A partir de maio haberá voo directo entre Newark e Santiago de Compostela

O director de Turismo da Xunta de Galicia reuníuse cos axentes de viaxes máis relevantes de Nova York

Aldea Global | O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, continuou coa súa axenda en Nova York, nesta ocasión reuníndose coa CEO da compañía Tauck Travel, Jennifer Tombaugh, un dos principais operadores estadounidenses especializados en itinerarios polas rutas xacobeas e tamén co CEO do club de turismo premium Virtuoso, Matthew Upchurch, dedicado ao segmento de viaxes de alta gama e turismo de luxo.

Durante a viaxe a Nova York, Xosé Merelles tamén mantivo encontros co presidente da Asociación Americana de Axencias de Viaxes (ASTA), Jim Killen, coa directiva da asociación de axentes de viaxes de Estados Unidos, Alta Travel USA, e tamén con directivos de United Airlines para a área de Nova York, compañía que operará o voo entre Newark e Santiago a partir de maio. O director de Turismo de Galicia constatou o interese xerado en torno a iniciativas coma o Galicia Spa Pilgrimage, que une o termalismo coas rutas xacobeas, como unha proposta capaz de atraer ao turista estadounidense que busca experiencias personalizadas e singulares. Esta, concretamente, integra saúde, natureza e espiritualidade.

“O Galicia Spa Pilgrimage é un produto propio da nosa oferta que nos permite fortalecer o noso posicionamento internacional como destino”, afirmou Xosé Merelles destacando ademais que a comunidade galega é unha das rexións termais máis ricas de Europa e conta cun produto único e recoñecido internacionalmente como o Camiño de Santiago.

Durante os encontros, o director de Turismo de Galicia explicou como este produto permite ofertar experiencias de benestar e estadías en establecementos aos peregrino nunha simbiose das rutas xacobeas con productos termais ao longo das etapas do Camiño de Santiago.

Tanto Jennifer Tombaugh, de Tauck Travel, como Matthew Upchurch, do club Virtuoso, trasladáronlle ao director de Turismo de Galicia durante cadansúa reunión, o interese crecente que constatan cada día polo este destino.

Un interese que, segundo salientou Xosé Merelles, tamén se ratifica co voo directo entre Newark e Santiago de Compostela que comezará a funcionar no vindeiro mes de maio e tamén polos datos de visitantes rexistrados entre xaneiro e setembro deste ano, con máis de 207.000 turistas estadounideses que visitaron Galicia, case un 13,5% máis que nos nove primeiros meses de 2024. Así tamén llo trasladou na reunión que mantivo cos directivos da compañía na cidade de Nova York.

Remate da visita de promoción de Galicia
O director de Turismo de Galicia rematou este xoves a súa viaxe institucional de promoción do destino a Nova York onde ademais de manter reunións con axentes e entidades do sector turístico, asinou un convenio de colaboración coa Hispanic Society of America, mediante o cal esta institución cederá a colección de fotografías realizada por Ruth Matilda Anderson nas súas viaxes a Galicia para a edición dun libro por parte da Xunta de Galicia.

Ademais, Xosé Merelles presentou a marca España Verde nun acto ante máis de 100 axentes e responsables das axencias turísticas máis importantes de Estados Unidos.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.