A precisa mobilización do voto do cambio.

Cadernos da viaxe

Non sei se tamén vostedes se decataron estes días que hai moitas persoas-mesmo, sinceramente, xente que nunca tal pensaríamos- que queren ou coidan precisa unha remuda no goberno galego. Mais, ao tempo, moitas destas persoas semellan non considerar probábel que se produza esa remuda.

Velaí un importante risco para o PP canto á perda da súa maioria absoluta, mais tamén para as forzas do cambio (que semella haberían de se nuclear nomeadamente arredor do BNG e, nun segundo termo, do PSdeG) canto reflicte un risco de desmobilización.

Xa que logo, cúmprelle, primeiro a BNG e, nunha segunda orde, ao PSdeG, tentar aquelar no posíbel o terreo de xogo,. Malia que o próprio Rueda pense que pode ser inconveniente ou arriscado a dinâmica do ruído madrileño obrigará ao PP á españolización da campaña.

“A alternativa dual BNG-.PSdeG precisará da continua afirmación da axenda dos intereses galegos”

Neste senso a alternativa dual BNG-.PSdeG precisará da continua afirmación da axenda dos intereses galegos e das solucións aos problemas galegos contra a devandita españolización, contra o ruído, o sinalamento e o insulto extremista.

A chave é a mobilización, achegando a participación urbana e perirubana a níveis propios das estatais. Porque son os concellos onde BNG e as esquerdas estatais obteñen mellores resultados os que menos participan nas nacionais galegas, mesmo com diferenzas de até seis ou sete puntos entre un e outro proceso.

E esta mobilización require primeiro de que se fale da nosa axenda, evitando no posíbel ese ruído madrileño que de seguro há traer Feijóo e despois que o BNG e Ana Pontón mobilicen non só a base social do galeguismo políitico, senón ao conxunto desa Galicia moderna, activa e autónoma, representada nesas persoas que fan empresa e Universidade, investigan, fan posíbeis malia os recurtes deste Goberno galego os servizos públicos, loitan polo ambiente, pola dinamización do medio rural e pola promoción da nosa cultura e deporte.

De xeito que o BNG sexa non só a casa común do galeguismo, senón da Galicia do cambio e mesmo de todas aquelas persoas que refuguen a polarización extremista da política española. Canto ao PSdeG Besteiro habería esixir de Sánchez o rigoroso cumprimento do pacto de investidura co BNG, non se trabucar de adversário e construir sobre as súas fortalezas, nomeadamente o poder local, no canto de repenicar nesta campaña a dinâmica de bloques estatal. Asumindo Galicia como país autónomo e o cambio como o seu obxectivo real.

Porque o cambio virá se se da esta mobilización e concentración do voto. E esixe, primeiro de todo, que acreditemos que non só é necesario, senón ben real e posíbel.

Advogado. Colabora en varios medios galegos.