A vivenda encabeza as licenzas urbanísticas en Mos

En 2023 creceu un 48% o número de permisos para acondicionamento de vivendas

Mos | Como cada ano no mes de xaneiro a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Urbanismo, fan balance das licenzas tramitadas e concedidas polo departamento municipal durante o ano anterior.

Así o fixeron hoxe Arévalo e José Ramilo, que informaron da continuidade da progresión ascendente do número de total de asuntos de Xunta de Goberno Local de Urbanismo e Medio Ambiente que foron un total de 663 os tramitados en 2023.

Rexedora local e edil de Urbanismo destacaron a este respecto que o crecemento máis significativo no que a licenzas urbanísticas se refire, produciuse nas de actividades, comunicación previa e declaración responsable que pasaron de 93 en 2022 a 114 en 2023; e nas de comunicación previa de obras menores que pasaron de 140 en 2022 a 151 en 2023.

A porcentaxe de suba das actividades, comunicación previa e declaración responsable supón un 22% máis e a de obras menores un 8%.

Entre as actividades, comunicación previa e declaración responsable, a tipoloxía de licenza que máis se incrementou foi a de comunicación previa que pasou de 76 en 2022 a 102 en 2023, o que supón unha porcentaxe de suba do 34% .

Entre as obras menores o maior crecemento produciuse no acondicionamento de vivendas, que pasou de 31 licenzas en 2022 a 46 en 2023, rexistrándose así unha porcentaxe de incremento do 48% e quedando demostrado que Mos é un municipio que a xente elixe para vivir, con calidade de vida, e no que a veciñanza decide consolidar a súa residencia.

No caso das obras maiores as que máis creceron foron as de parcelación pasando de 4 en 2022 a 12 en 2023, supoñendo un incremento do 200%; e as de demolición pasando de 3 en 2022 a 8 en 2023, supoñendo unha suba do 170% máis.

Por último os representantes municipais, Nidia Arévalo e José Ramilo, salientaron tamén a subida experimentada na categoría de licenzas denominada outros expedientes tramitados, que pasou de 189 a 224 expedientes en 2023, o que supón unha suba do 19%.

Nesta categoría, as subcategorías que máis creceron foron a de expedientes de Medio Ambiente un 17% (pasando de 147 en 2022 a 172 en 2023), a de varios un 150% (pasando de 10 en 2022 a 25 en 2023) e a de disciplina urbanística un 250% (pasando de 2 expedientes en 2022 a 7 en 2023).

Tras a aprobación en 2017 do Plan Xeral de Ordenación Municipal, o balance urbanístico anual do Concello de Mos reflicte unha evolución moi positiva. A lectura deste último informe tradúcese en que Mos se consolida como unha localidade que particulares elixen para residir e asentarse. Nidia Arévalo considera “moi positivo este balance que está a ser posible ano tras ano grazas ao pulo que supuxo a implantación do Plan Xeral mosense, aprobado definitivamente en xaneiro de 2017, e que fai a Mos un Concello ideal para vivir.

A existencia e implantación dun PXOM anima aos particulares a establecer ou consolidar a súa residencia en Mos; e a localidade mosense está a ser percibida e considerada como un bo municipio para vivir”, explica.

Deputación axudará coas traídas de augas
O Deputado Provincial de Acción Comunitaria e Equipamentos Públicos, Javier Tourís, ofreceu unha xuntanza informativa sobre os Plans de Acción Comunitaria e +AQUA da Deputación Provincial en Mos, dirixidos aos colectivos veciñais e comunidades de usuarios de augas, que foi celebrada onte no Centro Dotacional de Torroso.

Tourís estivo acompañado pola Alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, membros do Goberno local, Técnicos da Deputación Provincial e representantes de A.A.V.V. e Comunidades de Augas de Mos.

O Plan Provincial de Acción Comunitaria de Pontevedra está dotado cun millón de euros e demostra o firme compromiso da institución provincial co tecido asociativo da provincia.
Respecto do mesmo o presidente provincial, Luis López, asegura que “tiñamos claro, cando iniciamos a nosa andadura na Deputación, hai medio ano, que era fundamental emendar a inxustiza que supuxo a desaparición do Plan de Acción Comunitaria e que era unha obriga recuperalo.

A Deputación tiña unha débeda cos colectivos veciñais, entidades clave no equilibrio territorial. Non poden, nin deben, permanecer ao marxe xa que estamos a falar de entidades que contribúen a construír unha provincia máis avanzada, máis participativa, máis cohesionada”. Por estes motivos o goberno provincial impulsou o Plan Provincia Comunitaria, “para potenciar a capacidade das asociacións e contribuír á implantación homoxénea das entidades veciñais en todo o territorio”.

O plan permitirá que as asociacións de veciños, confederacións, federacións, unións ou asociacións de mulleres rurais con domicilio fiscal na provincia se beneficien de contías que abranguen entre os 6.000 e os 10.000 euros para adquirir equipamentos (mobiliario, dispositivos informáticos, acústicos ou audiovisuais para desenvolver o seu traballo) ou executar obras de acondicionamento, reforma e ampliación de locais sociais, infraestruturas nas que desenvolven a súa actividade ou espazos destinados ao cumprimento dos seus fins. O prazo para solicitar as axudas do Plan Provincia Comunitaria remata o 29 de febreiro e as obras deberán estar rematadas en novembro.

A aposta da Deputación de Pontevedra polo tecido asociativo da provincia ascende este ano 2024 aos dous millóns de euros xa que, ademais do millón de euros que contempla o Plan Provincia Comunitaria, tamén se aprobou outro millón de euros dirixido ás comunidades de augas de Pontevedra, o Plan +Aqua. O Plan +Aqua, é un programa dirixido ás comunidades de augas da provincia que, dotado tamén cun millón de euros. +Aqua xurdiu para mellorar o medio rural e as barriadas urbanas mediante un mellor aproveitamento dos recursos; velar pola xestión da auga apoiando e fortalecendo a participación das comunidades locais; garantir o acceso universal e equitativo á auga potable, asegurando a súa calidade e sostibilidade; impulsar infraestruturas e equipamentos comunitarios que faciliten a autoxestión e a transformación social do territorio e, en definitiva, mellorar a calidade de vida dos veciños, fomentando e dinamizando a implantación homoxénea de servizos comunitarios básicos.

As axudas do Plan +Aqua tamén oscilan entre os 6.000 e os 10.000 euros e as comunidades de augas poden presentar a súa solicitude ata o 29 de febreiro. Cos recursos do plan, as entidades poderán mellorar, reformar ou reparar as súas infraestruturas e instalacións de auga comunitaria; realizar actuacións de dixitalización, sostibilidade e eficiencia enerxética que impliquen unha mellora da calidade da auga; mellorar os sistemas de tratamento; legalizar novas concesións ou renovar as existentes, así como mellorar as captacións e as infraestruturas de almacenamento de auga.