Ponteareas | A Plataforma pola mellora da N-120 mantén a súa actividade reivindicativa para acadar o gran obxectivo fundacional do colectivo: que o Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible que dirixe Óscar Puente execute, dunha vez por todas, o proxecto de mellora da vía que está “totalmente paralizado e que segue a poñer en risco a vida de miles de usuarios día tras día”.
Despois de promover durante semanas manifestacións e curtes de tráfico na nacional 120, na que participaron distintos clubs deportivos e colectivos de Ponteareas, a plataforma segue intensificando a súa estratexia reivindicativa para dar continuidade ao traballo realizado. Co apoio de todas as forzas políticas con representación no pleno municipal ponteareán e de cada vez máis veciños e colectivos, dáse un paso máis na folla de ruta marcada co envío dunha carta ao Delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras, o máximo representante do Goberno de España na nosa comunidade.
Solicítase no escrito enviado unha “reunión urxente” na que poder darlle traslado, de maneira directa e detallada, “da gravísima situación que se leva vivindo na estrada nacional N-120 ao seu paso por Ponteareas e os municipios limítrofes durante os últimos anos”.
En paralelo, a Plataforma N-120 interpón tamén unha queixa formal ante a Valedora do Pobo, á que lle pide amparo para a defensa dos intereses colectivos dos 17.000 usuarios diarios da estrada, solicitando tamén unha reunión para poder presentar os antecedentes dos feitos, as xestións realizadas ata o momento e os próximos pasos previstos.
Segundo destaca o voceiro do colectivo, Luis Campos, “a situación é insoportable. Sentímonos tremendamente apoiados pola xente pero alarmantemente esquecidos polos responsables políticos, que son os que teñen que poñer solución ao gravísimo problema de inseguridade desta vía”.