A Real Banda de Gaitas ofrecerá o concerto de Nadal en Verín

Será no Santuario da Nosa Señora dos Remedios de Vilamaior do Val

Verín | A Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense ofrecerá o vindeiro 27 de decembro, ás 18.30 horas, o seu tradicional concerto de Nadal no Santuario da Nosa Señora dos Remedios de Vilamaior do Val, en Verín, nunha cita moi especial que coincide co 40º aniversario da Escola Provincial de Gaitas e da propia Real Banda.

A presentación deste evento cultural correu a cargo do deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández; o bispo de Ourense, Leonardo Lemos; o reitor do Santuario da Virxe dos Remedios de Vilamaior do Val, Óscar Martínez Caamaño; e o director da Real Banda de Gaitas da Deputación, Xosé Lois Foxo.

Rosendo Fernández salientou a traxectoria da Real afirmando que é unha gran “embaixadora de Ourense” que leva o nome da provincia por todo o mundo e poñendo en valor o noso, nesa ocasión leva a cultura “a todos os recunchos da provincia”.

Nesta ocasión, ademais, o concerto de Nadal da Real será “o primeiro concerto” que teña lugar neste Santuario, segundo Óscar Martínez, quen puxo en valor “a conxunción” deste evento neste espazo que conta “cunha importante obra como é o Retablo do Nacemento onde a figura do gaiteiro ten moita influencia.

Pola súa parte, o bispo de Ourense agradeceu á Deputación este concerto protagonizado polo “buque insignia da ourensanía”, precisamente neste Santuario, “moi descoñecido para a poboación de Ourense” e con este evento contribuímos a poñer en valor “gran patrimonio artístico da nosa provincia”.

Baixo a dirección de Xosé Lois Foxo, o concerto servirá tamén como homenaxe a Ricarda e Julio Domínguez Pérez , “por ser transmisoras da cultura do Nadal”, dixo Foxo, e incluirá a presentación da Marcha Procesional da Nosa Señora dos Remedios de Vilamaior do Val, unha composición de fondo arraigamento local.

Durante a presentación, o director da Real Banda de Gaitas fíxolle entrega ao bispo de Ourense a partitura desta obra creada para esta ocasión, que permitirá que este Santuario conte coa súa propia marcha procesional, para que pase a formar parte do arquivo de música da Catedral, “unha pequena achega á cultura do Nadal”, dixo Foxo.

Programa do concerto
O programa contará coa participación de destacados colaboradores, entre eles Lucía Pérez e Xabier Vizcaíno, Nadia Vázquez, o grupo de violíns “Tatiana Kostomarova”, a Coral de Verín, as Cantoras de Reis de Florderrei e Flor da Xesta de Verín, ademais da colaboración da Delegación Episcopal para a Vida Consagrada e do Concello de Verín.
A actuación estrutúrase en varias partes que combinan música tradicional, cantos de Nadal, pezas emblemáticas do repertorio galego e fragmentos da Écloga Operística Pastora da Serra Sola, pechando o concerto coa interpretación do Himno Galego e do Himno de Ourense, nun acto de exaltación cultural e identitaria.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.