Ponteareas | A Plataforma pola Defensa da N-120, xunto coa veciñanza e representantes de todos os grupos políticos da Corporación municipal de Ponteareas, protagonizaron esta tarde un novo corte de tráfico na N-120 para esixir ao Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible unha solución inmediata ao grave problema de inseguridade viaria que supón esta estrada.
Durante unha hora, entre as 19:30 e as 20:30h, centos de persoas participaron nesta mobilización que contou cun forte apoio social e político, amosando unha vez máis a unidade de Ponteareas diante dunha demanda histórica: a execución do proxecto xa redactado e paralizado de mellora desta vía estatal, que soporta máis de 17.000 vehículos diarios e acumula unha elevada taxa de sinistralidade e atropelos.
A protesta estivo marcada por accións simbólicas de gran impacto, como a instalación dunha pancarta xigante co lema “N-120 Solución Xa”, así como a presenza dun coche fúnebre e un cadaleito que representaron visualmente a perigosidade desta estrada. Veciños e veciñas portaron pancartas e chalecos reflectantes, lembrando ás vítimas e advertindo da urxencia dunha intervención inmediata.
A Plataforma denunciou unha vez máis a falta de resposta do Ministerio, que continúa ignorando as peticións de reunión formuladas tanto polo Concello como pola propia veciñanza, a pesar de tratarse dunha demanda unánime e reiterada.
O portavoz da Plataforma pola Defensa da N-120 Luis Campos reclamou que “a N-120 converteuse nun dos puntos negros máis perigosos de Galicia, unha estrada que xa se cobrou demasiadas vidas. E isto sábeo todo o mundo. É intolerable que sexan conscientes deste perigo e decidan mantelo cando existe un proxecto listo para ser executado. O que pedimos é sinxelo e de xustiza: unha actuación integral e inmediata que remate coa inseguridade dunha vía pola que todos transitamos cada día. Non podemos consentir nin unha perda máis, nin un só minuto de demora por falta de vontade política.”
Máis concentracións previstas
As mobilizacións, que contan coa autorización da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, continuarán o vindeiro venres 3 de outubro, no mesmo lugar e á mesma hora, ata acadar unha resposta efectiva. Ademais, a Plataforma intensificará o calendario de accións nas que continuará sumando o apoio de diferentes colectivos.
“Queremos unha N-120 segura e non imos parar ata conseguilo. Este é só o inicio dunha serie de mobilizacións máis contundentes, e faremos o que faga falta para que nos escoiten, aquí, en Pontevedra ou en Madrid. Por iso, facemos un chamamento a todos os ponteareáns/ás e tamén á veciñanza dos concellos da contorna que empregan esta estrada a que se unan e participen con nós. A forza da cidadanía unida é a nosa mellor garantía para conseguir o que nos corresponde”, subliñou o portavoz.