Ponteareas | A voceira municipal do PSdeG, Vanesa Fernández denunciou a “actitude autoritaria e carente de empatía” da Alcaldesa Nava Castro, tras negarse a debater no pleno municipal de setembro a moción presentada polos grupos da oposición para rescatar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF).
Pola súa banda, Manoel Ucha, voceiro de Ponteareas en Común (PeC) denunciou a “actitude déspota do goberno municipal” ao negarse a atender as condicións laborais das traballadoras. PSOE e PeC criticaron que Nava Castro pasase por alto a moción sobre o SAF impulsada polos partidos da oposición, procedendo a debater a aprobación dos Orzamentos 2026.
PSOE, PeC e BNG amosaron unha posición común de apoio á folga indefinida convocada polas traballadoras do SAF tras meses denunciando incumprimentos laborais e a falta de medidas de protección adecuadas por parte da empresa concesionaria Óbolo. Toda vez, a oposición reiterou a necesidade de municipalización do SAF baixo xestión directa do Concello.