A panadeira non me quere falar galego.

Por Suso de Toro.

Hai tempo que mantemos relacións, en cada un seu lado do mostrador do despacho do pan. E ela sempre me contesta en castelán, mesmo me traduce, se eu lle pido “esa bóla de pan de centeo” ela repite “la bollita de centeno”. E así a cada volta, e xa levamos anos.

“Eu sei que ela non o fai por mal, faino por defenderse e reivindicarse. É un xogo tan delicado e cruel…”

Onte estaba eu nun costado da tenda e ela non me viu mentres despachaba o pan a un home, como intercambiaron  unhas frases ela acabou pasando do castelán ao galego e despedíronse a rir. Cando me viu mudou a cara e novamente comezamos o noso xogo, pedín o pan e ela traduciu e despedímonos novamente cuns “gracias/grazas” moi corteses.
Eu sei que ela non o fai por mal, faino por defenderse e reivindicarse. É un xogo tan delicado e cruel…

Cando falaba con ese home co que intercambiou frases en galego ela sentíase en confianza, identificou a alguén que era “como ela”. Identificou a alguén que pensou que era dunha condición ou que estaba nunha situación social semellante á súa. Era un igual e pois a relación era igualitaria.

Teño varias explicacións a por que comigo non fala, e todas elas son complementarias ou poden coexistir:

1) Eu penso que ela identifica en min a alguén máis “fino” (dispensen o termo ou a presunción de que alguén poda pensar de min que son máis ou menos “fino”…) e non acaba de crer que eu fale galego de modo habitual e constante na miña vida, e que o fale con todo o mundo con naturalidade.  Porque ela sabe que falar galego con naturalidade non é natural.

2) Eu penso que ela pensa que fago como aqueles profesores meus que dicían “yo también hablo gallego cuando voy a la aldea”. Eu penso que ela pensa que me dirixo a ela con condescendencia de alguén que se sinte superior dirixíndose a un inferior, pois “ser de aldea” tristemente foi e aínda é vivido por moita xente como un estigma de orixe que convén non mostrar.

3) Eu penso que ela pensa que utilizo a lingua como sinal de clase ou status e que a uso para marcar fronteira lingüística e para situar a cada quen no seu rol.

4) E eu penso que ela négase a falar galego precisamente para non aceptar que eu pretenda situala nunha posición subalterna e que a manteña nunha orixe social rural ou proletaria. Eu penso que ela pensa que así defende a súa dignidade persoal.

5)  E penso que iso demostra que é unha persoa rebelde. E só podo lamentar este triste sino noso, que para que moitas persoas sintan que son respectadas teñen que abandonar a lingua galega para pasarse á lingua do estado, á lingua do poder e das élites sociais.

O triste sino de que para ser respectado neste país teña un que empezar por deixar de respectarse a si propio, que para ser respectado teña un que negar a súa propia identidade, negar a orixe e aos maiores.

Hai uns días publicáronse os datos sobre o éxito da política lingüística da Xunta de Galicia gobernada pola dereita española: conseguen acelerar o proceso de desaparición de falantes de galego, cada vez somos menos.

Ese proceso leva dentro tantas historias de humillación, de complexos e inseguridades…Unha outra vez repito, o drama non está en que desaparezan eses falantes que cargan o galego como un herdo incómodo, como un estigma do orixe. O drama lingüístico non está en que desaparezan falantes para quen o galego é un cárcere social, unha marca lingüística que os encerra nun destino de clase do que só se pode saír co desclasamento lingüístico.

Mentres o galego sexa unha lingua de clase social e non unha lingua nacional, falada por cidadáns e cidadás libres e con orgullo cívico, seguirá camiñando á súa desaparición.

“Mentres o galego sexa unha lingua de clase social e non unha lingua nacional (…) seguirá camiñando á súa desaparición”

O futuro da nosa lingua non está nesas camadas sociais que o falan tan ben, con tanta enxebreza, co mellor sotaque, co máis rico vocabulario…O futuro está nesas persoas, mozas ou maiores, que deciden usalo por dignidade de país aínda que o falen mal. Nesas persoas que o falan “mal”, con todo tipo de interferencias do castelán, cos pronomes átonos fóra de sitio, con dúbidas, co vocalismo do castelán…Son esas persoas as que fan e farán unha lingua digna e libre.

Porque as persoas que “non saben falar ben” esa fala de clase son as persoas que saben falar ben unha lingua nacional.

Non me preocupa tanto que deixe de haber falantes dunhas palabras que sinten que é unha enfermidade da identidade ou unha doenza, como que haxa tan poucos falantes do galego como lingua nacional.

Será o nacemento dunhas élites sociais galego falantes, unhas élites con orgullo de país, as que garantan a existencia da lingua propia e nacional.

Aí está o pan que alimente a lingua.

E non sei se a panadeira e mais eu acabaremos algún día a conversar e rir en galego. Non perdo a esperanza porque un xa leva visto milagres.