A revista cultural Nós a Xente do Redor presentada na Veiga

Asistiron un centenar de persoas de Galicia e Portugal

A Veiga | Presentouse na sala de conferencias O Toural no Concello de A Veiga, o número sete da revista cultural Nós a Xente do Redor, con gran asistencia de preto dun cento de persoas chegadas de distintos puntos de Galicia e Portugal.

No acto interviñeron os autores que participaron neste número, recibindo os exemplares da revista e unha reprodución da lámina da portada, obra nesta ocasión do pintor Paco Ascón, afincado dende fai moitos anos en Xares, pertencente ao Concello da Veiga.

A presentación contou coa presenza do alcalde de A Veiga e anfitrión Juan Anta, colaborando estreitamente nesta iniciativa cultural que achega un acto desta índole a o mundo rural nun marco incomparable.

O director da revista Avelino Jácome, agradeceu o apoio mostrado polo grupo da Xente do Redor, e mais o concello de A Veiga, facendo fincapé no necesario de conseguir que distintos colectivos cooperen para impulsar o desenvolvemento do medio rural e a conservación e transmisión dos valores tradicionais que compoñen un legado fundamental.

Ao serán tivo lugar unha charla coloquio que baixo o título “Implicacións culturais e ensino, tradición e desenvolvemento no medio rural”, analizou as oportunidades que ofrece o contacto coa natureza, iniciativas de novo negocio, fixación de poboación… do que A Veiga se ven constituíndo como un claro referente.

Na charla interviñeron, Carlos Xabier Ares, escritor e investigador social, César Luís Santamarina, escritor e economista, Paco Ascón, Pintor e Escritor, Juan Anta, alcalde de A Veiga, Avelino Jácome, empresario editor e escritor, Adela, ecoloxista bióloga e escritora, Benito Eladio Rodríguez, adegueiro e escritor e Piedad Valencia, mestra con gran experiencia no ensino. Abriuse turno de preguntas e respostas co público asistente. Como remate da xornada, os autores e colaboradores realizaron unha visita guiada ao observatorio Centro Astronómico Trevinca.