A Plataforma N-120 en Ponteareas anuncia a “resolución definitiva” das súas reivindicacións

O BOE publicou a aprobación dos 3,3M€ por parte do Goberno do Estado para a demarcación na estrada N-120

Ponteareas | A Plataforma pola mellora da N-120 celebra a publicación no día de hoxe do Boletín Oficial del Estado (BOE) do anuncio oficial da Demarcación de Carreteras del Estado en Galicia pola que se informa da Resolución do Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible de aprobación do expediente de “Construcción de glorietas y tratamiento de márgenes de la carretera N-120 entre el pk. 644,900 y 649,950”. Esta publicación supón a oficialización da resolución e o punto e final á vía administrativa do proxecto.

A nova foi recibida con alegría no seo do colectivo, que ve así recompensada a súa actividade e atendidas, en primeira instancia, as súas reivindicacións. “Este era o primeiro paso necesario para poder ver unha N-120 segura para todos e todas, como vimos pedindo dende hai moitos anos”, asegura Luis Campos, voceiro da plataforma.

O BOE recolle que a través desta resolución firme do Ministerio, dáse cumprimento ás prescricións presentadas ao proxecto, que contarán cun orzamento de 3.349.639,37 euros:
Revisión, implantación ou eliminación de paradas de autobús e pasos de peóns, coa participación dos organismos correspondentes.

– Eliminación da glorieta prevista no punto quilométrico 646+470.

– Mellora do acceso no PK 649+550 para permitir entrada e saída.

– Mantemento dos accesos existentes onde non haxa alternativas.

– Actualización dos servizos (gas, auga, telecomunicacións) con notificación ás empresas subministradoras afectadas.

– Protección do patrimonio arqueolóxico (zona de Cividá).

– Nova consulta ao Catastro para actualizar as titularidades das parcelas.

– Modificación do deseño das glorietas e inclusión da anchura suficiente para permitir o paso de vehículos especiais.

– Fresado da plataforma existente.

A Plataforma N-120, unha vez publicado este anuncio manifesta publicamente o seu agradecemento a todos e cada un dos partidos políticos con representación no Concello de Ponteareas “porque sen esta unión e estes apoios, non sería posible ter chegado ata aquí”, apunta Campos. De igual maneira, a plataforma agradece a todos os veciños e veciñas e aos representantes de colectivos e de clubs deportivos de Ponteareas que durante as manifestacións participaron activamente para conseguir este resultado.

Por último, ínstase formalmente ao Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible a que chegados a este punto, “lle dean máxima prioridade para licitar e executar a obra e poñer fin a unha reclamación que leva unha década activa. Sen dúbida este é un gran avance, unha gran nova imprescindible para conseguir o obxectivo de eliminar un gran punto negro que se cobrou a vida de demasiadas persoas, pero temos claro que aínda queda percorrido por diante e que non descansaremos ata que a futura N-120 sexa unha realidade”, conclúe o voceiro.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.