A RAG celebra a protección da biblioteca de Emilia Pardo Bazán

Trátanse de aproximadamente 11.000 libros da célebre escritora

Santiago de Compostela| A Real Academia Galega manifestou a súa satisfacción pola publicación no Diario Oficial de Galicia de hoxe da resolución do 20 de novembro de 2020, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, pola que se incoa o procedemento para declarar ben de interese cultural (BIC) á biblioteca de Emilia Pardo Bazán.

Con este paso quedan protexidos de inmediato, á espera da declaración BIC, tanto os preto de 8000 títulos que custodia a Real Academia Galega como case 3000 que ficaron nas Torres de Meirás, a residencia que a autora mandou construír en Sada e que pasou a mans do ditador Francisco Franco en 1938. A RAG agarda que este paso permita ademais reunir en breve o conxunto deste patrimonio bibliográfico na súa sede, na rúa Tabernas, 11 da Coruña, no que foi o fogar da escritora, e poñelo a disposición da comunidade investigadora.

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; e a académica Marilar Aleixandre presentaron o pasado sábado o expediente de incoación para a declaración de BIC na sede da Real Academia Galega, onde, alén de se conservar boa parte da biblioteca persoal de Emilia Pardo Bazán, se atopa a súa casa-museo e o seu arquivo, xa que a Academia é responsable da custodia e do coidado tanto do patrimonio cultural como da produción intelectual da escritora por decisión da súa filla e herdeira, Blanca Quiroga. “É unha excelente noticia que a Xunta de Galicia recoñeza oficialmente no DOG a demanda da Real Academia Galega a prol da consideración da biblioteca de Emilia Pardo Bazán como ben de interese cultural.

Protexemos deste xeito un patrimonio de todos os galegos e do que a RAG é depositaria. Agardamos que en breve poidamos ver reunido todo o fondo da biblioteca da escritora na rúa Tabernas, nas dependencias da que foi a súa casa”, manifestou Víctor F. Freixanes.
Aos preto de 11000 libros que quedan protexidos dende hoxe poderían sumarse outros volumes que poidan atoparse actualmente en localizacións descoñecidas, un aspecto que o expediente, con carácter preventivo, tamén ten en conta a fin de que calquera outro exemplar quede protexido no futuro. O labor de identificación veríase facilitado polo cuño de cor vermella co que o fillo da escritora, Jaime Quiroga y Pardo Bazán, encargou rexistrar os seus libros.

Víctor F. Freixanes recoñece a preocupación da Academia pola situación dos fondos bibliográficos de Emilia Pardo Bazán que ficaron nas Torres de Meirás. “Eses libros tamén forman parte do patrimonio intelectual da autora. Igual que se reivindica o edificio, a RAG reivindica os seus libros, que forman parte da intrahistoria, a crónica intelectual de Emilia Pardo Bazán, coa memoria dos seus autores preferidos e, en moitos casos, dos amigos que lle dedicaron obras”, destaca. A propia Emilia Pardo Bazán mandou construír as Torres de Meirás, cuxas obras comezaron en 1894 e remataron en 1907. En 1938, en plena guerra civil, o edificio foi doado ao autoproclamado xefe do Estado, o ditador Francisco Franco, e tras permanecer en mans dos seus herdeiros o pasado mes de setembro a xustiza declarou o inmoble propiedade do Estado.

As xestións iniciadas en 2015 polo daquela presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, e a conservadora da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, Xulia Santiso, permitiron inventariar os case 3000 libros da autora que continúan en Meirás coa colaboración de especialistas da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade da Coruña.
A biblioteca da Real Academia Galega coida na actualidade preto de 8000 dos libros que adquiriu Emilia Pardo Bazán ao longo da súa vida, catalogados e ao dispor das persoas interesadas no seu estudo. Catrocentos vinte libros proceden do propio domicilio coruñés e os demais de Meirás, onde permaneceron até que en 1978 o inmoble sufriu un incendio. Pero a día hoxe cando menos preto de 3000 volumes continúan en Meirás, segundo se determinou na catalogación promovida pola Academia.

Un espello dos intereses e as relacións da autora
“A valía destes volumes é sobre todo a información sobre as lecturas e os intereses de Emilia Pardo Bazán, autodidacta que loitou toda a súa vida para que as mulleres puidesen cursar estudos de secundaria e universitarios, o que non ocorreu en España até 1910”, apunta Marilar Aleixandre, representante da RAG na Xunta Pro-Devolución do Pazo de Meirás e coordinadora por parte da Academia da programación que en 2021 recordará a autora e a súa obra co gallo do centenario do seu pasamento.

En 1940 un enviado da Biblioteca Nacional —como recolle Carlos Babío no seu libro sobre o espolio de Meirás— concluíu nun informe que os libros son de pouca suntuosidade, pero malia non estaren encadernados en tapa dura, hainos de gran valor polas dedicatorias de autores coetáneos, como o Duque de Rivas, e outros novos, como Juan Ramón Jiménez; e tamén de autoras estranxeiras coas que mantiña relación, engade a académica.

Entre os volumes dedicados por autores e autoras foráneos figuran Essays on Social Topics, un conxunto de ensaios sobre os dereitos das mulleres e a ética sexual publicado arredor de 1900 por Tennessee Claflin, Lady Cook, sufraxista e primeira muller axente de bolsa estadounidense; ou L’Assommoir (A Taberna) de Émile Zola, novela saída do prelo en 1877. “Tamén hai libros en distintas linguas, pois Emilia falaba francés, lía inglés e italiano e traduciu do alemán a Heine”, prosegue Marilar Aleixandre.

É o caso de títulos como Sonnets from the Portuguese (1890) de Elizabeth Barrett Browning; a Memorie autobiografiche do revolucionario Giuseppe Garibaldi; ou libros científicos como Le règne animal de George Cuvier, dedicado ao seu fillo Jaime Quiroga, e Cosmos de Alexander Humboldt nunha versión traducida ao francés. “Estas obras dan conta da variedade de intereses de Emilia Pardo Bazán e parte delas teñen ademais subliñados e anotacións nas marxes, coa letra inequívoca da autora, o que os converte en únicos”, conclúe Marilar Aleixandre.

Outros artigos

Os nosos anunciantes son importantes para nós.
Fainos o favor de desactivar o bloqueador de anuncios ou
engadir este sítio a túa lista branca.

Grazas!