A necesidade de reivindicarmos o goberno de coalición.

Moitísimas persoas de toda caste veñen de me requirir que siga a contar do goberno de coalición BNG-PSdeG (2005-2009), que amplíe o que nestas páxinas de El Correo Gallego contei a semana última.

Nestes actuais tempos nos que agroma a corrupción de antigos altos cargos do PSOE e nos tempos anteriores que coñeceron a Gurtel e outras cen historias de corrupción do PP e a historia do caso EREs que apuntou e afundiu ao PSOE de Andalucía, unha historia como a do chamado bipartito, como a do goberno de coalición, con cero casos de corrupción é rechamante.

Porque neste goberno non existiu ningún caso de corrupción, de condena penal ou de pendencia de pescudas xudiciais penais, de irregularidades administrativas graves ou mesmo de abuso ou uso desaquelado de recursos públicos que atinxiran nin ao presidente Touriño, nin ao vicepresidente Anxo Quintana, nin a conselleiro ou conselleira ningún, mesmo nin a persoas que desenvolveran (desenvolvimos) funcións de dirección xeral ou secretaría xeral na segunda liña de goberno. Foi un goberno limpo e honesto e deste xeito ha pasar á historia. Feito que ten unha moi nomeábel transcendencia se temos en conta os moi importantes investimentos orzamentados e executados dende a Administración Touriño-Quintana, número un da historia do autogoberno galego neste eido e a súa repercusión e impacto tanto a respecto da economía deste país como na súa sociedade civil. O indigno caso de lawfare sufrido polo conselleiro Fernando Blanco, que rematou no arquivo das pescudas e na sanción de suspensión por sete meses da xuíza instrutora por mor do seu comportamento dilatorio e parcial, constitúe o ramo desta tese nidiamente demostrada.

“Outra nidia falsidade, sementada polo PP de Feijóo, foi a suposta existencia dun bigoberno”

Outra nidia falsidade, sementada polo PP de Feijóo, foi a suposta existencia dun bigoberno. Nos tres anos e medio de goberno a Xunta de Touriño e Quintana non perdeu ningunha votación no Parlamento e non sería polos constantes esforzos desenvolvidos pola directiva daquel PPdeG nese senso. Tampouco houbo nunca desputas nin discusións no Consello da Xunta, como teñen recoñecido os propios Anxo Quintana e Emilio P. Touriño. Si é certa a ruptura da lealdade ao Goberno polo conselleiro de Medio Ambiente, Pachi Vázquez, ao ordenar aos representantes técnicos da súa Consellaría liscar da xuntanza técnica que até de entón tiña unanimemente estudado e avaliado as adxudicacións do concurso eólico convocado pola Xunta (22 de decembro de 2008). De certo que o carballiñés habería explicar a xénese e circunstancias desta desaquelada decisión antes de que por bioloxía xa non sexa posíbel.

Por outra banda, como ven de contar estes días o propio Anxo Quintana, o BNG no goberno foi responsábel da presenza cotián de Galicia no Estado e na definición dunha acción de goberno para construír unha estrutura industrial e financeira vencellada ao noso territorio. Xustamente o que Núñez Feijóo desbotou dende 2009. Exemplificándoo sen ningunha caste de vergoña, diante da cidadanía- como manifestei aquí a semana última-,a medio daquela aperta co presidente de Iberdrola, J.I. Sánchez Galán , aquel sábado de primavera de hai dezaseis anos.

Advogado. Colabora en varios medios galegos.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.