A reserva de biosfera Ribeira Sacra, Serras do Oribio e Courel poderá optar a investimentos da Xunta

Destinará un investimento de ata 1,5 millóns € ata 2024
Autoridades lucenses e ourensáns en Fitur.

Lugo | A Xunta de Galicia quere reforzar a súa aposta pola promoción económica e turística e o desenvolvemento sostible da Ribeira Sacra logo da súa recente declaración como reserva de biosfera, un obxectivo ao que destinará nos dous próximos anos un investimento de ata 1,5 millóns de euros para actuacións que contribúan á posta en valor do seu patrimonio natural.

O compromiso do Goberno galego con este territorio de gran riqueza e que se estende entre as provincias de Lugo e Ourense foi unha das ideas que destacou a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, convidada polo Consorcio de Turismo Ribeira Sacra xunto á directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, a participar na presentación Ribeira Sacra, agora sí, destino Reserva de Biosfera no marco da Feira Internacional de Turismo (Fitur).

Tras lembrar que hai dous anos neste mesmo escenario a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda daba a coñecer o incalculable valor patrimonial e turístico que agochaban as seis reservas de biosfera galegas, Belén do Campo subliñou o feito de que o traballo da Xunta, coa colaboración de moitos e moi diversos actores públicos e privados, culminase coa declaración en setembro do ano pasado da Reserva de Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel, a sétima da Comunidade.

Este novo recoñecemento por parte da Unesco súmase ás outras figuras de protección a nivel nacional e internacional das que xa gozaba un territorio que, tal e como lembrou a directora, forma parte xa da Rede Natura 2000, ademais de albergar espazos naturais de interese local e o único Xeoparque Mundial declarado ata o momento en Galicia, o de Montañas do Courel.

Neste sentido, considerou que a declaración da reserva de biosfera supón un “fito máis” na aposta realizada desde a Xunta para dar a coñecer e poñer en valor a singularidade dun territorio que ofrece a todo aquel que o visita experiencias turísticas, culturais e gastronómicas únicas. “Sen dúbida ábrese unha nova oportunidade para demostrar que se pode combinar perfectamente a conservación da biodiversidade e do patrimonio natural co desenvolvemento sostible da Ribeira Sacra”, declarou a directora xeral.

Por iso, aproveitou o escaparate internacional que supón Fitur para reafirmar o compromiso da Xunta con este espazo “máis alá das palabras”, facendo referencia ao Plan de acción da Ribeira Sacra —impulsado pola Consellería no ano 2019 e que seguirá desenvolvendo a través de diferentes medidas— e tamén a outros investimentos directos nesta zona así como ás axudas previstas para apoiar a concellos, entidades de custodia do territorio e comunidades de montes nas actuacións que poidan promover nesta zona.