Moitas expectativas ten acadado o 24º cumio da Organización da Cooperación de Xangai (OCX) celebrada este 1º de setembro na localidade chinesa de Tianjin. A importancia xeopolítica da OCX como foro multilateral con capacidade para deseñar novas estratexias multipolares quedou confirmada coa presenza de 20 xefes de Estado e de goberno e representantes de dez organismos internacionais. Era, por tanto, un cumio histórico para un momento histórico.
A atención estaba claramente enfocada na presenza dos mandatarios do país anfitrión, Xi Jinping; de Rusia, Vladímir Putin; e da India, Narendra Modi. Era este o primeiro cumio internacional de Putin trala histórica xuntanza en Alaska co seu homólogo estadounidense Donald Trump, marco definitorio de moitas das variables que dominan a xeopolítica global alén da guerra de Ucraína. Por tanto, o cumio da OCX de Tianjin advertía de comezo que non ía ser unha xuntanza rutinaria senón decisiva para definir os trazos do poder mundial deste século XXI.
A través da súa Iniciativa para a Gobernanza Global (IGG), o anfitrión Xi Jinping estableceu un marco de consensos baseados no multipolaridade e o multilateralismo nun mundo polarizado onde o sistema internacional da posguerra fría está prácticamente desfasado mentres un Occidente polarizado encamíñase cara unha deriva de incertezas.
Como ben indican os medios oficiais chineses, a IGG é a cuarta iniciativa que Xi presenta vía cumios da OCX para reformular o sistema internacional herdeiro da II Guerra Mundial e da “guerra fría”. As propostas anteriores foron a Iniciativa para o Desenvolvemento Global, a Iniciativa para a Seguridade Global e a Iniciativa para a Civilización Global. Alén da retórica propia destes cumios, existe algunha iniciativa que Occidente teña presentado con garantías de efectividade nestes últimos anos? Por certo, Xi, Putin e Modi advertiron da necesidade de superar o “síndrome de guerra fría” que volve a instalarse nos principais centros de poder occidentais.
“Xi falaba da creación dun ‘mundo máis xusto e equitativo’, unha aposta por frear o unilateralismo rampante que observamos nos EEUU de Trump e nos seus aliados (Israel)”
Xi falaba da creación dun “mundo máis xusto e equitativo”, unha aposta por frear o unilateralismo rampante que observamos nos EEUU de Trump e nos seus aliados (Israel) ante a mirada cómplice dunha Europa que perde o seu rumo. A aposta multilateral e multipolar da OCX ten outra vertente: o respecto pola soberanía nacional e a busca de consensos (e non de mecanismos unilaterais e belicistas tan en voga actualmente neste Occidente fracturado) na resolución de conflitos,
Neste último apartado, o da resolución de conflitos, a atención mediática obviamente estaba enfocada na presenza en Tianjin dun Putin que avanza decidido a solucionar unilateralmente con Trump unha guerra en Ucraína onde nin o propio país agredido nin a inédita miopía belicista europea logran interpretar que os cambios de poder a nivel mundial os deixan superados e con escasa capacidade de manobra.
En Tianjin, Putin agradeceu o apoio chinés e indio para a resolución do conflito ucraíno. Por certo, e paga a pena mencionalo, foron precisamente China e India, ademáis de Brasil e Sudáfrica, os que presentaron en 2023 diversos plans de mediación e resolución do conflito ucraíno que desecharon tanto EEUU (entón con Biden na presidencia) como a UE. Dous anos despois, Putin ten a carta vencedora en Ucraína mentres fortalece o eixe euroasiático con China, India, Irán, Corea do Norte e incluso Turquía, un membro da OTAN que tamén estivo neste cumio da OCX como membro observador.
“Xi reforzou o papel protagónico chinés neste século XXI. A OCX deu un “salto adiante” como foro multipolar e multilateral cada vez máis global”
Pola súa banda, Xi reforzou o papel protagónico chinés neste século XXI. A OCX deu un “salto adiante” como foro multipolar e multilateral cada vez máis global e con capacidade de atracción ante a inerte decadencia occidental. Coas súas disparidades e sen pretender crear expectativas grandilocuentes, China, India e Rusia, tres potencias nucleares, militares, económicas e tecnolóxicas (IA), selaron en Tianjin unha alianza estratéxica que define o peso que Eurasia está alcanzando na nova configuración de poder global.
Foto: Axencia Xinhua (China)