A mostra “Semente de vencer” honra a Moncho Reboiras

A Casa Museo Casares Quiroga da Coruña acolle esta exposición

A Coruña | Este xoves 2 de outubro abriuse ao público na Casa Museo Casares Quiroga a mostra ‘A semente de vencer’, que conmemora o 50 aniversario do asasinato de Moncho Reboiras pola ditadura franquista.

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, participou no acto de apertura e incidiu en que “o Goberno de Inés Rey está a facer un traballo intenso e coidado de recuperación da memoria democrática, honrando a aquelas persoas vencelladas á cidade que perderon a vida durante a represión da ditadura franquista pola súa defensa da democracia”.

A exposición conta con obras de 14 artistas nas que se homenaxea e se recrea a figura de Moncho Reboiras. Os e as artistas que participan na mostra son Laura Caneira, Ortigha, Cavalinho do Demo (Paula Pereira), Alejandro Mosquera, Ana de Vilatuxe, Pampillo Store (Theresa Lousame), Iago Fernández Díaz, Juanlu Nacha, Leandro Lamas, Celia Arcos, The Pink Phink, Xiralúa, Revolta Creativa (Breo Alamancos) e Estudo Aldea.

A mostra poderá visitarse de balde ata o vindeiro 31 de outubro. Ademais da exposición, o vindeiro 14 de outubro á 19.00 horas, a Casa Museo Casares Quiroga acollerá a presentación do libro ’50 aniversario do asasinato de Moncho Reboiras. Moncho Reboiras: Símbolo da Galiza que Loita (1950-1975)’, coa presenza de Xesús Seixo Fernández, presidente da Fundación Moncho Reboiras, e Uxío-Breogán Diéguez Cequel, director da Cátedra de Memoria Histórica da Universidade da Coruña. Xosé Ramón Reboiras Noia, máis coñecido como Moncho Reboiras (Imo, Dodro, 1950 – Ferrol, 1975), veciño de San Pedro de Visma, foi un destacado dirixente político nacionalista galego e opositor á ditadura franquista.

Foi unha figura fundamental no desenvolvemento do sindicalismo nacionalista galego e na reorganización do nacionalismo na clandestinidade durante os últimos anos do franquismo. Moncho Reboiras foi asasinado pola policía franquista en Ferrol o 12 de agosto de 1975, aos 25 anos de idade.

A súa morte, acaecida pouco antes da fin da ditadura, converteuno nun símbolo e referente para o nacionalismo galego e a esquerda independentista.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.