A Cañiza | A Igrexa Parroquial de Santa Cristina de Valeixe, con súa impoñente acústica e históricos retábulos, consolidouse como un escenario de excepción para a música clásica.
O acto contou coa presenza do Delegado Rexional Noroeste de Redeia, Fidel Rodríguez, e do Alcalde Luis Piña acompañado polo seu Equipo de Goberno. Antes de comezar o concerto, o párroco de Santa Cristina de Valeixe, José María Vázquez, deu a benvida e agradeceu a todos os asistentes por ter elexido Valeixe como punto de encontro. Posteriormente, Fidel Rodríguez presentou esta iniciativa cultural de máximo nivel, rematando o Alcalde coas súas palabras de agradecemento á parroquia de Valeixe e a Redeia por facer posible a celebración deste concerto único.
Segundo comentou Luis Piña esta mañá “o concerto celebrado este sábado na Igrexa Parroquial de Santa Cristina de Valeixe marcou o inicio do ciclo musical conmemorativo do 40º aniversario de Rede Eléctrica Española (Redeia), cun éxito absoluto de público e unha calidade artística insuperable”. “O evento, a cargo da recoñecida Orquestra de Cámara Galega, reuniu a veciños e visitantes nun entorno único, onde a magnífica acústica do templo se complementou co seu espléndido patrimonio artístico, especialmente os seus históricos retábulos, que engadiron un toque de solemnidade á velada”.
Este concerto supuxo tamén a segunda ocasión en que o Concello escolle a Igrexa de Santa Cristina de Valeixe como escenario dun concerto de tan alto nivel. “Estamos profundamente orgullosos de que A Cañiza volva ser o lugar elixido para un evento desta magnitude, que reafirma a nosa aposta por achegar a cultura de calidade á nosa xente e por consolidar este espazo como un referente para a música clásica”, declarou o Alcalde. “A acústica excepcional desta igrexa, unida á súa beleza arquitectónica, fan dela o lugar ideal para albergar concertos como este, que buscan fusionar a arte sonora e a beleza do noso patrimonio.”
“Este concerto non só representa unha homenaxe aos 40 anos de historia de Rede Eléctrica, senón tamén un recoñecemento á riqueza patrimonial da Cañiza e, en especial, á Igrexa de Santa Cristina de Valeixe”, engadiu Luis Piña. “Seguiremos traballando para poder gozar de novos concertos e consolidar o noso municipio como referente no ámbito artístico.”
O programa, dirixido polo mestre Rogelio Groba Otero, combinou obras universais de Mozart e Grieg con pezas contemporáneas do propio Groba, emocionando ao público cunha interpretación de altísimo nivel. Este concerto forma parte dun ciclo que percorrerá diversos espazos históricos de Galicia —igrexas, pazos e mosteiros— co obxectivo de fusionar patrimonio e música nunha experiencia cultural aberta e accesible para todos.
A elección da Cañiza como punto de partida non foi casual, senón unha mostra do compromiso do municipio coa promoción da cultura en todos os seus formatos e do recoñecemento da súa riqueza artística e monumental. Con este arranque memorable, A Cañiza afíanzase no mapa cultural de Galicia, e Redeia reafirma a súa vocación de contribuír ao desenvolvemento territorial a través da cultura.