A USC celebra xornada sobre Rosalía de Castro

Organizada pola Cátedra Rosalía de Castro

Santiago de Compostela | A Cátedra Rosalía de Castro da Universidade de Santiago de Compostela celebrou esta mañá na Facultade de Filoloxía a I Xornada Avances na biografía de Rosalía de Castro, que reuniu especialistas de referencia no campo dos estudos rosalianos co obxectivo de compartir novas perspectivas biográficas sobre a vida e o contexto cultural da escritora.

Trala apertura por parte do decano da Facultade de Filoloxía, Elias Jose Feijo Torres, e a equipa da Cátedra Rosalía de Castro integrada por Fernando Cabo Aseguinolaza e a súa directora, María do Cebreiro Rábade, a xornada comezou co relatorio de Luis Miguel Fernández, doutor en Filosofía e Letras e profesor titular de Literatura Española da USC, quen achegou algúns dos datos máis significativos da sesión afondando na estreita relación de Rosalía coa familia dos Lugín Castro, unha relación que lle daría á escritora a oportunidade de viaxar a Madrid, onde casou con Murguía en 1858.

Esa ocasión de viaxar a Madrid proporcionóuselle a raíz do reparto da herdanza do tío de Rosalía, Tomás Lugín, casado con María Castro, a irmá maior de Teresa Castro, nai da poeta. Tras recibir a herdanza no convento de Santo Agostiño en Santiago, onde residía con tres dos seus fillos desde principio de 1855, María Castro marcha a Madrid para tentar resolver os problemas do seu marido co Tribunal de Contas, levando con ela a súa filla Carmen Lugín Castro, a curmá de Rosalía que viría ser nai de Alejandro Pérez Lugín, autor algúns anos máis tarde de La Casa de la Troya. Rosalía aproveita esta oportunidade e viaxa a Madrid coa súa tía e a súa curmá, coa aspiración de tentar vivir da súa actividade literaria.

Aquí, o investigador Luis Miguel Fernández achega dous datos importantes. O primeiro deles rectifica versións anteriores nas que se aseguraba que a nai de Rosalía, Teresa Castro, tería viaxado tamén a Madrid con elas, dato que non é certo e que ademais pon de manifesto outra información fundamental: estes dous anos que Rosalía vai vivir en Madrid, entre 1856 e 1858 é o período máis longo que a escritora pasará lonxe da súa nai.

“A etapa de Rosalía de Castro en Madrid foi un xeito de resistencia ante a presión que a rodeaba en Galicia”
Nesta etapa madrileña Rosalía terá relación de amizade con algunhas persoas que tamén coñecen a Murguía, con quen comezará o seu noivado máis tarde. Estes coñecidos vana axudar tanto a ela como á familia no seu percorrido madrileño. O investigador resalta que a viaxe a Madrid, ademais do desexo de vivir da profesión literaria, “era un xeito de resistencia na procura dun ambiente máis aberto, quizais fuxindo dunha presión ambiental como a que se ve, por exemplo, no segredo que se garda en torno ao seu nacemento en Santiago, pois os seus familiares, nai e curmáns, sempre afirman nas fichas de empadroamento nas que se inclúe á poeta galega que nacera en Padrón e non en Compostela”.

Cal tería sido o camiño de Rosalía e do propio Rexurdimento sen esta etapa en Madrid? Ata o de agora sabíase moi pouco desta relación dos Lugín Castro con Rosalía salvo algunha mención de Murguía nunha entrevista de 1918 na que o escritor aportaba algúns datos sobre Tomás Lugín que non sempre eran certos, e que Fernández xa tentou aclarar nalgún traballo anterior. En todo caso, o realmente relevante destes achados, segundo o investigador, é que “revelan a estreita relación da poeta con esta parte da súa familia e a gran oportunidade que se lle brindou a Rosalía con esta etapa en Madrid, onde intimou con Murguía, tivo moitos outros contactos e publicou o seu primeiro poemario La flor; unha viaxe grazas a unha herdanza que, de non ter acontecido, podía ter mudado en parte a historia do Rexurdimento da nosa literatura”, que se adoita datar como período pleno a partir de 1863, ano no que a escritora publica Cantares Gallegos, obra escrita xa integramente en galego.

O mausoleo de Rosalía
Pola súa parte, o investigador e doutor en Filoloxía Galega pola UVigo, Xurxo Martínez, centrouse nas achegas referentes aos últimos anos da vida a Rosalía, desde finais de 1882 a 1885, poñendo o foco na reacción social e no que se publicou na prensa tralo coñecemento tanto da doenza que padeceu, un cancro de útero que foi agravándose, como da precaria situación económica na que viviu a escritora na súa etapa final.

O investigador tamén achegou información sobre as opcións que se puxeron enriba da mesa para dignificar a súa figura e a súa obra, unha vez que Rosalía faleceu, e sobre o debate que existiu arredor da colocación do seu mausoleo. Ao parecer, nun primeiro momento ía construírse en Iria Flavia, no cemiterio de Adina onde foi enterrada antes do seu traslado a Padrón, pero finalmente instalouse en Santiago pese á oposición tanto da colectividade galega de Cuba como da veciñanza de Padrón.

