Pontevedra | A Deputación de Pontevedra consolidou esta tarde en Fitur a súa decidida aposta polo cinema e o sector audiovisual como factor cultural e de promoción turística coa formalización da adhesión de Pontevedra Provincia Film Commission á Spain Film Commission, a entidade de referencia nacional e internacional destinada a promover o traballo en rede entre institucións políticas, axentes do sector do turismo, do audiovisual e do cultural.
No acto no stand Screen, a presidenta Carmela Silva oficializou co presidente da Spain Film, Carlos Rosado, o protocolo de adhesión que converte a Pontevedra na única provincia galega en entrar neste grupo de traballo que está a liderar o desenvolvemento do Hub audiovisual de España. Ao acto asistiu tamén a vicepresidenta da Spain Film Commission, Teresa Azcona.
Na súa intervención Carmela Silva destacou a importancia que ten esta adhesión para a Deputación e para o conxunto da provincia “nun momento en que o sector turístico amosou unha grande adaptación a un novo escenario no que a calidade, a sostibilidade e a dixitalización son claves, e cando temos un sector audiovisual na provincia que está a demostrar unha capacidade indiscutible e unha grande implicación nas accións de fortalecemento”.
“Hoxe é un gran día. Este é un novo paso para consolidar a nosa provincia como gran plató de cinema. Temos grandes produtoras, grandes actores e actrices, grandes guionistas, un talento indiscutible no audiovisual e unha grande potencia cultural. Pero tamén temos no territorio un catálogo de recursos moi amplo e versátil, como pazos, bodegas, castelos, bosques centenarios, praias, ruínas en paisaxes únicos, cascos históricos, gastronomía… e unha larga lista de elementos que se ven acompañados por unha luz especial e unha oferta de servizos necesarios para calquera rodaxe”.
A presidenta insistiu neste senso en que o cine e o sector audiovisual contribúen “de forma importantísima á promoción turística dos destinos e a súa capacidade de espertar emocións de viaxar, coñecer e sentir é unha poderosa ferramenta que debemos aproveitar de forma intelixente”.
Tamén lembrou que a Deputación recibiu xa en dúas ocasións o premio ao mellor audiovisual turístico do mundo na categoría de mellor produto por “Fame de experiencias” e “Sigue o teu instinto”, que lograron 24 galardóns internacionais, e subliñou que a adhesión á rede da Spain Film Commission é necesaria “porque debemos participar nas estruturas de creación de sinerxías, de articulación de proxectos que atraian rodaxes ao noso territorio e de fortalecemento do noso sector mediante a formación e capacitación”.
Carmela Silva amosou igualmente “a total colaboración” da nova Pontevedra Provincia Film Commission para contribuír a atraer rodaxes a España e “aportar o noso grao de area ao desenvolvemento desta industria do noso país así como no futuro Hub Audiovisual de España”.
Carlos Rosado agradeceu “enormemente compracido” a incorporación da Deputación á Spain Film Commission e “o seu decidido compromiso” de impulsar o audiovisual para que sexa un vector clave.
“Ogallá, dixo, a decisión da provincia de Pontevedra sirva para que outras provincias galegas e non galegas tomen o mesmo camiño. Xa te anuncio que nos envorcaremos coa Deputación, facémolo con todos pero cos que aportan un valor especial como é o voso caso, farémolo aínda máis”.
“Unha provincia de película”
O compromiso da Deputación co sector audiovisual espállase en diversas iniciativas englobadas no programa “Pontevedra, unha provincia de película”, que resume as políticas culturais desenvolvidas na aposta polo talento creativo e pola industria cinematográfica do territorio, polo audiovisual como medio de comunicación da nosa paisaxe e do noso patrimonio material e inmaterial, por nosos festivais e pola visibilidade da muller neste sector.
O programa “Pontevedra Plató de Cinema” apoia as rodaxes cinematográficas con propostas que amosan amais a preferencia polas Rías Baixas de grandes profesionais que realizan propostas premiadas nos diferentes festivais de cine do país e nos Goya como é o caso da película “Valentina”, ou “Nación” e “9 Fugas”.
“O programa ‘Pontevedra Plató de Cinema’ apoia as rodaxes cinematográficas con propostas que amosan amais a preferencia polas Rías Baixas”
Tamén a creación da marca Rías Baixas Film Fest, que agrupa 9 festivais que cada ano conta con máis participación de público e máis proxección pola calidade: o Festival de Cans, FicBueu, Curtas Armadiña, Novos Cinemas, Play-Doc, Festival Primavera do Cine, Again (Festival de Cine Inclusivo), Curtas Festival do Imaxinario e Galician Freaky Film Festival.
Amais, o compromiso pola igualdade e por rachar coa “intolerable” infrarrepresentación da muller no sector levou á Deputación a crear os premios Mulleres no Foco, en colaboración con CIMA, para recoñecer o talento feminino no audiovisual galego “e intentar transformar esas cifras”. Tamén se puxeron en marcha ciclos como “Cinema e Muller”, “Fóra de plano”, ou as xornadas sobre as oportunidades do Hub Audiovisual, xa en colaboración coa Spain Film Commission.
Neste 2022, entre outras actividades, están previstas ademais dúas exposicións relacionadas coa temática do cinema, “Cines de Pontevedra. Memorias dunha ilusión”, que percorrerá os concellos da provincia, e “Pequena enciclopedia de fotografía”, que se exporá na sede da Deputación en Vigo desde finais deste mes de xaneiro.