Galicia | A continuación reproducimos integramente o recente comunicado emitido pola Plataforma “Por un Monte Galego con Futuro” ante a actual vaga de incendios en Galicia:
“A política forestal do PP queima os nosos montes, queima as nosas casas.
Por un Monte Galego con Futuro
Perante a vaga de incendios que que se espalla por toda a Galiza, de norte a sur, e de leste a oeste, estamos hoxe aquí para denunciar máis unha vez outra traxedia ambiental, social e cultural e económica, un novo pesadelo nesta longa noite de pedra da nosa natureza e por extensión do noso País.
O andazo dos incendios que está padecendo toda Galiza cébase, nestes momentos, especialmente sobre todo nas comarcas de Ourense, nomeadamente nos seus espazos naturais protexidos. Nestes momentos xa se superan as 100.000 hectáreas calcinadas, e séguense acrecentando, e non sabemos onde vai parar. Grande parte destes espazos quedarán tinxidos de negro, en forma dun “Prestige do interior” que vai deixar tras de si unha paisaxe desoladora, unha terra devastada e un futuro incerto para quen perderá as súas pertenzas e o seu medio de vida, para a nosa natureza e, por extensión, para o noso País.
Causas múltiples e diversas están na orixe dos incendios que se producen no territorio da Galiza, e cada ano que pasa novos factores, como a mudanza climática, teñen que ser tidos en conta. Máis no que todo o mundo parece estar de acordo é que o abandono do rural, as nefastas políticas agrarias e a aposta polo monocultivo de especies de crecemento rápido están entre as causas que mais inflúen nas vagas incendiarias.
“Causas múltiples e diversas están na orixe dos incendios que se producen no territorio da Galiza,”
Neste sentido, e perante o inmediato fin da moratoria para novas plantacións de eucaliptos decretada pola Xunta de Galiza para este 31 de decembro, e á vista do desastre económico, social e ambiental que estamos padecendo, consideramos necesario reclamar unha moratoria indefinida. Un ano máis, e xa van moitos, ante a inacción dos gobernos galegos do PP, estamos sendo testemuñas de como o lume se propaga por numerosas comarcas do noso rural e de zonas próximas ás cidades, co agravante de que a extensión de territorio que se ve afectada é cada vez maior se as condicións climáticas son desfavorábeis. Non pasa así en anos con condicións climáticas máis benignas, como foi o caso do ano pasado, con apenas 2.600 hectáreas afectadas.
Hai persoas queimadas cun grave risco para a súa vida, arden casas e milleiros de persoas evacuadas víronse na obriga de deixar os seus fogares, e os seus animais, impotentes, xa que non había medios suficientes para facerlle fronte ao lume. Están abandonadas. Os colectivos e as persoas aquí presentes queremos amosar o noso desexo de favorábel e pronta recuperación das persoas feridas, así como a nosa total solidariedade coa veciñanza evacuada, coas que perderon casas e facendas e con aquelas outras que pese aos avisos, e arriscando a súa vida, mantense nas aldeas para tratar de facerlle fronte aos lumes agardando que chova; se as aldeas se salvan será pola súa resistencia e loita, cos soutos, carballeiras e fragas como únicos aliados.
“O Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galiza (PLADIGA) é unha ferramenta inútil”
O Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galiza (PLADIGA) é unha ferramenta inútil, xa que non deixa de ser unha irrelevante actualización de PLADIGAS anteriores. Aprobouse sen debate no Consello Forestal da Galiza, e non se celebra ningún Consello Forestal unha vez rematados os incendios para facer unha análise do número de lumes, da orixe dos mesmos, das medidas de loita e resultados das mesmas; co agravante de que neste Consello non están representadas todas as organizacións e entidades relacionadas co monte e o medio rural. Solidarizámonos tamén co colectivo de profesionais de prevención e extinción, que outra volta traballan en condicións de absoluta precariedade, abandono e falta de medios.
Así, en plena vaga de incendios, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, pedía medios ao Estado español, en tanto tiña 190 prazas sen cubrir. O Goberno galego e o seu actual presidente seguen ocultando a triste realidade de que o que se perde son as grandes xoias naturais de Galiza. Dito isto, non fica ningunha dúbida de que a loita contra o lume, na súa faceta de extinción, débese facer desde a óptica dun servizo público, profesional e permanente, polo que se fai necesario crear un Servizo Público de Bombeiros e Bombeiras Forestais, coa dimensión necesaria para atender a realidade existente.
“O Goberno galego e o seu actual presidente seguen ocultando a triste realidade de que o que se perde son as grandes xoias naturais de Galiza”
A verdadeira política de prevención non é como pensa a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e gran parte da sociedade: ter os montes limpos, as pistas arranxadas e os puntos de auga prestos; senón que pasa por ter un medio rural vivo e con actividade económica produtiva, un monte multifuncional e sustentábel coa implicación da veciñanza comuneira e das persoas titulares particulares nesta posta en valor. Neste sentido, para garantir esta multifuncionalidade faise preciso reclamar da Consellaría do Medio Rural que recupere a liña de axuda para a valorización integral do monte, así como as Unidades de Xestión Forestal (UXFOR).
