A RAG amplía a análise da desgaleguización na infancia

A través dun estudo nos Concellos de Ames, Santiago de Compostela, Teo e Val do Dubra

A Coruña | A Real Academia Galega continúa a afondar na análise dos elementos que inflúen no abandono do galego das novas xeracións con investigacións cualitativas que permitan orientar de maneira efectiva as políticas lingüísticas para frear este proceso. O último estudo presentado polo Seminario de Sociolingüística confirma a importancia dos centros educativos, non só na súa faceta pedagóxica, senón tamén como primeiro contacto coa vida pública fóra da familia e contexto principal para a relación dos nenos e nenas cos seus iguais.

Pero, ao mesmo tempo, chama tamén a atención sobre outros espazos como os das actividades complementarias e de conciliación e as asociacións e clubs deportivos. Os resultados recóllense no volume Prácticas lingüísticas na infancia. A xestión lingüística nos primeiros contextos de socialización, dispoñible en copia dixital na sección de publicacións de academia.gal.

A investigación vén asinada polo coordinador do Seminario de Sociolingüística, Henrique Monteagudo, Xaquín Loredo, Gabino S. Vázquez Grandío e Anik Nandi, e foi desenvolvida co apoio da Deputación da Coruña. Ata o momento, a atención deste tipo de traballos centrárase no uso curricular do galego nos centros e nas familias. Estes aspectos tamén están presentes nesta investigación, mais desta volta o foco estendeuse a outros contextos, confirmando a importancia no desenvolvemento sociolingüístico de nenos e nenas das actividades extraescolares e deportivas e o papel relevante que poden desempeñar os concellos para frear o proceso de substitución lingüística.

A mostra de persoas que foron entrevistadas, de forma individual e en grupos de discusión, incluíu así, ademais de pais, nais e persoal directivo de centros de ensino, persoas responsables de asociacións e clubs deportivos, profesionais e persoas adultas usuarias de empresas que ofertan actividades de ocio e tempo libre para a rapazada e mais responsables da administración local, dende a que se adoita contratar este tipo de servizos.

O ámbito territorial elixido foi a comarca de Santiago de Compostela atendendo, entre outros factores, ás tendencias demográficas deste territorio -marcadas por unha alta natalidade e unha mocidade relativa con respecto ao conxunto galego- e centrouse na poboación entre os tres e os doce anos de idade. Ames, Santiago de Compostela, Teo e Val do Dubra foron os catro concellos implicados.

A emisora de radio municipal Ames Radio acollerá hoxe, ás 12:30 horas, a presentación da publicación no seu magazine diario Somos Ames. O xornalista Juan Luis Silva conversará co presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, co coautor do traballo Xaquín Loredo, coa concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística do Concello de Ames, Escarlata Pampín, e co concelleiro de Benestar, Igualdade, Mocidade e Participación Veciñal do Concello de Teo, Ignacio Iglesias.

Dinamización sociolingüística nas actividades complementarias
Os resultados visibilizan como se está a producir o proceso de substitución do galego polo castelán na infancia nos contextos familiares e extrafamiliares dos ámbitos urbano e periurbano galego e constatan que as dinámicas de desgaleguización se inician moi cedo, nos primeiros anos de escolarización, e que afectan ao propio proceso de adquisición da fala.

“As condicións ambientais nos contextos analizados implican unha presión sobre os e as galegofalantes que fai que adoptar o castelán sexa a opción que lles resulta máis cómoda e natural”, explican os autores. “Pola contra, as condicións son pouco propicias ou directamente adversas para que os castelanfalantes fagan uso do galego. Isto é máis notorio nos contextos de menor formalidade da infancia e mocidade, en comparación co que acontece no caso das persoas adultas”, engaden.

Entre as principais conclusións, o proxecto reflicte que o efecto desgaleguizador da escolarización cara ao que apuntan os traballos de carácter estatístico vai máis aló dun reparto horario da lingua vehicular das materias ou da presenza do galego nos rexistros de maior formalidade.

Nestes últimos adoitaron concentrarse as medidas para garantir ou incrementar a presenza do idioma propio no sistema educativo, que constituíron un esteo fundamental para a normalización da lingua no ensino e o seu acceso a espazos dos que tradicionalmente estivera excluída.

