A oportunidade do Plan Urkullu.

Escrebiu hai moi poucos días o xornalista galego José Luis Gómez que o lehendakari Urkullu, coa súa proposta de mutación constitucional material cara ao Estado plurinacional do 30 de agosto, recoñecendo a preexistencia constitucional da foral Nafarroa, e das nacións vasca, catalá e galega por mor dos seus plebiscitos autonómicos dos anos 3º do século XX, fixera xurdir un debate fulcral para Galicia.

Mais Gómez laiábase da falla de resposta da sociedade civil e do empresariado galego a respecto dunha proposta moito máis importante polo singular do seu contexto ca polo limitado do seu texto. Mentres o profesor Miguel Anxo Bastos (USC) prognosticaba o futuro deseño de novas maneiras de relacionamento entre as nacións históricas e o Estado das resultas futuras do xogo político desta proposta.

O presidente Rueda, no canto de actuar a xeito de País, actuou en chave de partido. Galicia ten o 5,5% do PIB estatal e o 5,2% da nosa poboación. É dicir, só xogamos no cualitativo e nunca no cuantitativo. E o cualitativo hoxe é a fiestra de oportunidade que abre a actual conxuntura política e onde tamén se sitúa o plan Urkullu. Non era, pois, o intre procesual para advertir que vai loitar por evitar a desigualdade dos territorios, xa que o status constitucional de Galicia como nacionalidade e máis o seu acceso privilexiado ao autogoberno por ter plebiscitado o Estatuto de 1936 son xa singularidades en si propias, como o Dereito Civil, a língua, a cultura, o espallamento poboacional ou uns sectores produtivos que para nos son esenciais e para o Estado prescindíbeis.

Pola súa banda, o Partido Galeguista (PG) avaliou moi positivamente a proposta, salientando que o esencial non é o texto constitucional como dogma, senón o seu contexto social, o seu carácter de “entorno con regras de diálogo político”, considerando que este diálogo e a busca dun novo consenso é esencial ao principio democrático presente na Constitución. Na orde práctica, o PG propón un Estado plurinacional confederal aberto á integración de Portugal no que os territorios non nacionais ou rexións seguisen a desenvolver unha “descentralización realista” que evite duplicidades administrativas “innecesarias”.

Mais fòra do presidente da Xunta e do PG ningún axente político, social ou económico ten definido nestes 12 días o seu posicionamento a respecto do plan Urkullu, o que constitúe de certo unha anomalia nacional grave.

“Mais fòra do presidente da Xunta e do PG ningún axente político, social ou económico ten definido (…) o seu posicionamento a respecto do plan Urkullu (…) Tampouco se ten definido oficialmente o BNG”

Tampouco se ten definido oficialmente o BNG, malia que vaia de seu que gosta da letra e da música desta proposta e que, pola súa representación no Congreso estatal e máis pola súa cualidade de alternativa de goberno ao PP no ámbito nacional, vaia ser o actor político con máis xogo ao longo do camiño que desenvolva no próximo futuro o plan Urkullu.

Advogado. Colabora en varios medios galegos.