“A obra máis importante é a autovía Goián-Tui, pero a Xunta non fai nada para axilizala”

Antonio Lomba | Alcalde da Guarda
Sobre a autovía Goián-Tui, o alcalde da Guarda, Antonio Lomba, afirmou que “levamos esperando por esta estrada dende 2004, pronto se cumprirán 20 anos de atraso”.

Portase ben a Xunta co Baixo Miño e en concreto coa Guarda?
Resulta evidente que a Xunta marxina a nosa comarca en moitos ámbitos. A obra máis importante para dinamizar o Baixo Miño fixar poboación e crear emprego é a autovía Goián-Tui, pero a Xunta non fai nada para axilizala. Levamos esperando por esta estrada dende 2004, pronto se cumprirán 20 anos de atraso. En canto A Guarda temos moitas queixas que dar, sentimos falta de apoio e implicación en obras e servizos estratéxicos para a vila, para mellorar a calidade de vida da veciñanza: néganse a cofinanciar o acceso sur ao porto da Guarda. Seguimos cos problemas na Sanidade, Prohiben subir coches ao Ferri por defectos da plataforma pero nona reparan. etc.

“A Deputación transfire os fondos aos concellos segundo criterios obxectivos respectando a autonomía municipal”

E a Deputación?
Dende que Carmela Silva é a presidenta da Deputación e implantou o sistema coñecido como “plan concellos” para a redistribución dos fondos provinciais estamos satisfeitos os alcaldes e alcaldesas de todas as cores políticas. A Deputación transfire os fondos aos concellos segundo criterios obxectivos respectando a autonomía municipal. Non se pode pedir máis. Ben, pedimos que a Xunta aplique un criterio similar, pero se o fixera deixaría de ser a Xunta do PP.

Non é a primeira vez que escoitamos o Sr. Carrero, portavoz do PP na Guarda, cuestionar a súa lexitimidade como alcalde. Que ten que dicir a estas acusacións?
Ao portavoz do PP non lle gusta a democracia representativa, supoño que o problema é ese e non outro. Xa llo teño repetido en moitas ocasións: eu fun investido alcalde con 10 votos, el non tiña máis que 6, por iso non é alcalde. Por si fora pouco o ano pasado démoslle a oportunidade dun cambio, presentando unha cuestión de confianza vinculada a aprobación do orzamento. Ao final o orzamento foi aprobado e Antonio Lomba segue sendo alcalde. Así son as matemáticas e a democracia.

Considera un error da esquerda local a ruptura do pacto de goberno?
Creo que de habernos entendido mellor, poñendo por enriba de todo a Guarda e os intereses da veciñanza, cedendo o necesario para gobernar xuntos, agora teríamos de goberno con 10 concelleiros que representaría moi ben o resultado saído das urnas en 2019.

Que plans ten vostede para o seu futuro?
Esta é unha pregunta trampa. Se me está a falar das próximas eleccións diríalle que falta ano e medio para que se celebren, aínda que algún partido parece que xa está en precampaña. De momento estou no día a día, cun traballo e proxectos apaixonantes para o meu equipo, para min e para a Guarda. Non traballamos pensando nas próximas eleccións. Algúns dos proxectos que estamos empezando a desenvolver dilataranse no tempo e tocaralle a outros rematalos, pero temos claro que a nosa obriga e traballar polo futuro da veciñanza guardesa. Non vou a adiantar máis. Todo ten o seu momento.

“Non traballamos pensando nas próximas eleccións”

Que infraestruturas considera vostede urxentes para o futuro desenrolo na Guarda?
Como xa lle comentei con anterioridade a obra máis importante na actualidade eu considero que é a autovía Goián-Tui. Pero ademais desta infraestrutura tamén considero estratéxicas para o desenvolvemento da Guarda o acceso sur do porto, a senda de circunvalación ao monte Tegra, a reforma e ampliación do pavillón, necesitamos un auditorio, por suposto chan empresarial, e para o futuro do porto da Guarda, tanto para a pesca como para a náutica deportiva, é necesario construír o dique sur do porto.