Pero as actividades de menor formalidade que ocorren dentro e fóra dos centros educativos resultan ser esenciais para que a rapazada incorpore en maior medida as ideas e as pautas sociais de comportamento lingüístico, e a realidade demostra que nelas os nenos e nenas experimentan as presións que limitan o uso do galego e mesmo empurran ao seu abandono, sinala o estudo.

“As interaccións dos nenos e nenas cos iguais en actividades extraescolares –sexan deportivas, culturais, de lecer ou de conciliación da vida familiar e laboral–, e mais as prácticas lingüísticas dos e das axentes implicados nestas teñen unha gran transcendencia para o modelamento dos seus comportamentos lingüísticos, especialmente para a rapazada dos ambientes urbanos e periurbanos. É precisamente nestes ámbitos onde unhas liñas de dinamización sociolingüística ben programadas e coherentemente aplicadas son máis necesarias e se poden revelar máis eficaces”, recolle a publicación froito desta investigación.

Pero tamén se advirte que en moitas ocasións o modelo lingüístico das actividades complementarias e extraescolares está moi pouco definido e tende case sempre a xerar dinámicas que reproducen ou reforzan as pautas sociais de comportamento que están detrás da mingua do galego nas novas xeracións.

A importancia da política lingüística municipal
A análise destaca ademais a importancia da xestión municipal e das propias empresas e asociacións que traballan coa mocidade. “Cando falamos de política lingüística, adoitamos pensar na educación formal e nas políticas autonómicas. Non obstante, queda patente que as políticas municipais e, en menor medida, as propias políticas de empresas e asociacións son tamén fundamentais á hora de definir a experiencia lingüística dos cativos e cativas na súa socialización”, valoran os investigadores.

“O caso dos concellos é especialmente relevante, xa que existen unha serie de servizos e actividades orientadas á infancia que dependen da súa xestión directa, pero tamén porque manteñen un contacto máis estreito cos axentes sociais que desenvolven todo tipo de actividades que modelan a vida cotiá nos seus territorios”, conclúen.

Palabra do Ano 2022
Cal é a Palabra do Ano 2022? A Real Academia Galega e a Fundación Barrié abren un ano máis á participación cidadá a escolla da voz dos últimos doce meses a través do Portal das Palabras, o proxecto que impulsan para a difusión do léxico galego. A fase de recolla de suxestións permanecerá aberta ata o domingo 11 de decembro e posteriormente todas as persoas que o desexen poderán participar na votación popular do martes 13 ao domingo 25 de decembro.

A campaña da Palabra do Ano busca o vocábulo que incida nalgunha cuestión especialmente destacada na conversa pública dos últimos doce meses, para ben ou para mal, que sintetice dalgún xeito como se viviron colectivamente ou que faga referencia a algún fenómeno ou preocupación emerxente, en ocasións a través de neoloxismos e noutras a través de voces presentes na lingua dende hai moito tempo. A escolla pode ser tamén unha maneira de sinalar arelas compartidas, pechar simbolicamente o ano e darlle a benvida ao que está a piques de comezar.

A última palabra terana as persoas que participen nesta elección popular, que constará de tres fases. A primeira delas, a de proposta de termos, permanecerá aberta ata o domingo 11 de decembro ás 23:59 horas. Posteriormente, do martes 13 ao domingo 25 de decembro, someteranse a votación telemática os termos máis significativos e máis repetidos na primeira fase. Tras as festas do Nadal, a Palabra do Ano darase a coñecer nos últimos días do 2022. O Portal das Palabras é o proxecto da RAG e a Fundación Barrié para a modernización do traballo lexicográfico e a divulgación da nosa lingua. Cada semana ofrece xogos, vídeos nos que os membros da Academia resolven dúbidas frecuentes e outros contidos divulgativos que conectan o léxico galego coa realidade cotiá e a actualidade dun xeito ameno. A palabra do día é outra das seccións deste espazo aberto ao diálogo coas persoas usuarias.

Dende 2014 o Portal das Palabras convida ademais a todas as persoas que o desexen a participar na escolla da Palabra do Ano. Nas edicións anteriores foron elixidas tanxugueiras (2021), nós (2020), sentidiño (2019) deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016) —coincidindo co centenario das Irmandades da Fala—, refuxiado, -a (2015) e corrupción (2014).