
A actualidade do Concello de Gondomar ocupa a atención das tres principais forzas da oposición no Corporación Municipal, sendo estas o Partido Popular (PP), Manifesto Miñor (MM) e BNG. Falamos co/as tres principais representantes destas forzas políticas en torno a estas dúas cuestións:
(1) O Alcalde Paco Ferreira (PSOE) vén de superar o ecuador do seu mandato. Que balance merece a súa xestión?
(2) Mirando ás municipais 2027. Como visualizas o Gondomar do futuro?
Paula Bouzós Barros (Partido Popular. Cinco concelleiro/as)

“En dez anos como Alcalde, Paco Ferreira non ten nin a capacidade de aprobar uns orzamentos”
(1) Esta está sendo unha continuación das políticas desenvolvidas durante o anterior mandato; falta de compromiso e inversións nas parroquias e a paralización das principais demandas dos veciños. Botamos en falta máis inversión en saneamento, que é o que mais falta fai nestes momentos ao igual que a aprobación do Plan Xeral.
Paco Ferreira non ten nin a capacidade de aprobar uns orzamentos, a pesar de levar máis de dez anos de Alcalde, e non é de recibo que siga gobernando con orzamentos do ano 2012, con sucesiva prórrogas.
“En canto ao polígono de A Pasaxe temos as nosas sospeitas sobre as obras que se están realizando”
En canto ao polígono de A Pasaxe, outra necesidade vital, temos as nosas sospeitas sobre as obras que se están realizando despois de que nos mentise varias veces cando se lle preguntou sobre as mesmas. Estamos agardando que o convenio coa Zona Franca volva a pleno para resolver as alegacións que fixemos ao mesmo, xa que non estamos de acordo en ceder á Zona Franca o que lle corresponde ao Concello.
(2) Estamos seguros de que nas vindeiras eleccións imos colleitar un bo resultado; as enquisas así o reflexan e imos ser capaces de formar un goberno que goberne e que quite adiante os asuntos máis importantes que os veciños demandan. Queremos un Gondomar para as parroquias, en todos os sentidos, e un Concello que mire polo comercio local e polos veciños, abrindo o centro de Gondomar a todos.
Antón Araúxo Quintas (Manifesto Miñor, MM. Un concelleiro)