A vida salvaxe que hoxe se perde tardará moitos anos en volver a reaparecer, porque a contorna tamén degradada xa non consegue achegar sementes nin individuos para a recolonización natural. Cos lumes desaparecen aves ameazadas, como os bufos reais, as tartarañas cincentas e as gatafornelas. Centos de milleiros de bolboretas, saltóns e pequenos mamíferos ficarán abrasados polo avance das lapas. Sobreiras, cerquiños, aciñeiras e érbedos monumentais convertidos en carbón en cuestión de segundos. E que pasará con ese solo queimado e requeimado, tan alterado que non poderá permitir o establecemento da vexetación que sustenta a fauna? A súa recuperación non é cuestión de décadas, senón de centos de anos. As persoas labregas están especialmente afectadas pola destrución dos cultivos, a perda de forraxe almacenada e a imposibilidade de producir outra nova ou facer pastoreo nas terras arrasadas. Na apicultura perdeuse a zona de alimentación das abellas en quilómetros á redonda. E a recuperación destas zonas levará moito tempo.
Unha vez máis, temos que ser o pobo galego quen saía á rúa para exixirlle ao goberno da Xunta medidas urxentes para frear esta situación e un cambio radical nas súas políticas ambientais, agrogandeiras e forestais. É por isto que por enésima vez esiximos:
“Unha vez máis, temos que ser o pobo galego quen saía á rúa para exixirlle ao goberno da Xunta medidas urxentes”
– A creación dun único servizo público, de xestión directa e dependente da Xunta, evitando a súa privatización, composto por profesionais, adecuadamente formados en prevención, extinción de incendios e outras emerxencias que poidan alternar os labores de extinción no verán e prevención durante todo o ano.
– A declaración de “zona catastrófica” (agora “zona afectada gravemente por unha emerxencia civil”) das áreas atinxidas polos lumes. Creación inmediata nas zonas afectadas polo lume de comisións de traballo conformadas pola Administración pública, os titulares dos montes e representantes das organizacións sindicais, agrarias, medioambientais e de comunidades de montes, tendo como cometido a elaboración de medidas para evitar a erosión do chan, medidas de restauración do solo e proxectos para a posta en valor do monte.
– Accións inmediatas nas zonas queimadas para evitar a erosión destes solos de extraordinaria importancia e procurar o antes posíbel a súa restauración, así como impedir a chegada de cinzas e outros contaminantes aos ríos e rías.
– A suspensión da tempada de caza e pesca non só nas áreas queimadas senón tamén nos tecores veciños por un período que permita a rexeneración das poboacións salvaxes afectadas polo lume.
– O pulo decidido a políticas estruturais que preserven a biodiversidade natural, restauren os ecosistemas danados e recuperen os usos tradicionais e multifuncionais dos montes, como o pastoreo. Medidas que contribúen a fixar poboación no rural e a afastar os lumes.
– Denunciamos que a Xunta siga empregando o monte galego como obxecto de especulación, ou como solo barato para as grandes corporacións multinacionais enerxéticas, pasteiras e mineiras que expulsan ás persoas do rural na procura do seu lucro privado. E agardamos que non se aproveite esta situación de desgraza ambiental e social para favorecer os intereses dos lobbys enerxético, mineiro, urbanístico, e forestal.
– Reclamamos unha moratoria indefinida para a plantación de eucaliptos e doutras especies pirófilas, así como a súa eliminación paulatina e dando alternativas aos e ás titulares de montes de eucaliptos situados en terras agrarias, figuras de protección medioambiental, masas mixtas, zonas paisaxísticas, con restos patrimoniais, etc.
POR UN MONTE GALEGO CON FUTURO. Basta xa de tanta manipulación e de propaganda baleira sobre o noso rural. Non queremos que o monte sexa pasto do lume e da especulación.
LUMES NUNCA MÁIS!
Plataforma ‘Por un monte galego con futuro’. Colectivos que a integran:
Asociación Somos Pandeireteiras, A Estruga, A Rente do Chan-Pladever, A Ría Non se Vende, A Terra Non se Vende (ATNSV), Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, Agrupación Micolóxica Naturalista Liboreiro, Amarelante Sociedade Cooperativa Galega, Amigos da Terra, Anduxía, Asociación de Gandeiras e Agricultores Galegos Elas Eles, Asociación Ambiental Petón do Lobo, Asociación Ambiental Senda Nova, Asociación de Amigos e Amigas dos Bosques “O Ourol de Anllóns”, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Asociación para a defensa medioambiental Salvemos Monteferro, Asociación pola Defensa da Ría (APDR), Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago (AGACS), Asociación de Escritores en Língua Galega, Asociación Galega de Apicultura (AGA), Asociación Galega Cova Crea, Asociación Cultural Bidueiro, Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT), Asociación de Custodia do Territorio Brexa, Asociación Frouma, Asociación Medioambiental Galicia Ambiental, Asociación Medioambiental Grupo Lobo, Asociación Monte Galego, Asociación Montes de Galiza (MONTEGAL), Asociación Naturalista Baixo Miño (ANABAM), Asociación Naturalista Hispella, Asociación Rebinxe, Asociación Rexeneración Autóctona, Asociación Veciñal do Saviñao, Colectivo Agrocuir da Ulloa, Comando Ghichas, Confederación Intersindical Galega (CIG), Ecoloxistas en Acción, Federación Ecoloxista Galega (FEG), Federación Rural Galega (FRUGA), Foro do Camiño, Fundación Eira, Greenpeace, Grupo Naturalista Hábitat, Instituto de Estudos Miñoráns, Marcha Mundial das Mulleres, Mariña Patrimonio, Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM), Plataforma Pola Defensa da Ría de Vigo «CÍES», Plataforma pola Protección da Serra do Galiñeiro, Quercus Sonora, Salvemos as Fragas de Catasós, Sindicato Labrego Galego (SLG), Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO), SOS Groba, SOS Suído Seixo, Terra Chá Sostible, Verdegaia e Véspera de Nada.
Galiza, 21 de agosto de 2025″.