Hai momentos na vida nos que nos atopamos diante dun folio ou pantalla en branco e non sabemos como comenzar a escribir ou de que escribir. Son tantos os temas que se amontonan nas nosas mentes que resulta complicado elixir. Este é un deses momentos.
Se analizamos todo o que nos arrodea podemos atoparnos con que só podemos anunciar titulares porque se entramos “a matar”, como vulgarmente se di, non sería un editorial o noso cometido senón todo un tratado de todo e de nada. Porque sobre a mesa do noso escritorio temos un sinfín de temas que dificilmente podemos obviar.
Aí están Palestina que segue sangrando, aínda que nos digan que chegaron a un acordo de alto o fogo. Pero se o problema, con ser horrible, non é o fogo, o problema é que os tanques e fusiles seguen botando fume cando se lle ocorre aos xudeus por un “quítame esas pallas que me molestan”.
Días pasados o Ministro de Exteriores español recoñecía publicamente que o comportamento dos españois en México (e por extensión no resto dos países descubertos) non foi o que se nos ven explicando dende que fomos á escola. Alí houbo abusos un cento. Alí fomos porque nos dixeron que había ouro e outra lindezas que aquí non tiñamos ou estaban acabadas coas guerras europeas. A cousa non fixo máis que comezar. Seguirán saíndo á luz as barbaridades que fixemos en México, en Perú, etc. Claro que Feijóo saíu mostrando os dentes (como aquí non lle dan cacho) asegurando que el non se avergoña de nada da nosa historia. Nin sequera da Sublevación do exército con Franco á cabeza.
“Seguirán saíndo á luz as barbaridades que fixemos en México, en Perú, etc”
Precisamente deste señor, de Franco, por ser educados, podemos ver en pantalla grandes cousas que ata agora non se vían. Unha película sobre a Guerra Civil (xa foi pasada pola pantalla grande tempo atrás) pero agora se nos ofrece na pantalla pequena dos nosos televisores: “Ata que a guerra dure”, ou algo así. Aí poderían os nosos mozos e mozas enterarse de algo, non demasiado, do que realmente pasou e de cal foi o papel dese militar de Ferrol que hoxe tanto admiran.
Outro tema interesante sobre o que poderíamos escribir longo e tendido é o referido á Transición. Resulta que o rei Emérito (menudo nome lle foron asignar) di que foi grazas as súas boas artes como chegamos vivos despois de rematar a sublevación franquista. Unha mentira como tantas que nos teñen contado pero que se cala e se alguén cre que iso foi así mellor que mellor para eses energúmenos que están erguendo o brazo e recordando o que moitos tivemos que facer por eles.
Xa non falemos dos xuízos que se celebran no Supremo estes días fundamentados en bulos, mentiras e montaxes xornalísticos que deberan dar vergoña allea.
Todo isto está sobre a mesa dos nosos despachos e nos mostradores das cafeterías para quen queira enterarse. Claro que aquí, como sempre digo, cada quen traballa pro domo sua (para súa casa, vaia).
Deixo para final, non por non ser interesante senón porque está máis fresco e resulta de comida diaria, as algarabías que montan nas universidades e nas prazas cada tres por cuatro os nosos mozos e mozas que parece ser tentan salvarnos deste pozo de ignorancia no que se nos meteu nos últimos 50 anos. Eles si que teñen as cousas claras e nós, pobriños, somos uns pobres ignorantes que nos cremos todo o que nos dixeron e nos din aínda hoxe.
Este resulta ser o tema máis serio a tratar; sen embargo está crecendo día a día e moito me temo que en pouco tempo sexan uns novos de “la calle es mía y aquí nadie se mueve”.
E non me esquezo do problema da vivenda enlazado e relacionado con todo o demais porque non se trata de algo aillado. Non é que non teñamos vivendas para todos; é que quen as ten utilízaas como ferramenta de presión sobre o mercado e arma para enriquecerse. Claro, os que aínda non tiveron tempo de chegar aí atópanse con que ou durmen na rúa ou se montan comunas en vivendas de aluguer. E aínda así o teñen crudo.

Pero, para min o máis grave non é, con selo, que asistamos a unha sociedade chea de necesidades incumpridas e de matrimonios sen lugar para formar unha familia. O problema é que a ferida produciuse tempos ha e segue a crecer sen que teñamos maneira de curala. Os sanadores prefiren que o enfermo se deteriore de tal maneira que só lle quede aceptar esta situación ou botarse ao monte. Cousa que non lle permiten porque está moi mal vista. Hai que ser xente de orde, respectuosa, obediente. Pouco importa que sexa coa barriga baleira; o caso é que non moleste aos cidadáns honrados, ben vestidos, con coche de marca. Ao que controla todo isto porque o herdou, o conseguíu aproveitando o momento da febre do ladrillo ou, tamén, o roubou con documentos ou sen eles.
“O problema é que a ferida produciuse tempos ha e segue a crecer sen que teñamos maneira de curala”
Ben, como poden comprobar podería dedicar este editorial a calquera destes temas e outros máis que aínda quedan por aí. Non o vou facer porque vdes. non teñen porqué sufrir as miñas veleidades. Pero non quero rematar sen facer alusión ao problema de fondo.
Como se dicía nunha campaña dos anos 50 do século pasado: ”todo está nos libros”. Efectivamente, todo está nos libros, claro que depende de que libros e de quen foi o autor ou editor dos mesmos. É aquí onde radica o problema. Os que nacemos despois da guerra pero aínda cos fusís de cano quente amamantamos a idea de que había que ser respectuosos, non meterse a facer preguntas incómodas que, por outra banda, ninguén respostaba. Logo dixéronnos que íamos vivir mellor que os nosos pais. Non sei se foi verdade, Algo mellor tal vez.
Pero pasado un tempo chegamos aos momentos actuais e á mocidade dinlle que non teñen nada que facer nin que perder. A sociedade non está preparada para eles e, polo tanto, deben derrubar todo o feito par erguer algo novo. Cecais poderíamos estar de acordo senón fora porque o que pretende reivindicar a mocidade actual é voltar aos tempos xa vividos onde non se nos permitía facer preguntas, por se acaso. Hoxe todo o mundo pode protestar se non está cómodo coa sociedade que lle toca vivir. Pode montar algaradas para reinvindicar os tempos que outros vivimos e sufrimos en silencio. Podería ser aceptado se non fora porque descoñecen de qué tempos están a falar; qué sociedade pretenden reivindicar. É dunha responsabilidade abraiante.
“Quen educa, educou ou segue, en teoría, educando, por dicir algo, a estes mozos e mozas?”
Quen educa, educou ou segue, en teoría, educando, por dicir algo, a estes mozos e mozas? Quen lles promete o “ouro e o mouro”? Mellor, quen non se atreveu a educar estas camadas, que diría o Beiras, para que souberan de qué están a falar? Quen foi? Quen se fai responsable? Eu si; eu fágome responsable do que non me atrevín a facer con maior contundencia: abrirlle-los ollos aos alumnos que puxeron nas miñas mans; explicarlles que a historia pódese coñecer de moitas maneiras pero que nunca se pode pretender repetir sen ter antes coñecido como foi, como viviron e sufriron os que tamén pretendían vivir mellor, ser libres, pensar sen ter que pagar por elo.
O que estea libra de pecado que tire o primeiro croio. Eu entono o meu culpa.
Agora que vén o Nadal; sexan felices cos seus seres queridos e tomen con coidado as 12 uvas, non vaia a ser que se atraganten. Bastantes cousas desagradables temos que tragar para que tamén as uvas de fin de ano nos gasten unha mala pasada. Sexan felices.





