“A PLISAN significa futuro para o noso Concello”

Marta Valcárcel | Alcaldesa de Salvaterra de Miño

Que expectativas ten para Salvaterra a instalación da PLISAN?
A PLISAN significa futuro para o noso Concello. É verdade que leva moitos anos de retraso, pero agora mesmo falamos dunha realidade palpable que vai traer consigo prosperidade e un futuro moi prometedor. Salvaterra é un dos poucos concellos que medra e que conta cunha taxa de natalidade positiva, ademais de contar con calidade de vida.

No caso da PLISAN, o ano pasado deuse o primeiro paso coa primeira licenza da man dunha gran empresa como é Albo, e despois viñeron máis: Gainser, Betta Implants, Frinsa, Lonza, e moitas máis que virán detrás. A día de hoxe, e en aproximadamente un ano, xa temos a metade do chan urbanizado desta primeira fase reservado, o que fai que teñamos moi boas expectativas sobre o despegue do maior polígono industrial de Galicia.

Nun principio, o Concello de Salvaterra aceptaba non cobrar o que lle corresponde pola instalación das empresas, co afán de anima-las a que viñeran á PLISAN. Segue en vigor ese prantexamento?
Non se trata de aceptar non cobrar ás empresas, trátase de ser conscientes do problema que temos na raia, onde as nosas empresas marchan para o país veciño. Debemos ofrecer un prezo competitivo, e iso creo que o conseguimos co dereito de superficie, que da unhas condicións excepcionais para poder adquirir un terreo e poder ser competitivo á hora de desenrolar a actividade industrial. Por outra banda, o Concello de Salvaterra de Miño tamén fai un esforzo fiscal importante, primando a creación de emprego e entrando dentro do grupo de concellos emprendedores de Galicia. Iso quere dicir que crear emprego en Salvaterra ten bonificacións, segundo o número de empregos, tanto na licenza de obra como no IAE e no IBI. Así, Salvaterra seguirá bonificando ás empresas que creen futuro.

“Crear emprego en Salvaterra ten bonificacións”

Que lle parece a proposta de Portugal de impulsar unha nova ponte para conectar coa PLISAN?
A proposta de Portugal ven na liña que este Concello ven demandando dende hai anos, que é a creación dunha nova Ponte Internacional que desconxestione a actual, por onde actualmente pasan máis de 10.000 vehículos diarios. Agora mesmo, coa posta en marcha da PLISAN, é mais necesario ca nunca e está claro que esa ponte ten que enlazar directamente co Polígono Industrial.