Ponteareas | Artistea converterase durante os próximos catro días no epicentro da creación artística en Galicia grazas ao convenio de colaboración asinado entre o Concello de Ponteareas e a Asociación DELOA para a posta en marcha dunha nova residencia artística creativa, que se desenvolverá do 20 ao 24 de outubro.
Esta iniciativa forma parte do proxecto de cooperación “Interritmos: Raíces Vivas”, impulsado por varios Grupos de Desenvolvemento Rural galegos —entre eles o GDR Terra e Auga— e coordinado por DELOA en colaboración coa Fundación Paideia e a Fundación Paco de Lucía. O proxecto inscríbese no marco do Programa LEADER de Galicia 2023-2027, cofinanciado polo LEADER e a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER)
A residencia ten como obxectivo acompañar e inspirar a artistas vinculados á música de raíz, como Tanxugueiras, que participarán nestes días en Ponteareas, e Lucía Sánchez, da Fundación Paco de Lucía, avogada experta en propiedade intelectual e produtora musical. A iniciativa busca poñer en valor o patrimonio cultural inmaterial galego, establecendo pontes entre a tradición galega e o flamenco a través de encontros creativos e procesos colaborativos.
Entre as personalidades convidadas destaca tamén o xornalista e locutor de RNE Ángel Carmona, que emitirá en directo o seu programa “Mañana más” desde a Praza Maior de Ponteareas, o venres 23 de outubro ás 08:00 horas, cun especial adicado á residencia e ao traballo dos artistas participantes.
Unha vila que aposta pola cultura
A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, subliñou que “Arte e cultura son posibles tamén nas vilas. As residencias Artistea dinamizan a nosa contorna, atraen profesionais do mundo das artes e fortalecen a marca de Ponteareas como Concello creativo e innovador”.
Pola súa parte, a concelleira de Emprendemento Silvia Fdez. Táboas destacou que esta cuarta edición fomentará “o encontro creativo e emocional entre artistas, abrindo camiños entre tradicións e xerando contidos que reinterpreten a música de raíz dende unha mirada contemporánea”.
O Concello de Ponteareas é o primeiro de Galicia en contar cunha residencia de artistas de titularidade municipal, reafirmando o seu compromiso coa creación contemporánea e a dinamización cultural e rural do territorio.
Programa de actividades
A residencia arrancará cunha visita guiada polo centro histórico de Ponteareas e continuará coa palestra de Patricia Hermida, xestora cultural e manager. O mércores 22, Xurxo Fernandes, Faustino Núñez, Sarayma e Eduardo Prieto impartirán talleres centrados na fusión entre a tradición galega e o flamenco. Pola tarde, sumaranse Sabela Maneiro (Tanxugueiras) e Lucía Sánchez (Fundación Paco de Lucía).
O xoves 23, a xornada abrirá coa emisión en directo de RNE e continuará cunha mostra musical con Ángel Carmona, Kin Martínez (Esmerarte) e Patricia Hermida, rematando coa actividade “Corpo, emoción e escena” a cargo de Fran Sieira, e “O que nos levamos” con Hermida e Núñez.
Cultura como motor de desenvolvemento
“A importancia de sumar esforzos entre administracións e entidades rurais é clave para activar a cultura como motor de desenvolvemento e identidade territorial”, sinalou a alcaldesa Nava Castro, quen subliñou que Ponteareas se sitúa “á vangarda da creación artística en Galicia, ofrecendo oportunidades reais para a innovación cultural e o intercambio entre artistas e comunidade”.