A Ribeira Sacra e A Montaña, protagonistas de La Vuelta 2025

A etapa 15 se celebrará o vindeiro 7 de setembro e terá como meta Monforte de Lemos

Lugo | A xunta de goberno da Deputación de Lugo vén de aprobar a adxudicación do contrato de patrocinio con La Vuelta a España 2025, co que a institución provincial reforzará con 100.000 euros o desenvolvemento da etapa 15 que terá ás comarcas da Montaña e da Ribeira Sacra como protagonistas.

A etapa cun perfil de media montaña, contará cun percorrido total de 167 quilómetros e percorrerá destacados puntos de montaña polos concellos da Fonsagrada, Castroverde, Láncara e Sarria, ata chegar a meta que terá como sede o Concello de Monforte de Lemos, na capitalidade da Ribeira Sacra.

A voceira socialista, Pilar García Porto, destacou que esta colaboración formalizarase coa empresa organizadora, Unipublic e sinalou que apostar por La Vuelta “forma parte da estratexia da institución provincial de impulsar o desenvolvemento social, económico e turístico da provincia, mediante a proxección do territorio en eventos de alto impacto mediático e internacional”.

Segundo un informe da organización, o retorno económico deste patrocinio para a nosa provincia é de máis de 3 millóns de euros, o que significa que cada euro que inviste a Deputación xerará 36,47€. O cálculo basease na presenza en medios impresos, televisións nacionais e internacionais, sitios webs e redes sociais.

“La Vuelta é unha plataforma de proxección mundial difícil de alcanzar por outros medios. Falamos dun evento na elite do ciclismo mundial, á altura do Giro de Italia e o Tour de Francia, e que é seguido por máis de 17 millóns de espectadores en máis de 190 países”, subliñou a Voceira Socialista do Goberno.

Engadiu García Porto que “esta proba é, polo tanto, unha das mellores formas de levar ao plano internacional a nosa oferta turística, e a nosa aposta por un modelo de turismo de calidade, non masificado, sostible, de experiencias, e respectuoso co medio ambiente”. Así mesmo, apuntou que máis aló do impacto turístico e económico a medio prazo, a organización dun evento desta envergadura mobiliza unhas 3.000 persoas, e xera 600 empregos directos e 2.000 indirectos “o que contribúe directamente a incrementar a actividade na hostalaría, o turismo e o comercio local”.

Con esta aposta, a Deputación sitúa Lugo no mapa internacional, “promovendo os seus valores, cultura e territorio con ferramentas modernas, efectivas e sostibles, como é o patrocinio desta gran cita do ciclismo mundial”, incidiu García Porto.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.