A vixencia da Xeración Nós.

Cadernos da viaxe.

Nesta fin de outubro cumpríronse cen anos da saída do primeiro número da revista “Nós”, dirixida por V. Risco, con Castelao de director artístico e Ramón Cabanillas, Antón Lousada, Otero Pedrayo e López Cuevillas de redactores. A revista quitou 144 exemplares, sendo o derradeiro o de xullo de 1936. A enxurrada militar e fascista do verán de 1936 impediu novas edicións.

Porqué é tan relevante para o noso País a revista Nós? Porque construiu, definiu, unha identidade galega moderna e europea, sen ningunha caste de intermediarios que antes non se amosaba dese xeito. Velaí a razón porque Nós fixo un traballo non só cultural, senón ideolóxico e político.

Os precursores e os teóricos do Rexurdimento (Murguía, Vicetto) puxeran xa os alicerces para unha potente reivindicación nacional no político e no cultural. Mais Murguía adoitaba escrebir en castelán e foi Lugrís Freire quen deu o primeiro mitin en galego no 1907, en Carral. Algúns dos nosos petrucios galeguistas mesmo non entenderon o fracaso español en Cuba (1898) nin a oportunidade que se abría entón para a reivindicación do autogoberno, dos intereses económicos e da cultura galegas.

É a xeración Nós a primeira que aposta por Galicia como referente cara fóra. Os Precursores provincialistas e o Rexurdimento do século XIX até entón reivindicaran a galeguidade e os intereses galegos cara dentro do Estado. A xeración Nós olla cara Europa e o mundo todo. Cara Portugal e á Europa atlántica e céltica dos Fisterras cos que os nosos antergos comerciaron durante séculos, nomeadamente Irlanda. Irlanda como pobo amigo e próximo, identificando as angueiras galegas (autogoberno, adquisición da terra polos labregos, dignificación da lingua propia) coas irlandesas. O poeta nacional irlandés W.B.Yeats é unha constante en moitos dos números de Nós. A primeira tradución dun fragmento do Ulises de James Joyce, feita por Otero Pedrayo, publícase en Nós no 1926, mentres no ermo cultural español da ditadura de Primo de Rivera ninguén principiara semellante traballo.

Modernidade, europeísmo, diálogo directo da cultura galega co Mundo…Velaí algunas das principais achegas da Xeración Nós. Porque a segunda é a tolerancia. Nesta revista partilla unha tendencia político-social liberal e progresista con outra conservadora-tradicionalista, mais as dúas son quen a convivir e definir país e cultura de seu. Como tamén se deu esa tolerancia nas tendencias culturais, literarias ou científicas dos moitos colaboradores da revista ao longo de dezaseis anos.

Nós só foi posíbel por se xuntar persoeiros culturais da relevancia dos sinalados (Risco, L. Cuevillas e Otero Pedrayo, de orixe inadaptados, amplos coñecedores de culturas exóticas que converxen na atención á cultura do País), co traballo de cultura popular e de discurso político galeguista das Irmandades da Fala e de Castelao. E tampouco sería posíbel sen o consenso no proxecto político baseado na idea de Galicia como nación aprobado na Asemblea Nacionalista de Lugo de novembro de 1918. Velaí que o labor de Nós, con ser cultural, teña unha grande fondura política.

Galicia deu moitas reviravoltas estes cen anos. Mais convirán vostedes comigo que o legado de Nós é ben actual.


Advogado. Colabora en varios medios galegos.
Publicado o 1 Nov 2020.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies

Os nosos anunciantes son importantes para nós.
Fainos o favor de desactivar o bloqueador de anuncios ou
engadir este sítio a túa lista branca.

Grazas!