A Volta tampouco “superou a etapa” en Mos

Un milleiro de persoas impediron que os ciclistas finalizaran a 16º etapa a 7 quilómetros da meta en Herville

Mos | Ao berro de “Non Pasarán!” e “Palestina Vencerá!”, un milleiro de persoas mobilizáronse ata o Alto de San Cosme en Porriño e a rotonda de Herville en Mos para impedir o paso dos ciclistas competidores na etapa 16 da Volta Ciclista a España que finalmente foi suspendida no porto de Herville, a 7 quilómetros da meta final.

Nas localidades de paso no tramo final desta etapa 16 que remataba no Castro de Herville en Mos, sendo estas Poio, Pontevedra, Arcade, Pazos de Borbén, Ponteareas, Salceda, Tui, San Antoniño, Gondomar, A Ramallosa, Baiona, Alto da Groba, Torroña, Vilachán, Tebra, Couso e Prado agrupáronse varias persoas convocadas por distintas entidades, entre as que destacaron o Comité Antifascista Louriña e a Plataforma Cívica Vigo Pro-Palestina, entre outras, para manifestar a súa repulsa pola participación israelí nesta competición e a “complicidade” dos patrocinadores deste evento co “xenocidio de Gaza”.

Baixo fortes medidas de seguridade entre Policía Local, Garda Civil e efectivos antimotines, os manifestantes colocaron unha ampla barreira humana contendo a arremetida das forzas de seguridade, que separaron a varios manifestantes. Ás 17:30 horas anunciouse a suspensión definitiva desta etapa, anuncio que provocou un gran regocixo entre o/as manifestantes.

O Concello de Mos manifestou a súa condea pola “violencia que obrigou á suspensión da 16 etapa”. A pesar dos incidentes que xa obrigaran con anterioridade a suspender as etapas previstas en Bilbao e L’Angliru (Asturias), o presidente da Volta, Javier Guillén, declarou que non contemplan a suspensión da competición

O maior boicot contra Israel
A edición 2025 da tradicional competición “A Volta” Ciclista a España tivo un marcado ton político e reivindicativo a través dunha ampla mobilización cidadá en protesta polo xenocidio que Israel está cometendo contra o pobo palestino en Gaza. A presión cidadá permitiu a este evento deportivo converterse no primeiro a nivel mundial no que se leva a cabo expresamente un boicot contra Israel.

Diversos colectivos, asociacións e movementos sociais galegos realizaron manifestacións contra a participación do equipo Israel Premier-Tech durante as diversas etapas ciclistas celebradas entre o 7 e o 10 de decembro en Galicia. Desde 2017 o Israel Premier-Tech ten como co-propietario ao empresario Sylvan Adams, de nacionalidade israelí e canadense moi e políticamente aliado do primeiro ministro Benjamín Netanyahu, mantendo vínculos empresariais con membros do partido dereitista Likud e tendo un rol protagónico dentro do Congreso Xudeu Mundial.

As etapas galegas comezaron o 7 de setembro (Etapa 15) en A Veiga/Vegadeo-Monforte de Lemos; retomando o 9 de setembro (Etapa 16) por Poio ata Mos (Castro de Herville); e finalizando o 10 setembro (Etapa 17) en O Barco de Valdeorras- Alto do Morredero (León). A competición terminará o domingo 14 en Madrid.

En Galicia a mobilización foi convocada pola Asociación Galiza por Palestina e a nivel estatal pola Red de Solidaridad contra la Ocupación de Palestina (RESCOP) e o movemento Boicot, Desinversión y Sanciones (BDS) O impacto destas mobilizacións foi tan decisivo que, con anterioridade a Mos, os días 3 e 5 de setembro, a etapa final da proba ciclista en Bilbao e L’Angliru (Asturias) tivo que ser suspendida pola presenza de manifestantes con bandeiras palestinas. O comezo das etapas en Galicia, ao seu paso por Vegadeo e Monforte de Lemos, deixou dez persoas detidas por manifestar.

Nun exemplo que reflicte o impacto internacional que tivo esta mobilización, Netanyahu chegou a “felicitar” a Sylvan Adams e ao equipo ciclista israelí por “non ceder ante u odio e a intimidación”. Non obstante e argumentando razóns de seguridade, o equipo ciclista anunciou que eliminará o nome de “Israel” da súa equipación no que queda de competición.

Nun histórico anuncio, este 8 de setembro, o goberno de Pedro Sánchez informou do decreto-lei para a prohibición de venda de armas a Israel así como un aumento á axuda humanitaria a Gaza, entre outras medidas para “frear o xenocidio”.

A solidariedade con Gaza tamén fíxose sentir previamente á competición ciclista coa mobilización cidadá realizada o 30 de agosto en apoio á Global Sumud Flotilla que leva axuda humanitaria a Gaza en cidades como Compostela, Vigo, Pontevedra, A Coruña, Ourense, Ferrol, Fisterra, Illa de Arousa, Sanxenxo, Lugo, A Guarda, Redondela e Ribadeo. Mentres en Mos paraban a etapa 16 da Volta, en Tunisia esta flotilla foi atacada por un dron toda vez Netanyahu preparaba o asalto final a Cidade de Gaza e atacaba a líderes de Hamás establecidos en Qatar.

“A Volta” en Galicia tamén coincidiu co comezo en Washington o 9 de setembro do 80º período de sesións da Asemblea Xeral da ONU co foco principal na crise de Gaza. Francia. Bélxica, Canadá e Gran Bretaña anunciaron que recoñecerían ao Estado de Palestina. Facendo causa común co discurso israelí, EEUU vetou a entrada da delegación da Autoridade Nacional Palestina acusándoos de ser “aliados do terrorismo”.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.