
Tui | A presidenta do R.C. Celta de Vigo, Marián Mouriño, será á pregoeira das Festas de San Telmo deste ano 2026. A lectura do pregón, marcará o inicio oficial dos festexos o próximo sábado, 4 de abril, ás 12.45 h, na praza da Inmaculada.

Así se confirmou esta mañá na presentación das festas patronais de Tui, declaradas de Interese Turístico Galego, por parte do alcalde, Enrique Cabaleiro, xunto ao equipo de goberno ao completo. O Teatro Municipal de Tui, o Espazo Feiral, a praza da Inmaculada, o Paseo da Corredoira e o Espazo Sociocultural, serán parte dos escenarios nos que se desenvolva o amplo programa destes festexos coa entrega dos Premios Cidade de Tui, concertos, animación de rúa, teatro, actividades familiares, gastronomía eventos deportivos, verbenas …
Coa presentación da programación Tui inicia a conta atrás para as festas na honra a San Telmo, declaradas de Interese Turístico Galego, que durante dez días brindarán actividades culturais, deportivas, festivas,…que serán un atractivo tanto para a veciñanza tudense como para persoas de toda Galicia e do norte de Portugal.
Premios Cidade de Tui 2026
A Xunta do Goberno Local acordou que a escritora Marga do Val na categoría individual; e o Tyde F.C. na categoría de colectivo recibirán os premios Cidade de Tui de 2026 o vindeiro 4 de abril na gala que se realizará no Teatro Municipal.

Os galardoados foron recoñecidos pola súa achega á cidade e á sociedade tudense en diversos ámbitos. O Tyde F.C cumpre o seu centenario este 2026 mentres a escritora Marga do Val, fundadora e presidenta do Instituto de Estudios Agrarios “Mártires de Sobredo”, ten unha prolífica traxectoria literaria.




