Vigo | “Vigo é hoxe un modelo en España e unha das grandes cidades de Europa”. Con grandilocuencia, o Alcalde Abel Caballero reuniu este 23 de setembro no hotel Ciudad de Vigo a máis dun centenar de militantes e simpatizantes ademáis de concelleiro/as municipais, o Subdelegado do Goberno de España, Abel Losada, o Delegado do Estado da Zona Franca, David Regades, e a concelleira de Urbanismo María Xosé Caride, para ofrecer balance da súa xestión así como analizar a situación política actual.
“Vigo ofrece unha unidade política excepcional incluso a nivel europeo dende que chegamos ao poder en 2007”, exclamou un Caballero que amosou o seu “orgullo por esta cidade” que “marca a pauta” como modelo de desenvolvemento. “Eu dedico a miña vida a Vigo”, reflectiu emocionado o rexedor.
O acto serviu para marcar a axenda política local de cara ás eleccións municipais de 2027. “O 90% dos vigueses está de acordo con este goberno e quere que sigamos igual” foi a mensaxe lanzada por un Caballero que esixiu “máis peso político e institucional para Vigo a nivel autonómico, porque a nivel de Estado xa o temos”, explicando a enorme sintonía que existe co goberno central de Pedro Sánchez. “Vigo antes non existía pero nós lle dimos forza e peso”.
Entre as prioridades de cara ao final do seu actual mandato en 2027, Caballero destacou a vivenda; a transformación ecolóxica; e os avances tecnolóxicos para impulsar a economía, salientando a “fábrica de microchips que estamos levando a cabo, unha das tres existentes en Europa ademáis de Alemaña e Francia”.
Entre as críticas, como era de agardar, enfilou contra a Xunta de Galicia gobernada por Alfonso Rueda e o líder do PP español, Alberto Núñez Feijóo. “A oposición quere que non arranque este proxecto de Vigo” reclamando que “a Xunta nos debe 4.000 vivendas”. “Me encantaría que a Xunta sexa o noso aliado pero Rueda e Feijóo sempre nos mentiron”, sentenciou Caballero.
O repaso do seu balance de xestión levouno a enumerar os avances en política social, en particular a atención ás persoas dependentes; a sensibilidade pola cultura; a seguridade e o medio ambiente: “En Madrid dinme que Vigo é a cidade máis limpa de España”; a educación, a realización do Auditorio Mar de Vigo e da Cidade da Cultura e a confirmación de proxectos concretos como os AVE Vigo-Madrid e Vigo-Porto e a ampliación da A-52.
Reclamou tamén unha Facultade de Medicina para a UVigo así como un tema estratéxico para a cidade: o protagonismo para o estadio de Balaídos, “o campo máis bonito do mundo. Imos ter Mundial 2030”, asegurou un Caballero que aproveitou para criticar o escaso apoio á sede mundial para Vigo por parte do presidente da Real Federación Española de Fútbol, o ex presidente da Deputación de Pontevedra Rafael Louzán.