito a unha indemnización, mais se a reclama, ao próximo preso que teñamos que poñelo en liberdade, non poderemos facelo, teríamos que ditar unha sentenza mínima para que non se resintan as arcas do Estado pagando indemnizacións.

Perversa maneira de actuar. Non preciso decir que a ética de Manolo Soto optou por facilitar a saída sen cargos de futuros presos inocentes.

Conto todo isto porque creo que diante das inxustizas non podemos poñernos de canto nin mirar cara outro lado, porque se o facemos seremos moralmente indecentes e facilitaremos que algún día nos atinxa a barbarie. Por iso estaremos o martes 9 con bandeiras de Palestina na etapa da “Vuelta” que sae de Poio e remata en Mos, e pintaremos as cores vermella, branca, negra e verde nas estradas ao paso dese equipo financiado polo sionismo criminal, contra o xenocidio e a fin da guerra de exterminio en Gaza.

E lembraremos ao Manolo Soto que tamén estaría manifestándose a pé de carreira ciclista se as secuelas do cárcere e os malos tratos recibidos non mermaran a súa saúde ata falecer prematuramente.

Nas imaxes, Manolo Soto e o cartel co cronograma da etapa do martes, por se queres facerte oír.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.