• Segue conectado
  • |

A realidade é sempre teimuda

Mentres os chamados comedores sociais están cada vez máis ateigados de seres vivos cuxa dignidade todos os día tenta dilapidar esta inxusta sociedade, os nosos políticos submisos aos mercados, marcan follas de ruta cara o sufrimento existencial e o padecemento social de xentes que o único que queren é que os seus dereitos sexan respectados.
As subidas do IRPF progresivas, non son máis que unha medida necesaria, para poder soster un sistema enfermo, no que probablemente os enfermeiros que atenden ao paciente, non sexan os que toman realmente as decisións sobre o tratamento a seguir, á espera das sentenzas dos médicos de outros lares. Sen dúbida nunha sociedade cun mínimo de xustiza, os que máis teñen son os que deben facer o maior esforzo para contribuír con ela.
Independentemente do evidente incumprimento por parte do goberno popular das súas promesas de non aumentar os impostos, a teimuda realidade obriga a tomar medidas afastadas de calquera ideoloxía liberal, e máis próximas a un concepto socialdemócrata nas políticas impositivas. Nunha Europa na que o seu Banco Central decreta unha política de “barra libre” na liquidez para os bancos, e esta non chega a familias, PEMES e autónomos, a evidencia dita que algo non funciona, e polo tanto, que algo ten que trocar. O problema é cando son precisamente as clases medias as que máis sofren as medidas impositivas, mentres as grandes fortunas utilizan a enxeñaría financeira como válvula de escape á solidariedade social. Só o dato que ofrece “Cáritas” de que o maior porcentaxe de achegas o están facendo as rendas salariais que van de 30.000 a 60.000 euros, é determinante para saber que son precisamente as clases medias,- en proceso de desaparición-, tamén as máis solidarias.
A actitude do presidente Rajoy, fai lembrar máis ao protagonista da novela de Albert Camus “O Estranxeiro”, pola súa aparente indolencia e pasividade ante o que o seu gabinete está a propoñer; aínda que sempre preferirei esta forma de marcar os tempos do pontevedrés, antes que o populismo barato dunha Esperanza Aguirre que anuncia o estudio da baixada do tramo autonómico do IRPF, ao mesmo tempo que de xeito obsceno, recorta na sanidade e educación pública madrileñas. Neste tema o presidente Feijoo está tendo unha actitude responsable en defensa dos intereses de Galicia, á altura do que o seu cargo esixe.
Nun país de facto intervido, só queda agardar que os nosos políticos teñan a valentía suficiente para non dicir sempre “amén”, á suma sacerdotisa xermana…
Ou non?
 


Estudou Dereito. Empresario en Lalí­n. Membro de Prolingua, foro Peinador e IGEA, do que é directivo. Articulista en diversas publicacións do paí­s.
Publicado o 13 Xan 2012.
AVISO: Esta entrada ten máis de seis meses dende a súa publicación. É posible que o contido esté desactualizado.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies