Ponteareas | Como manda a tradición, Ponteareas, a “Vila do Corpus”, viviu a súa “noite grande”. O Corpus Christi celebrado do sábado 21 ao domingo 22 de xuño reuniu a centenares de veciños e visitantes que apreciaron unha nova edición dun Corpus cada vez máis internacional.
A/os alfombreira/os traballaron a un gran ritmo tanto nos días precedentes como na propia noite do Corpus con 25 tramos de alfombrado que, segundo fontes do Concello, ocuparon un quilómetro con 3.000 m2.
A Alcaldesa Nava Castro, vestida para a ocasión cun modelo conmemorativo a cargo da deseñadora Uxía Loureiro Caamaño, recibiu aos convidados internacionais, destacando as delegacións de alfombreiros de Melgaço, Monçao, Viana do Castelo, Caminha e Arcos de Valdevez, sen esquecer aos canarios de La Orotava, sempre presentes co seu deseño que despregaron diante da igrexa de San Miguel.
Na recepción no Concello tamén estiveron presentes o embaixador de Malta en España, Excmo. Sr. Daniel Azzopardi; unha representación da británica The Worshipful Company of Gardeners;, o experto en arte floral Carlos Curbelo; David Gigirey, encargado de deseñar unha fragancia para o Corpus; a presidenta da Sociedad Española de la Camelia, Carmen Salinero; e o director de Turismo da Xunta de Galicia, Xosé Merelles.
Un óptimo sistema de seguridade de nove cámaras para imaxes nocturnas e a retransmisión en directo en streaming foron outras das novidades deste Corpus onde a música non puido faltar coas actuacións de Mistura Vocal, Senfol Gaitas, a Banda de Cornetas e Tambores de Coronación de Espinas de Córdoba durante a exaltación do Corpus e a Misa Solemne na Praza Maior, o desfile de carrozas, verbena e fogos artificiais.
Entregadas as Medallas do Corpus
As voceiras e voceiros da Corporación de Ponteareas entregaron nun acto presidido pola alcaldesa Nava Castro e o delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, dezanove medallas que simbolizan a incrible aportación das e dos alfombreiros a Ponteareas.
Esta edición de entrega de medallas incluíu unha novidade, a do recoñecemento dos tramos que sen ser aínda recoñecidos como “medallistas” contribúen e forman parte do percorrido de alfombras de flores. E así entregáronse os diplomas aos tramos alfombreiros confeccionados por ADAPTA. Avelaíña Saúde Mental, CRA A Picaraña, Escola de Arte, Concello de Monçao, ONCE, e Alfonso Pexegueiro que regalou un dos seus deseños para convertelo en tapiz floral materializado polo alumnado do programa de emprego Compromiso Xuvenil.