A Monarquía en catro chíos.

Cadernos de viaxe

1.- It is good to be the King.
De seguro que bastantes de vostedes lembran aquela peli de Mel Brooks (History of the World) e a vida de desfrute continuo do rei Louis XVI Bourbon, que partillaba o común devanceiro de Louis XIV cos Borbóns españois. Malia que quizais o conto fose máis aplicábel ao propio Louis XIV ou a Louis XV, Mel Brooks pon no Borbon-despois guillotinado- a famosa frase daquela peli: “it is good to be the King ( é bo ser El Rei)”.

A longametraxe é do 1981, o ano do golpe de Tejero, no miolo daqueles anos da Transición que definiron o Réxime baseado na Constitución de 1978. Como dí o profesor de Dº Constitucional Javier Pérez Royo o que cualifica este Réxime vixente é que as principais decisións a respecto da futura convivencia política foron adoptadas preconstitucionalmente, polas Cortes franquistas e polo Goberno Suárez no 1977, de xeito que a cidadanía non as puido decidir por si propia no referéndum de 1978. Porque anteriores á Constitución son a lei de reforma política de 1976 e o Decreto-Lei electoral que impuxeron a Monarquía ou unha desaquelada lei electoral que prima aos maioritarios e castiga aos minoritarios.

Seica naqueles anos alicerzouse a lenda dun Xefe de Estado xeneroso e demócrata, que salvaba os pobos do Estado de feos e atrasados cuarteleiros. Ademáis, un Rei campechano, co que prestaba tomarlle un viño ou unha caña, que admitía con naturalidade o convite dun camioneiro nun restaurante de estrada mentres viaxaba a Baqueira con Manolo Santana.

Moitos lembrarán aqueles tempos onde se alicerzou a ben gañada zona de playboy do Borbón e Borbón, mentres tamén callaba a súa sona de bo relacións públicas das nosas empresas, expresión convencional que simulaba a eventual percepción de comisións por moitas das exportacións de petróleo que recibía o Estado dos tradicionais amigos árabes.

2.- La ley es igual para todos.
Aproveitou Juan Carlos I a súa ben gañada sona de demócrata e cordial campechanía para consolidar durante polo menos 30 anos unha burbulla de impunidade mediática ( a impunidade xurídica xa a tiña garantida pola inviolabilidade recoñecida na Constitución) e unha fortuna persoal que The New York Times avaliou en case 2000 M€ no 2012. O relato da Transición virtuosa consolidouse co ingreso nas Comunidades Europeas (1986), a Olimpiada de Barcelona e a Expo de Barcelona (1992) e un desenvolvemento económico baseado en grande medida na dispoñibilidade de crédito barato.

“Aproveitou Juan Carlos I a súa ben gañada sona de demócrata e cordial campechanía para consolidar durante polo menos 30 anos unha burbulla de impunidade mediática (a impunidade xurídica xa a tiña garantida pola inviolabilidade recoñecida na Constitución) e unha fortuna persoal que The New York Times avaliou en case 2000 M€ no 2012”

Mais na fin de 2011 o Estado sofría unha terríbel recesión económica e a realidade coñecida a respecto das condutas do xenro de El Rei (Iñaki Urdangarín) atopou unha reacción inédita na opinión pública, que coñeceu os seus actos de corrupción cando atravesaba semellante conxuntura de recesión e xeralización da pobreza. No discurso de Nadal dese 2011, Juan Carlos de Borbón pronunciou unhas verbas que semellaban rituais, mais que serían moi premonitorias: “la ley es igual para todos”. E funcionou a devasa, porque Urdangarín (que non é royal, senón simple achegado) está a pagar case sete anos de cárcere, mentres a súa dona, filla de El Rei, foi absolta nun exercicio extremo de cegueira xudicial voluntaria.

Mais xa nestes tempos nos que o xenro navegaba polos mares dunha longa instrución xudicial, o hoxendía Roi Emérito amosou que iso da lei non ía con él, percebindo en Suiza a medio da Fundación Lucum (constituída no verán de 2008) 100 M USD do rei Abdallah da Arabia Saudita. O Emérito dixo que era un simple agasallo e transferiu despois dous terzos desa cantidade á súa amiga, a princesa Corinna Larsen. É bo ser El Rei.