Xurxo Martínez tamén botou luz sobre a verdadeira orixe do Panteón de Galegos Ilustres que moitas veces se relaciona erroneamente co traslado de Rosalía a Bonaval pero que, en realidade, tiña inicialmente o obxectivo de acoller os restos do poeta Aurelio Aguirre, aínda que finalmente foi a escritora a que o inaugurou. O filólogo pechou a súa intervención, sinalando o acontencido na velada en homenaxe a Rosalía de Castro organizada por Emilia Pardo Bazán no Círculo de Artesanos da Coruña, dous meses despois da morte da escritora, un acto que segundo o investigador foi organizado co fin de ridiculizar a obra da poeta cualificándoa como ‘poesía regionalista’, restándolle o mérito e importancia que Rosalía tivo no rexurdir das nosas letras e na construción dunha identidade política de país.

Martínez defende que foi unha convocatoria instrumentalizada para contrarrestar varios artigos aparecidos na prensa en datas anteriores, incluído un do propio Murguía no que se reivindicaba o papel fundamental de Rosalía na defensa da lingua e os valores identitarios de Galicia como nación, postulados contrarios ao centralismo de Pardo Bazán. O filógo tamén aludiu aos continuos intentos por tratar de encaixar a súa biografía nun discurso de tristura cando a súa propia filla a definiu como unha persoa alegre, e de acusala de desatender os fillos a causa de ter un perfil relevante na escena pública.

Rosalía, anfitrioa
Miguel Anxo Seixas Seoane, historiador e presidente da Fundación Castelao desenvolveu un relatorio arredor do concepto Rosalía, anfitrioa, que en palabras do relator está relacionado co papel da autora “como referente, como escritora que nos precede, que abre camiño e que nos acolle no seu universo literario e por tanto é a nosa anfitrioa nese sentido”.

Seixas falou do importante papel de Rosalía como autora capaz de “chegar ás casas da cidadanía que non tiña libros nos andeis” e lamentou que a escritora ordenara destruír todos os seus documentos deixándonos sen un só manuscrito das súas obras, algo que “fai que cada novo achado nos pareza unha reliquia”.

En contraposición, o seu marido, Manuel Murguía gardou un extenso epistolario desde que era novo, que foi estudado minuciosamente por Seixas e de cuxa atenta lectura extrae que “Rosalía tiña moita máis información da vida cultural galega do que imaxinamos grazas ao Diccionario de escritores galegos que compilou Murguía”, tarefa que o poñía en contacto con todo o ecosistema cultural da época e que convertía a casa familiar “nunha especie de centro de información” ao que a escritora sen dúbida tiña acceso.

Seixas tamén fixo referencia a outros temas pouco comentados acerca da escritora como os seus abortos, o feito de ter varias amas de cría que a axudaban ou a súa faceta culinaria como o feito de comer con champán cando a situación económica llo permitía ou de coociñar deliciosas receitas como a famosa empanada de congro que os convidados do matrimonio eloxiaban e agradecían nas cartas que lle enviaban a Murguía. Tamén comentou o texto que mandou escribir Castelao para ela no seu leito de morte en Bos Aires e que o escultor Domingo Mazas tallou na placa que hoxe pode verse no Panteón de Bonaval. O texto di: “A Rosalía, que sorreu coas magoas do pobo galego; eisaltou as suas vertudes e cantou as belezas da Terra. Homenaxe do Centro Galego de Bos Aires no Día de Galiza, ano 1949”.

Na xornada non puido participar finalmente o profesor Alonso Montero, mais si interveu Dolores Vilavedra, responsable do Fondo Rosaliano María Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda, custodiado pola Biblioteca da USC, onde se reúnen materiais inéditos e documentos transcendentais para descifrar a historia vital de Rosalía.

A este fondo debémoslle o esclarecemento de aspectos cruciais para a biografía de Rosalía como a relación coa súa nai, a súa vocación de actriz ou o testamento de José Martínez Viojo, pai biolóxico da escritora, que permitiu confirmar con rigor a filiación da autora e alumeou aspectos esenciais do seu contexto familiar, económico e social.

A Cátedra lanzará este mesmo mes o museo virtual da iconografía rosaliana
A directora da Cátedra, María do Cebreiro Rábade, anunciou que antes de que remate o ano está previsto que quede publicado na web da Cátedra o acceso ao Museo virtual de iconografía de Rosalía de Castro, que é o resultado do proxecto “Rosalía 2.0: catalogación, estudo e dixitalización da iconografía sobre Rosalía de Castro”, un traballo desenvolvido durante 2024-2025, grazas a unha bolsa de investigación en humanidades da Deputación da Coruña, por Laura Camino Plaza.

Cedido para a súa preservación e difusión á Cátedra Rosalía de Castro da USC, este museo reúne e fai accesible material visual fundamental para comprender como se representou e conmemorou a imaxe da autora ao longo do tempo. Trátase do primeiro espazo dixital integramente dedicado á iconografía rosaliana, pensado tanto para a investigación como para a divulgación e a educación patrimonial.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.