Ourense | Eladio Santos, subdelegado do Goberno en Ourense, destacou hoxe, no Día Mundial da Poboación, o crecemento demográfico experimentado na provincia desde 2022 grazas á inmigración, tras unha década de descenso. Fíxoo durante unha visita á oficina do Instituto Nacional de Estatística (INE) en Ourense, onde abordou a evolución da poboación co delegado provincial do organismo, José Manuel Gerpe Vispo.
Eladio Santos explicou que na provincia se observaba un descenso continuado da poboación desde hai moitos anos, máis acusado entre o 2010 e o 2020, e non se produciu un cambio de tendencia ata 2022, cando se acadou a cifra mínima de 304.280 habitantes na provincia. Nos anos 2023 e 2024 apareceron lixeiros incrementos na poboación, que tamén continuarán neste ano.
O subdelegado indicou que neste incremento tivo moito que ver a cidade de Ourense, xa que no ano 2003 a poboación do concello era de 109.475 habitantes (a súa cifra máis alta) e desde ese ano foi seguindo una tendencia negativa que salvo algunha excepción no ano 2010 e no ano 2020, se mantivo ata o ano 2022, cando acadou a cifra mais baixa: 103.756 habitantes. A partir dese ano obsérvase un cambio de tendencia que se mantivo no ano 2024 (cun total de 104.725 habitantes) e previsiblemente se manterá neste ano 2025.
Santos incidiu en que o saldo vexetativo é negativo (4.759 falecidos e 1.339 nacementos en 2023) e o aumento da poboación ten que ver coa chegada de persoas estranxeiras, que representan actualmente o 7,07% do total provincial e o 18,39% dos habitantes da capital, fronte ao 5,04% e ao 13,92%, respectivamente, do ano 2022. “A inmigración é un factor clave para frear o despoboamento e, por iso, tal día como hoxe, celebramos con estas cifras unha esperanza de futuro para unha provincia que quere seguir viva, puxante e con capacidade de crecemento”, remarcou.
O subdelegado concretou que os inmigrantes máis novos proceden de Etiopía e Vietnam cunha media de idade de 20 anos, mentres que os inmigrantes de maior idade proceden de Iraq, Corea e Portugal, cunha idade media de 54 anos, aínda que o maior número de persoas inmigrantes procede de Venezuela cunha idade media de 41 anos. “Estas persoas atopan en Ourense un lugar onde construír o seu proxecto de vida, polo que quero reafirmar o compromiso do Goberno de España cunha política migratoria ordenada, segura e solidaria”, resaltou.
Poboación envellecida
Respecto a outros indicadores demográficos, Eladio Santos apuntou que a pesar do incremento de poboación estranxeira a provincia segue a ter unha poboación envellecida, cun 32% de maiores de 64 anos, fronte ao 20% a nivel nacional. Como dato positivo, o subdelegado sinalou que a esperanza de vida ao nacer pasou desde principios de século de preto de 80 anos a 84 na actualidade. “Esta realidade revela como fundamental o incremento das pensións realizado por este Goberno”, aclarou.
Finalmente, Santos agradeceu “o continuo e rigoroso traballo” que fan os empregados e empregadas do INE “para proporcionar unha radiografía precisa da sociedade”. “O voso labor constitúe unha ferramenta fundamental para tomar decisións de calado dun xeito responsable”, sostivo.