A Sanidade pública xa non é o que era.

Cheguei a Compostela ás 10,20 da mañá, a cita era ás 10, 30 no Clínico. Non hai onde deixar o coche, aparco como poido e correndo entro, en Información ninguén. Busco, mirando nos cadros, o lugar de referencia. Atópoo. Unha enfermeira, que está ela soa, no mostrador atende a pantalla do ordenador e cando repara en min, que me fago notar, pídeme desculpas e –pasados dez minutos- indícame a Sala de Espera. Lentitude, mala cara, poucos sitios para sentar. Pregunto a alguén que viste de verde, malos modos e respostas de cabreo. Nunha columna un letreiro di: “Eu apúntome ao bo trato”. E quédome coa copla e coa mensaxe. Non saben ler ou non len os letreiros que poñen. Alguén de verde volve dicirme que debo aguantar e ter calma, a iso das 12 e media, pretendo razoar e volta cos malos modos, entón sinalo o letreiro e marchan moito máis enfadados e con ollos perforadores que me cospen odios. Lentitude, esperas eternas. Vexo que hai que cambiarse e poñer un batín tipo camisola desas translúcidas que atan atrás e deixan o cu ao “ventimperio” absoluto, pero mándano facer nun servizo de urxentes necesidades que, por riba, non ten pecho. Danche unha bolsa para meter a túa roupa e que alguén cha garde mentres entras. Unha feira. Que modos e maneiras! Protesto polo detalle. Indícanme que non teñen outro sitio. Dígolles que non é certo, que hai unha habitación libre e con obxectos persoais, desocupada e sen vontade de ocupar. Novamente malas caras e verbas doentes, entre os beizos. É a unha do mediodía. Sigo esperando e impacientándome. Ninguén informa. A xente que chegou antes, entra lentamente. Saen de “Cirurxía ambulatoria” medio apapanostiados aínda da anestesia ou dos fortes analxésicos, non sei. Un que sae e cambiando a roupa, no servizo das necesidades, palidece e perde o sentido. Veñen cunha padiola que non baixa ben, o señor ao que lle ían subir as pernas e baixar a cabeza, queda –porque o cabeceiro non baixa- coa cabeza en alto e as pernas en alto, nunha moi difícil posición. De súpeto un exército de xente de verde, médicos, fonendos, máscaras baixadas, páranse as consultas. Novo dispendio de tempos. No medio alguén, dúas persoas, veñen falar con alguén de verde a quen invitan a un congreso, e acepta. Nova demora. Mira por onde, con eses que invitan puxeron boa cara e mesmo sorriron. Son as 13,30 e agardo. A Sanidade Pública ten moitas excepcións do seu bo funcionamento. Ou, quizais, sexa que xa non é o que era. Tivo tempos mellores, pero con iso dos recortes quedou nun resume ou mala copia do que puido ser. Hoxe aínda non é o que era.

Pasa o tempo, van en grupos, todos de verde. Non levan présa. Eu agardo aínda máis. Desespero e mordo o meu vinagre na Sala de Espera. Xa lin todo canto alí había, a Sanidade Pública xa non é o que era. Xornais vellos, propaganda, revistas e folletos. Só hai unha muller atenta, que chama aos que teñen que se vestir coa camisola longa, antes de entrar. E anque berra, ela tamén desespera polo folión de xente que protesta. Non hai dereito perder toda a mañá, cando teñen convocado para as 10,30 e son case as 14 horas. Un señor sae falar por teléfono con alguén e dille que ten para un rato aínda. Outra persoa de verde rifa con el, non debe falar por teléfono no corredor. O señor que viu a miña escena de antes, cóllea do brazo e –sen dicirlle nada- sinala tamén o seu propio letreiro: “Eu apúntome ao bo trato”. Aínda así, marcha rabuñando nas paredes! Seguen a pasar en grupos, vestidos de verde, con altiva solvencia e ímpetos un tanto soberbios. A última hora entrei e consultáronme. Todo ben, grazas. Aínda quedaba alí xente mordendo freo.

Mestre e músico.