A RAG inclúe o fondo documental da escritora Sofía Casanova

Trátase das obras desta xornalista galega, testemuña da Revolución rusa

A Coruña | O 16 de xaneiro de 1958 falecía na localidade polaca de Poznań Sofía Casanova. A escritora e xornalista nada na Coruña en 1861 foi unha das primeiras españolas que exerceron como correspondente de guerra, testemuña directa da Revolución Rusa e a primeira periodista estranxeira que entrevistou a Trotski.

Cadrando co aniversario do seu pasamento, o arquivo da Real Academia Galega incorporou a Galiciana-Arquivo Dixital de Galicia as dixitalizacións do fondo da autora que custodia, composto por 55 cartas, 61 orixinais de poemas e memorias e mais un conxunto de artigos e cartas sobre ela. A documentación permite afondar no lado máis persoal dunha muller pioneira que foi membro correspondente da Real Academia Galega dende a fundación da institución en 1906 e de honra dende 1952.

Os manuscritos literarios e autobiográficos foron ordenados pola súa neta Cristina Niklewitz, quen llos doou á Real Academia Galega en 1971. A institución recibira décadas antes, en 1948 unha serie de cartas que lle remitira a distintos membros da familia Bugallal, da que era grande amiga, entre elas varias dirixidas a Pilar Marchesi e ao tamén académico José Luis Bugallal Marchesi. A doazón completouse con novas achegas da familia do xornalista ano 2001.

Entre a documentación que conserva a RAG figura un manuscrito de 1929 no que, baixo o título de “notas personales”, Sofía Casanova lembraba como xa naquel momento levaba vividos vinte anos entre España e Polonia “educando a mis tres hijas, enfermera de un marido enfermo y cultivando la literatura con intervalos de años”. A I Guerra Mundial sorprendéraa no país do seu home, o filósofo Wincenty Lutoslawski, conde polaco con quen casara en 1887 e do que acabaría separándose.

Alí, comprometida co nacionalismo polaco, traballou durante un ano no hospital improvisado na estación central de Varsovia. “Arrastrada con mi familia en la retirada de los rusos (agosto 1915), pasamos, por etapas cruentas, a Moscú y luego a Petersburgo, donde pasamos tres años. He sido testigo y víctima no solo de la guerra más terrible de la historia, sino también de las revoluciones que destruyeron el Imperio Ruso en sangre”, proseguía.

Algo do vivido daquela perdura, segundo ela mesma advertía, en distintos títulos que recompilan ou amplían as crónicas que publicou por centos no ABC, ou outros volumes que beben igualmente daqueles episodios históricos e dan conta da súa posición contraria á revolución, como La revolución bolchevista: (diario de un testigo) (1920) ou En la corte de los zares (1924). Totod estes títulos forman parten dun legado literario con libros saídos do prelo dende finais do s. XIX, entre eles a súa primeira novela, El doctor Wolski (1894); o poemario Fugaces (1898), parte da colección Biblioteca Gallega; ou a novela Princesa del amor hermoso (1909), novela ilustrada por Castelao.

No breve manuscrito, Sofía Casanova recorda tamén o seu retorno a España en 1919. Malia pertencer a unha familia acomodada, regresaba “casi ciega y pobrísima”, tras anos marcados polos conflitos bélicos. “Mi amada Coruña me otorgó un recibimiento que me resucitó”, contaba sobre unha estadía na que se lle outorgou a Gran Cruz de Beneficencia. Anos despois, as mostras de agarimo volverían darlle outra alegría cando se solicitou para ela o Nobel de literatura.

Sofía Casanova pasaría os últimos anos da súa vida en Polonia, na cidade de Poznań, a carón da súa filla máis nova. Alí faleceu o 16 de xaneiro de 1958, aos 96 anos de idade. Entre os recortes de prensa conservados no seu fondo, figura un curioso artigo que lle dedicou tras o seu pasamento José Ramón Fernández-Oxea Ben-Cho-Shey en La Noche, no que lembra a participación de Sofía Casanova no xurado dunha batalla de flores na que foi premiada a carroza coa que el mesmo participara canda outros mozos. No apartado de homenaxes pode lerse igualmente o poema mecanoscrito que lle escribiu Manuel Banet Fontenla, un dos membros fundadores da RAG.