A UNESCO escolle o “modelo PNO!” como referente mundial de patrimonio inmaterial

A entidade renovou a súa condición de ONG consultora deste organismo internacional

Vigo | Catorce experiencias de referencia co patrimonio inmaterial inauguran o proxecto piloto da Plataforma da UNESCO que se presenta esta semana en Nova Delhi (India), coincidindo coa vixésima sesión do Comité Intergobernamental. E entre elas, unha galego-portuguesa, o modelo Ponte… nas Ondas! de boas prácticas co Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI).

A UNESCO decidiu incluír a PNO! na versión de lanzamento desta Plataforma destinada a compartir boas experiencias en materia de protección patrimonial, un espazo que quere ser modelo para outros países e que subliña enfoques e medidas implementados con especial éxito en todo o mundo para tratar necesidades específicas de salvagarda no eido do patrimonio inmaterial.

PNO! convértese así nunha das experiencias de referencia escollidas con ese fin, sendo ademais, xunto con unha belga e outra croata, unha das tres únicas experiencias europeas elixidas para iniciar este proxecto. A futura plataforma, que se presenta na India esta semana e cuxo lanzamento se adía a 2026, será segundo explica a UNESCO unha iniciativa para que comunidades interesadas na salvagarda do PCI colaboren, fortalezan as súas capacidades e compartan experiencia en materia de protección, servindo de ferramenta e fonte de inspiración para quen procure asesoramento en materia de protección patrimonial.

Nesta plataforma, a UNESCO valora a tripla e innovadora estratexia de PNO!, que suma educación, comunicación e patrimonio, e destaca especialmente que o modelo PNO!, alén de fortalecer os lazos culturais a través da fronteira, fomentou o diálogo interxeracional e espertou maior interese e conciencia entre a mocidade involucrada sobre o seu patrimonio cultural compartido.

Destaca a UNESCO que as metodoloxías participativas despregadas por PNO! son “un marco poderoso para fomentar o diálogo internacional e ao mesmo tempo garantir a transmisión interxeracional de tradicións culturais compartidas”. Recoñecemento a trinta anos de traballo co patrimonio Desde PNO! recíbese a elección da asociación como unha das catorce experiencias de relevancia para o lanzamento desta iniciativa como un importante recoñecemento ao traballo realizado polo colectivo durante xa tres décadas.

“Para PNO! é o maior premio aos 30 anos de traxectoria que recoñece o traballo do alumnado, do profesorado, das familias e das comunidades portadoras do patrimonio inmaterial galego-portugués por manter en pé unha experiencia que innovou o soubo crear un modelo único no mundo e tanto Portugal como España deben apoiar o seu desenvolvemento”, subliña Santiago Veloso, presidente da Asociación.

A asociación socio-pedagóxica recorda que ducias de centros adoptaron xa o “ modelo PNO! de boas prácticas co PCI”, como referencia para o traballo en educación patrimonial, convertendo a Galicia no que “probablemente é o único lugar do mundo cunha rede escolar que traballa de xeito sistemático co patrimonio inmaterial seguindo un modelo concreto”.

ONG consultora da UNESCO desde hai case dez anos
O pasado 13 de decembro a UNESCO renovou ademais a acreditación de PNO! como ONG consultora, a única en Galicia con esta distinción. Hai que lembrar que, desde 2016, Ponte…nas ondas! exerce funcións consultivas para o Comité Intergobernamental da UNESCO, referidas a expedientes presentados para inscribir elementos na Lista Representativa do Patrimonio Inmaterial. Esta acreditación estabelece que PNO! poida ser consultada en programas, proxectos e actividades relacionados co artigo 18 da Convención e no impacto dos plans de salvagarda dos elementos inscritos na Lista de Salvagarda urxente.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.