A RAG honra en Vigo a obra de María Xosé Queizán

No marco do Día da Poesía polo seu compromiso “feminista e valente”

Vigo | Fuches condenada á valentía. / Calar ou ser perversa. / ¡Velaí! As palabras que María Xosé Queizán (Vigo, 1939) lle escribiu a Rosalía de Castro resoaron hoxe na homenaxe que a Real Academia Galega lle dedicou á autora para describila tamén a ela mesma. A académica Margarita Ledo, encargada da gabanza de quen é o gran referente do pensamento feminista en Galicia, rematou así a súa intervención nunha celebración na que trece voces literarias de distintas xeracións dialogaron coa poesía de Queizán. “É a poeta, a muller, que alzou a súa voz para furar o silencio”, expresou o presidente da RAG, Henrique Monteagudo. “Debémosche o converter a palabra silenciada das mulleres nunha Festa. A reivindicación do noso dereito á felicidade, á alegría, na túa escrita sen límites”, agradeceulle á homenaxeada a directora da Sección de Literatura, Marilar Aleixandre.

María Xosé Queizán. A escrita sen límites é o título do acto que a Real Academia Galega celebrou co gallo do Día da Poesía, organizado co apoio da Deputación de Pontevedra e o Concello de Vigo. Tamén o da publicación conmemorativa coa que foi agasallado o público, que estará dispoñible en versión dixital en academia.gal a partir de mañá mércores. A plaquette recolle varios exemplos da “insubordinada potencia emancipada da poesía de María Xosé Queizán”, en palabras da súa coordinadora, a académica Ana Romaní. Son os textos que escolmaron e leron Rexina Vega, Marga do Val, Manuel Forcadela, Andrea Nunes, Elvira Ribeiro, Pepe Cáccamo, María Reimóndez, Camiño Noia, Míriam Ferradáns, Xavier Baixeiras, Fina Casalderrey, Marilar Aleixandre e a propia Romaní, introducidos polos seus respectivos comentarios sobre unha creadora que, resume Margarita Ledo, “trae a experiencia das mulleres para o centro da trama”.

“Cando se faga a historia das mulleres na Galicia contemporánea, María Xosé Queizán figurará nun lugar de honra polas súas achegas á formulación do pensamento e da práctica feminista”, recoñeceu o presidente da Academia na apertura da cita. “O seu papel na organización deste movemento e no lanzamento de iniciativas de diverso tipo en prol do seu fortalecemento, articulación e difusión é unanimemente recoñecido. A súa voz, ao comezo case sen eco, foi sumando moitas voces que se tornaron un coro amplo e diverso, que hoxe conta cunha fenomenal capacidade de interpelación e mobilización social”, engadiu Henrique Monteagudo sobre unha escritora e polígrafa da que gabou igualmente o seu “excepcional pulo creativo”.

María Xosé Queizán debutou ben nova como escritora, coa publicación en 1965 d’A orella no buraco. Con só 26 anos deuse a coñecer co que é un dos títulos de referencia da Nova Narrativa Galega no que trouxo ás nosas letras os principios do Nouveau Roman. A finais dos 70 presentouse como ensaísta con A muller en Galicia (1977), e uns anos despois, en 1983, fixo realidade un soño: o lanzamento da revista Festa da Palabra Silenciada. Pero como poeta foi unha autora serodia. “Non escribín poesía en serio ata 1990, cando me decatei de que podía escribila como escribía ensaio”, conta nas súas memorias, Vivir a galope (2018). Sucedéronse a partir dese momento os poemarios Metáfora da metáfora (1991), Despertar das amantes (1995) e Fóra de min (1995), recollidos canda outras obras pezas soltas ou inéditas en Non o abras como unha flor (Poesía reunida. 1980-2004); e xa co novo século Cólera (2007) e Lesbiar (2015).

A súa é unha poética —conclúe Margarita Ledo— que “reclama que abramos todos os sentidos á súa percepción, ao confronto cos espazos regrados, coa súa posta en solfa nos roles, nos valores incorporados, na incapacidade para decidir, na instrumentalidade do corpo, no discurso amoroso como retórica de submisión”. “A voz de María Xosé Queizán certifica que o pensamento feminista é pensamento, que a poesía pode ser un manifesto feminista, que se a violencia contra as mulleres se inscribe nos corpos, é dado recuperar os corpos e as mans para levar a cabo a revolución feminista”, engade Marilar Aleixandre. Porque, como a propia Queizán manifestou no poema “Subversión”, interpretado esta tarde en forma de canción na voz de Uxía, a autora escolleu escribir para alterar a orde celeste, (…) para negar a morte en vida, para vivírmonos.

“Renderlle homenaxe a María Xosé Queizán é renderlle homenaxe á Galicia inqueda (…). Queizán é valentía”, manifesta Manuel Forcadela na súa achega á celebración, para a que elixiu tamén os versos que Queizán lle escribiu a Rosalía. A forza vital da súa escrita, salienta María Reimóndez, “lémbranos a forza da palabra para (auto)crear (se/nos)”. Unha escrita sen límites que ten ademais “o poder de anticiparse a todas as grandes preguntas que definen o actual presente e, probablemente, tamén o inminente futuro”, analiza Rexina Vega.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.