3.- Los criterios éticos y morales están por encima de las consideraciones personales y familiares.
Juan Carlos de Borbón abdicou en xuño de 2014 e foi sucedido polo seu culto e instruído fillo, Borbón e Grecia. Cara marzo de 2019 éste soubo con seguridade da Fundación panameña Lucum (á que pertencía como beneficiario), dos agasallos sauditas e das transferencias á princesa Larsen. Mais non o fixo público até o comezo da pandemia, en marzo de 2020, cando xa era nova dos principaís xornais europeos.

No verán soubemos tamén doutras doazóns de empresarios amigos á lúa de mel dos actuais Reis e ao patrimonio do Emérito, distribuído capilarmente pola antiga Familia Real a medio de cartóns black. O Emérito marchou a Abu Dhabi a primeiros de agosto, cando a presión mediática e as críticas da opinión pública fixéronse pouco aturábeis. Abríronse pescudas na Fiscalía do Tribunal Supremo que levan meses sen avanzar. E, en último de contas, o Emérito hai algunas semanas pagou máis de 677.000 € como regularización fiscal. Se distribuimos esas cantidades nos catro exercicios non prescritos (2016 ao 2019) estaríamos por riba dos límites do delicto fiscal para cada exercicio. De calquera xeito xa se saberá, mais a conduta real non é moi aquelada.

Pois ben, coa que estaba a caer Borbón e Grecia pasou de puntas a respecto da cuestión, resolvéndoa cunha autocita dun seu discurso de 2014. Xa o saben, de hoxe en diante: os criterios éticos e morais están por riba das consideracións personais e familiares. Se cren que o problema é legal e político e non moral e, xa que logo, perceben insultada a súa intelixencia, o problema é de vostedes. Por repunantiños.

4.- España unidade de destino no universal.
É evidente a deterioración da Institución Monárquica na opinión pública. Medra o sentimento republicano e a xestión desta deterioración vai ser moi difícil no longo prazo. Ao mellor a princesa non chega a Raíña. Os soberanistas periféricos e o mundo de Unidas Podemos-Comúns están radicalmente en contra da Institución e mesmo da executoria do actual Xefe do Estado. Nas bases electorais do PSOE xa son maioría as persoas refractarias á Monarquía.

“É evidente a deterioración da Institución Monárquica na opinión pública. Medra o sentimento republicano e a xestión desta deterioración vai ser moi difícil no longo prazo”

Mais convén non anticipar un xuizo definitivo sobre a vaibilidade da Monarquñia. Porque precisamente a división existente entre a poboación (mesmo con clara avantaxe republicana na xente nova e en Catalunya, Euskadi e Nafarroa , mesmo cunha curta avantaxe na Galicia), no actual Réxime de Constitución irreformábel na praxe, constitúe quizais unha das mellores garantías de continuidade da Monarquía.

Algúns sectores-quizais xa minoritarios-dos que adoitan votar PSOE e, sobre todo e de xeito ferreñamente unánime., as tres dereitas (PP, Cs e Vox) constitúen os alicerces electorais da Monarquía. Neste senso a peor das limitacións de El Rei (ser un Xefe de Estado de parte) constitúe tamén unha garantía de subsistencia no curto e, quizais no medio prazo, se temos en conta os apoios adicionais das elites funcionariais do Estado (altos empregos militares., altos funcionarios estatais e, sobre todo, grande parte do cumio xudicial).

Velaí porque El Rei adoita defender un modelo de España uninacional e conservador, achegado ao constitucionalismo unionista máis inmovilista. Unha concepción que no fondo rexeita o diálogo e mesmo a integración voluntaria das sensibilidades máis progresistas e das identidades nacionais galega, vasca e catalá. Porque a Coroa é a chave da bóveda do Réxime de 1978. E porque a este Réxime o empate social abóndalle para seguer a ser o mainstream que define Estado, sociedade, cultura e até un concepto reducionista e inmobilista da democracia e das liberdades.

Advogado. Colabora en varios medios galegos.

Outros artigos

Os nosos anunciantes son importantes para nós.
Fainos o favor de desactivar o bloqueador de anuncios ou
engadir este sítio a túa lista branca.

Grazas!