A utilidade do inútil.

Despois de darlle moitas voltas aos variados temas de actualidade sobre o que podería ofrecerlles nas miñas reflexións, dei cun libro que me chegou estes días dun escritor italiano, profesor e filósofo: Nuccio Ordine. O libro titúlase “LA UTILIDAD DE LO INÚTIL”.

Non se trata da inutilidade que acostumamos a considerarlle a todo o que nos resulte dificilmente medible. Dende nenos nos veñen ensinando que se algo non ten aplicación práctica resulta algo inútil.

Pero Nuccio Ordine ofrécenos unha acepción moito máis extensa poñendo no centro das súas reflexións a idea do útil allea a toda finalidade utilitaria. Existen saberes que son fins por si mesmos e que poden exercer un papel fundamental no cultivo do espírito e no desenvolvemento civil e cultural da humanidade.

Este filósofo italiano anúncianos que a lóxica do beneficio mina pola bases institucións (escolas, universidades, centros de investigación, laboratorios,museos, bibliotecas, arquivos), así como as disciplinas humanísticas e científicas, nas que o seu valor debería coincidir co saber en si  mesmo, independentemente da súa capacidade para producir ganancias de inmediato ou prácticos beneficios.

É certo que con frecuencia os museos e os xacementos arqueolóxicos poden ser tamén fontes de beneficios, de ingresos. Pero a súa existencia, en contra do que algúns nos querern facer ver, non pode subordinarse aos resultados económicos. A existencia dun museo, dunha biblioteca son tesouros para a humanidade, que a colectividade debe perservar a toda costa.

Por iso non é verdade que en tempos de crise todo estea permitido. Nestes momentos Europa aseméllase moito a un teatro en cuxo escenario vemos cotidianamente sobre todo acreedores e debedores. Non hai reunión política ou cumio das altas finanzas en que a obsesión polos presupostos (orzamentos) non constitúa o único punto da Orde do día.

O “fármaco”da dura austeridade, como veñen observando varios economistas, en vez de sanar ao enfermo esta debilitándoo cada vez máis, sen preguntarse por que razón as empresas e os os estados  teñen contraido tales débedas. O rigor, estrañadamente, non fai mella na rampante corrupción nin nas fabulosas retribucións de explíticos, executivos,, banqueiros, superconselleiros…os múltiples responsables desta deriva recesiva, non senten turbación algunha polo feito de que quen teña que pagar sexan sempre os da clase media, os máis debiles, millóns de inocentes desposuidos da súa dignidade.

Non se trata de escamotear neciamente a responsabilidade polas contas que non cadran. Pero tampouco é posible ignorar a sistemática destrución de toda forma de humanidade e solidariedade. Os bancos e os acreedores reclaman implacablemente, como Shylock no “El mercader de Venecia”, a libra de carne viva, de quen non pode resistir a débeda.

Así, con crueldade, moitas empresas (que se aproveitaron durante décadas da privatización dos beneficios e da socialización das perdas) despiden os traballadores, mentras os gobernos suprimen os empregos, o ensino, a asistencia social aos discapacitados e a sanidade pública.

O dereito a ter dereitos queda, de feito sometido á hexemonía do mercado, co risco progresivo de eliminar calquera forma de respecto polas persoas, transformando os homes e mulleres  en mercadorías e diñeiro. Este perverso mecanismo económico deu vida a un mostro, sen patria e sen piedade, que rematará negando tamén ás futuras xeracións toda forma de esperanza.

Neste brutal contexto, a utilidade dos saberes inútiles enfróntase radicalmente á utilidade dominante que, en nome dun exclusivo interee económico, mata de forma progresiva a memoria do pasado, as disciplinas humanas, as linguas clásicas, o ensino, a libre investigación, a fantasía, a arte, o pensamento crítico e o horizonte civil que debería inspirar toda actividade humana.

No universo do utilitarismo, en efecto, un martelo vale máis ca unha sinfonía,un coitelo máis ca unha poesía, unha chave inglesa máis ca un cadro: porque é facil facerse cargo da eficacia dun utensilio, mentres resulta cada vez máis dificil entender para que poidan servir a música, a literatura ou a arte.

Xa dixera Rousseau que os antiguos políticos falaban incesantemente de costumes, de virtudes; actualmente só falan de comercio, de diñeiro.” Desbótase todo o que non é útil, observa Diderot, porque o tempo é demasiado precioso para perdelo en especulacións ociosas”

Sexa suficiente reler os versos de Charles Baudelaire para comprender a incomodidade do poeta-albatros, maxestuoso dominador dos ceos que, unha vez descendido entre o público, sofre a mofa dun público atraído por intereses moi distintos:

“Este alado viajero, ¡que trope y débil es! / Él otrora tan bello, ¡qué feo y qué grotesco! /¡Uno, va y le fastidia el pico con la pipa,/ Y al que volaba, enfermo, cojeando otro le imita!”.

Grazas a Baudelaire, grazas a Nuccio Ordine por elevarnos por enriba das miserias deste pobre mundo.

Que sexan moi felices; que as cousas “inútiles”  lles sexan de proveito.

 

Mestre retirado. Realizou estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Ciencias Políticas, Francés e Galego. Un dos fundadores da UCSTE, foi membro do consello nacional do «Movemento de Mestres». Fundador de «A PENEIRA» (1984). Director de «Novas do Eixo Atlantico»

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Outros artigos

Os nosos anunciantes son importantes para nós.
Fainos o favor de desactivar o bloqueador de anuncios ou
engadir este sítio a túa lista branca.

Grazas!