“O modelo Paco Ferreira está esgotado por ser o modelo caciquil de sempre”
(1) É que non houbo xestión se entedemos coma tal ter un modelo de Concello recoñecible que guíe a acción política do goberno municipal. O exemplo palmario é que Paco Ferreira foi incapaz, malia as maiorías absolutas, de aprobar uns orzamentos municipais. Paco Ferreira practica a vella fórmula caciquil de vivir á sombra da Deputación Provincial executando aqueles proxectos para lucimento propio ou para alimentar o clientelismo político de sempre. Cando tivo que xestionar de verdade perdeu unha subvención de 548 mil€ do Ministerio de Vivenda, Mobilidade e Axenda Urbana, por desidia, ao non executala no prazo establecido tendo que pagar o Concello en 2025 máis de 40mil€ de xuros por non devolvela cando cumpría. É un especialista en criar conflitos artificiais coa Xunta no canto de negociar para resolver problemas, como fixo co proxecto contra as enchentes no centro da Vila, perdendo as obras e un investimento de case 2,5M€ ou, a tirapuxa coa Xunta polo financiamento das obras da 1ª fase do Polígono Industrial d´A Pasaxe que a día de hoxe precisa máis de 2M€ para rematalas sen saber de onde van saír os cartos.
“Paco Ferreira apostou polo bonito fronte ao necesario”
No caso do PXOM, que segundo el foi o motivo da expulsión do goberno municipal en 2019 de MM comprometéndose en 1ª persoa a sacalo adiante e anunciado varias datas para a súa aprobación inicial, seis anos despois nada se sabe do mesmo. Mentres, o urbanismo municipal segue paralizado perdendo a oportunidade de liberar solo para vivenda pública, etc. Se a esta parálise lle sumamos unhas “humanizacións” impostas segundo o seu criterio, temos a Vila convertida nun dormitorio e o Concello nun satélite de Vigo.
Paco Ferreira apostou polo bonito fronte ao necesario, que é o mesmo que apostar pola ficción da propaganda da que é un mestre; lembrade a foto falsa do cartelón de obra que anunciaba o comezo das obras d`A pasaxe uns días antes das eleccións municipais. A participación veciñal prodúcelle boxas; amordazando á oposición nos plenos con tempos mínimos para falar ou recortando a liberdade de expresión cando se lle critica na rúa invocando unha ordenanza que usa selectivamente contra os disidentes. Despreza as necesidades básicas das parroquias de Gondomar como son o saneamento ou a auga pública mentres gasta os aforros municipais (máis de 400mil€) no céspede artificial dun campo de fútbol, etc. O transporte público non lle importa, e iso si, é un adorador convencido das privatizacións, agora está coa da auga municipal e a recollida de RSU. Resulta pouco progresista e nada socialista que día de hoxe a veciñanza teña que se organizar para reclamar cuestións e dereitos resoltos en toda a nosa contorna.
Se deixamos fóra do balance o arranxo de camiños, os alumeados ou as axudas ás comisións de festas, que todos alcaldes atendemos, o balance é negativo; insisto, no que se refire ás cousas necesarias que aínda non temos en Gondomar en pleno S XXI.
(2) É necesario un cambio urxente na dirección da política municipal. O modelo Paco Ferreira está esgotado por ser o modelo caciquil de sempre ao servizo do seu interese persoal, un verniz debaixo do cal non hai nada, e non sería porque non se lle fixeran propostas dende a oposición. Propostas de calado e factibles que significarían un avance substancial na mellorar da calidade de vida da veciñanza facendo de Gondomar un concello de referencia e non unha imitación doutros.
“Levar os servizos básicos ás parroquias é unha débeda histórica irrenunciable”
A ordenación do territorio (PXOM), participada e proactiva, non pode agardar máis; a construción do paseo fluvial pola beira do Miñor é urxente e necesaria; levar os servizos básicos ás parroquias é unha débeda histórica irrenunciable para min (sendo alcalde o “Plan E” do Presidente Zapatero, máis de 2M€, investíronse en saneamento nas parroquias); abrir as portas do Concello á participación veciñal ten que ser unha das primeiras medidas dese novo goberno; á Vila de Gondomar, da man dos comerciantes e dos veciños, háille que dar unha volta para que recupere a función de motor económico do Concello que nunca debeu perder; a Administración Municipal non pode ser un problema para a veciñanza; para iso haina que dotar de máis persoal e mellor organización. O resumo sería: Gondomar somos 10 parroquias e máis escoitar e menos chulería e propaganda.
Manuela Rodríguez Pumar (BNG. Unha concelleira)

“O goberno de Ferreira simplemente nunca tivo proxecto”
(1) Nin sequera se podería dicir que o goberno de Ferreira é un proxecto esgotado, simplemente nunca tivo proxecto. A súa acción de goberno estivo sempre marcada pola ocorrencia e a improvisación. Máis alá das actuacións nas prazas ou equipamentos do centro da Vila e do arranxo dalgunhas estradas municipais, non contribuíu a unha mellora significativa da vida da veciñanza nas distintas parroquias de Gondomar.
O noso segue a ser un Concello con grandes carencias no que a servizos municipais básicos se refire, como o abastecemento de auga ou as máis de 3.000 vivendas sen saneamento. Tampouco ofrece servizos para favorecer a conciliación ou a mobilidade. O comercio desaparece. A oferta de ocio, especialmente para a mocidade, é escasa.
“O noso segue a ser un Concello con grandes carencias”
Tendo en conta que Ferreira leva dez anos de Alcalde, o balance é ben fraco.
(2) Vexo un Gondomar distinto, participativo, inclusivo, dinámico, dotado de servizos. En definitiva, mellor. Cun BNG forte na corporación sería posible. Por iso, confiamos en incrementar a nosa representación, en sermos determinantes para superar os anos de “desgobernó” de Ferreira, para mudar a política municipal e ofrecer unha mellor calidade de vida ás nosas veciñas e veciños, vivan na parroquia que vivan.
NOTA: Debe lembrarse que na Corporación Municipal de Gondomar existen outros dous concelleiro/as non adscritos: Rocío Camba Castro (ex MM) e Ángel Durán Pérez (ex PP)