Acaba de publicarse que a Deputación participará con máis de 609.672 € na reforma do pavillón, un proxecto cun orzamento de 1.674 023 €. Contará esta obra con financiamento da Xunta?
Eu espero que a Xunta colabore nunha infraestrutura deportiva que, como xa ten manifestado, considera necesario que se mellore. Esta obra é un compromiso electoral do Grupo Municipal Socialista, xa se empezou a traballar nela na anterior lexislatura e a Xunta é coñecedora do proxecto. Teremos un pavillón que aumentará lixeiramente o seu aforo será totalmente accesible e cumprirá todos os requisitos de seguridade esixibles a unha instalación deste tipo. Habilitaranse zonas de paso e acceso as gradas regulamentarias, construiranse vestiarios e baños accesibles crearase unha nova grada e un corredor de acceso dende a zona superior.

O alcalde afirma que está traballando en proxecto “apaioxantes” para A Guarda, e que non está enfocando nas vindeiras eleccións municipais 2023.

Como valora a situación laboral en IKF coa maioría dos seus traballadores en folga dende o 14 de outubro?
Cada vez estou máis preocupado por este tema. O meu desexo é que se resolva en breve. Estou preocupado polas familias que están en folga pero tamén me preocupa a fábrica, o centro de traballo. Esta é unha das empresas máis grandes e antigas do concello, todo un símbolo para a comarca.

Que está pasando co ferri a Camiña?
O ferri está tendo moitos problemas. Xa os tiña antes da pandemia e dende que parou polo peche de fronteiras estes agudizáronse. Aos problemas de dragado que condicionaba o seu funcionamento ás mareas engadiuse o deterioro da plataforma de embarque. Portos de Galicia prohibiu o embarque de vehículos e, aínda que lle solicitamos dende o concello a reparación desta plataforma, de momento nin a reparou nin respondeu. Portos está facendo abandono das súas funcións ao non acometer a reparación do peirao para que faga a función para que foi construído.

“O ferri está tendo moitos problemas”

Están resoltos os problemas de dotación de persoal para o centro de Saúde?
Por desgracia a situación lonxe de mellorar empeora por momentos. Co recente resultado do concurso de traslados parece que se agudizan os problemas de falta de médicos no centro de saúde da Guarda. Outro dos ámbitos nos que a Xunta nos ten abandonados.

Que ten que dicir as críticas a Praza de Abastos do BNG?
Creo que é un discurso artificial. Temos motivos para estar orgullosos da nosa praza porque sabemos que está funcionando ben. A reformas que se levan feito eran necesarias e téñena mellorado moito. Os praceiros que actualmente desenvolven alí o seu negocio lévano facendo durante moitos anos, algúns durante varias xeracións e iso quere dicir que os negocios marchan.

O reto para o futuro é conseguir que a xente máis nova se achegue máis a praza, e iso é algo que temos que conseguir entre todos, praceiros e concello. O máis importante non é ter unha praza bonita senón unha praza que funcione, na que se facture moito. Pero aínda así, para o ano que ven, cando se execute a última fase da reforma da praza, esperamos ter unha praza bonita e que facture moito. Pronto se sacarán a licitación novos postos da praza, esperamos que se adxudiquen, consideramos que será unha boa oportunidade para quen queira poñer alí un negocio.

“Queremos ter unha sanidade pública de calidade”

Para rematar. Que é o que máis lle preocupa do futuro da Guarda?
Preocúpanme cuestións que xa fun comentando nas respostas anteriores e que de forma transversal están presentes en todos aqueles proxectos que afrontamos dende o concello. Queremos ter unha sanidade pública de calidade, preocúpame a falta de oportunidades que hai na Guarda para que a xente nova poida emprender aquí o seu proxecto de vida. É necesario mellorar as comunicacións por estrada porque isto tamén pode axudarnos a fixar poboación ou facilitar que se implanten empresas aquí, para o que tamén necesitamos chan empresarial.
Dende o concello tamén nos preocupa dar os mellores servizos públicos e facilitar a conciliación familiar. En definitiva dar oportunidades de futuro a xente moza e mellorar calidade de vida de toda a cidadanía.

Entrevista realizada por José Louzán.