A Plataforma N-120 reforzará as mobilizacións en Ponteareas

Xuntanza cos colectivos sociais, políticos e deportivos

Ponteareas | A Plataforma pola mellora da N-120 mantivo este martes unha reunión de traballo coa participación de representantes do Concello de Ponteareas, os voceiros municipais de todos os grupos políticos, o Club Ciclista de Ponteareas, e entidades sociais como ‘Adapta’.

O obxectivo deste encontro foi o de seguir avanzando na organización das mobilizacións cidadás e trazar novos pasos que manteñan a presión sobre o Ministerio de Transportes para que reciban á plataforma e para que o proxecto de remodelación da nacional vexa a luz á maior brevidade posible.

Luis Campos, portavoz da Plataforma, subliñou que “os apoios que estamos a recibir é o reflexo de que toda a sociedade reclama o mesmo: unha N-120 segura, sen máis parches e cunha actuación integral que xa está proxectada e lista para executarse”.

A Plataforma insiste en que non deixará de reclamar ata conseguir unha solución definitiva e fai un chamamento á cidadanía de Ponteareas e da comarca a continuar participando activamente nas mobilizacións. “A forza da xente é a nosa mellor garantía para que nos escoiten e actúen dunha vez por todas”, engadiu Campos.

Este venres, manifestación masiva
Por vez primeira desde que empezaron os curtes de tráfico e as mobilizacións da Plataforma, confirmaron a súa presenza nos actos reivindicativos máis persoas e colectivos que se están a sumar ás manifestacións. Representantes da asociación de moteiros ‘A M Los Wilson’s, clubes de ciclismo e mesmo de fútbol base foron convidados a respaldar este proxecto, do que os veciños e veciñas son usuarios directos. Como é habitual, o punto de encontro, este venres 3 de outubro, será na Capela dos Remedios a partir das 19:30 horas.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.