A pesar de todo.

Tanto correron os feitos que hai quen finxe ser feliz abondando malignidades e desgrazas. Desas que se fan desde a sombra e que, claro está, danan a toda outra xente, moita dela na mesma dignidade. Hai tamén quen simula estar enfermo, padecer algún trastorno, simplemente para finxir estados mentais degradados ou sublimes, nos que ninguén debe entrar porque son desa persoa e fai con eles o que quere, mesmo aparentar ser sabio ou andar perdido. Fano para non ter que dar explicacións.

Hai nestes tempos moita xente a representar a súa propia obra teatral simulando ser quen non son, marionetas dun vento lurpio. Fano para chamar a atención e ser centro de captación das boas intencións alleas, cando vemos son tamén capaces de mimetizar nunha aparencia de compromiso carente de principios. Son xentes desa ideoloxía do consumo, da lamentable conxuntura de intereses pecuniarios e económicos do capitalismo de sempre, na cultura do abuso e a mentira, dunha inxusta xustiza tan evidente e segundo para quen sexa. Hoxe xa é palpable e a verdade está rodeada de molestias, de desgustos, de acosos. Está coaccionada e fustrigada pola suposición, a dúbida, a desconfianza, os artigos daquela prensa sometida.

Non fan falta probas. Son as singularidades que nos identifican e enchen escaparates, son os que se dan á fuga e causan desespero. Todo invita a abdicar e a perdernos sen respectarnos a nós. Só hai que mirar aos que acadaron algún tipo de poder e como manipulan os outros poderes. Aí están para ver e identificalos, na perversión da verdade que todos sabemos, mínimo común múltiplo da decencia, máximo común divisor de calquera esperanza. A realidade social está ancorada na renuncia da verdade, no eufemismo fala-barato, no fume, na aparencia, no espectáculo dos egos. O becerro de ouro.

Neste lugar non queda moito sitio para os optimistas da soñada liberación, a mentira habita xa e supera os condicionantes do coñecemento. Vencen sempre os comentarios sibilinos e os recortes de prensa, dicires antes que evidencias científicas, prexuízos antes que criterios avalados na realidade. De aí a que se creen ídolos falsos, talismáns que seduzan e desvíen, hábitos de falsas utopías nunca certas nin acertadas, fitos desa colonización imperialista que subxace baixo a mentira, o roubo, o erro. Crea confusión, convicción, dependencia, escravismo, enfrontamentos. Se queremos recuperar algo de cordura debemos des-ler e non calar, debemos frustrar esas súas intencións de dominio que nos condicionan.

“Xogamos en contra de poderosos medios de exclusión social, medios de contubernio e cisma, de polarizacións que nos trouxeron a onde estamos”

Xogamos en contra de poderosos medios de exclusión social, medios de contubernio e cisma, de polarizacións que nos trouxeron a onde estamos. Un mundo dividido que nos fai parecer foulas no aire, esnaquizados. Mandan os malos e reforzan esa división, teñen de man os medios para perverter a verdade e a razón, viralizaron a mentira cos ídolos de pin-pón. Resultamos ser vítimas desa enorme estupidez que nos conduce á tiranía, que confirma a nosa debilidade e torpeza, unha vez máis a excesiva confianza na razón e na xustiza. Estamos aquí, nesa divulgación de condutas fascistas e agresivas, excluíntes. Ben vistes o que lle pasou ao Fiscal Xeral, non-si? Pois así hai moitas e teñen garantidas moitas máis.

A pesar de todo, nunca choveu que non escampara! Eu deséxolles poidan pasar unhas boas festas de Nadal e de Feliz aninovo no que, seguro, seguiremos a loitar pola luz clarificadora que os poña no seu sitio e os delate. Resistiremos.

Mestre e músico.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.