Ponteareas/BNG | O coordinador do Seminario de Lexicografía da Real Academia Galega, Manuel González González, mantivo na tarde deste luns un encontro con alfombreiras e alfombreiros de Ponteareas, despois de que a RAG aceptase a incorporación do termo “alfombreiro, -a” no seu Dicionario.
O encontro foi promovido pola deputada no Parlamento Galego e líder do BNG en Ponteareas, Cristina Fernández Davila, co obxectivo de afondar no recoñecemento institucional desta tradición centenaria e do traballo colectivo das persoas que manteñen viva esta expresión tan arraigada no municipio.
O académico da RAG coñeceu de primeira man, a través da visita a varios portais alfombreiros, o pormenorizado traballo que as veciñas e veciños realizan con dedicación, esforzo e sentido comunitario para transformar unha idea en arte. “Deste xeito, Manuel González puido comprobar todo o proceso creativo que envolve o traballo alfombreiro, así como a importancia de que este sexa recoñecido no Dicionario, porque é unha maneira de dignificar o esforzo colectivo, o saber popular e a creatividade da nosa veciñanza”, declarou Cristina Fernández.
Durante a visita, Fernández aproveitou para agradecer expresamente o traballo de todas e todos os alfombreiros ponteareáns, así como o impulso da Asociación de Alfombristas de Ponteareas, cuxa iniciativa foi clave para que o termo fose recollido pola Real Academia Galega.
“Este recoñecemento é máis que unha palabra nova nun dicionario. É o reflexo dunha alma colectiva, dun pobo que soubo converter o esforzo e a beleza nun legado compartido”, engadiu Cristina Fernández. “Ver como as mans de nenas, mozos, persoas maiores e familias enteiras se xuntan para crear as nosas alfombras emociona e enche de orgullo, polo que este recoñecemento supón un importante paso da lingua galega para nomear aquilo que en Ponteareas somos”, concluíu.
Manuel González González é catedrático de Filoloxía Románica pola Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago. Foi secretario e tesoureiro da Real Academia Galega, da que é académico numerario desde 1992. Ao longo da súa traxectoria estivo á fronte do Seminario de Sociolingüística e actualmente dirixe os seminarios de Lexicografía e Terminoloxía.