A oposición reclama un novo desenvolvemento para Nigrán

Entrevistas cos voceiro/as do Partido Popular e do BNG

A actualidade do Concello de Nigrán ocupa a atención das dúas principais forzas da oposición no Corporación Municipal, sendo estas o Partido Popular (PP) e o BNG. Falamos cos seus principais representantes en torno a estas dúas cuestións:

(1) O Alcalde Juan A. González (PSOE) vén de superar o ecuador do seu mandato. Que balance merece a súa xestión?

(2) Mirando ás municipais 2027. Como visualizas o Nigrán do futuro?

María Jose Pino (Partido Popular. Cinco concelleiro/as)

“O meu modelo de futuro pasa pola eficiencia e a seguridade”

(1) Como concelleira e portavoz do principal partido da oposición, quero deixar claro que foron 11 anos perdidos baixo a xestión do alcalde do PSOE. Sirva de exemplo, a falta de avances no plan xeral de ordenación urbana, é un claro exemplo da ineficacia deste goberno.

Os sorrisos e os abrazos non constrúen un pobo; só serven para gañar votos. Nos próximos dous anos damos por feito que o alcalde tentará recuperar apoio, mediante medidas superficiais, como asfaltado e saneamento, así como dádivas a comisións de festas. Con todo, isto non oculta a falta dun verdadeiro plan de desenvolvemento. Os cidadáns merecen un liderado que entregue resultados reais e duradeiros. Desde a nosa posición, seguiremos denunciando esta falta de compromiso e esixindo cambios substanciales.

(2) Vexo o Nigrán do futuro coa ambición de quen sabe que somos a segunda renda máis alta de Galicia, pero coa frustración de ver que ese potencial queda nun ‘quero e non podo’ pola inacción do goberno actual. Para min, o futuro non é un concepto abstracto; é unha xestión que hoxe non existe. Non podemos ter un Auditorio municipal que é pouco máis que un contedor baleiro, sen unha programación que nos sitúe no mapa cultural. Non é de recibo que as nosas praias, o noso maior tesouro, sufran o abandono e a falta de limpeza cando deberían ser o orgullo da comarca.

“É urxente centralizar servizos en Porto do Molle, creando un centro operativo unificado para o GES, Protección Civil e Policía Local”

O meu modelo de futuro pasa pola eficiencia e a seguridade. É urxente centralizar servizos en Porto do Molle, creando un centro operativo unificado para o GES, Protección Civil e Policía Local. Non ten sentido ter entes deslocalizados cando o talento empresarial de Porto do Molle —un motor que brilla a pesar dos obstáculos municipais— e a nosa posición no Camiño de Santiago esixen unha administración á altura, que potencie a nosa marca en lugar de ignorala.

O futuro de Nigrán empeza na urna, non nas promesas. De nada serven os ‘futuribles’ se seguimos ancorados en diatribas baleiras. O cambio de goberno non é unha opción política, é unha necesidade de xestión para que Nigrán deixe de ser un proxecto pausado e empece a camiñar de verdade.”

Xavier Rodríguez Fernández (BNG. Un concelleiro)

“O Plan Xeral segue nun caixón despois de máis dunha década de tramitación”

(1) O balance ten que ser necesariamente negativo pois non pode disociarse da ampla maioría coa que conta. Precisamente o feito de dispor dunha maioría absoluta, menor que no mandato anterior pero ampla ao fin e ao cabo, permitíalle afrontar confortablemente os grandes asuntos que require Nigrán. Traspasado o ecuador do mandato non conseguiu sacar adiante ningún deles e aínda que tente apuralos no que queda del, non hai un que cristalice sen problemas.

Así, o Plan Xeral segue nun caixón despois de máis dunha década de tramitación e tras enlazar dous mandatos con maioría absoluta. De ter vontade podería ter feito xa unha nova exposición pública tal e como pide o BNG, e non pretender aprobalo cun período de información feito hai máis de 10 anos e con cambios substanciais no documento.

Os grandes contratos de Nigrán levan anos vencidos e prestándose en precario e, por riba, cando saen a licitación fano cheos de irregularidades, como o da recollida de residuos no que se inflou o prezo do contrato. O do abastecemento e saneamento non iniciou sequera a tramitación para unha nova contratación pese a estar prorrogado dende hai moito tempo.

Por outra banda, un dos principais problemas cos que se atopa a veciñanza de Nigrán, como é o acceso á vivenda, non mereceu actuación ningunha deste goberno, pese a ser posto na axenda polo BNG, que leva tempo reclamando medidas neste ámbito.

(2) Con todo, miramos cara o futuro con optimismo. Cremos que a tendencia que xa se viu nas pasadas eleccións municipais, coa perda dun milleiro de votos e dous concelleiros polo PSOE, vai verse agudizada na convocatoria do 2027, tras estes anos de parálise. Estamos convencidos de que o BNG será decisivo tras os próximos comicios locais e iso será determinante para cambiar a política do concello.

Abordarase con decisión a construción de vivenda protexida en Nigrán e a protección do medio, algo que non constitúe unha prioridade para o goberno actual, así como a rexeneración e transparencia na actuación municipal, coa renovación dos contratos caducos e a limpeza dos procesos.

“Aspiramos a ter un Nigrán con servizos como un centro de día público”

Tamén aspiramos a ter un Nigrán con servizos, como un centro de día público, ao que este alcalde renunciou, ou instalacións deportivas acordes a un concello de 18.000 habitantes, que tamén constitúen unha eterna promesa reiterada ao longo dos dous últimos mandatos e que este goberno tentará apurar, agora, cara as eleccións de 2027.

 

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina. Redactor Xefe de "Foro A Peneira" e "Novas do Eixo Atlántico".

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.