
Santiago de Compostela | Este 24 de novembro dará comezo unha nova edición do proxecto educativo “Activistas polo Mundo que Queremos” que busca xerar activismos xuvenís nos eidos do feminismo, o medio ambiente, o antirracismo e a loita LGTBIQ+ en centros educativos galegos.
Nos seus 13 anos de historia o proxecto chegou xa a 80 centros educativos, 334 profesores e profesoras e 5.392 alumnos e alumnas, a os que se suman catro centros nesta nova edición.
O luns arranca o proxecto no IES Eduardo Pondal de Ponteceso o mércores será a quenda do IES do Milladoiro en Ames e nos vindeiros días incorporarase tamén, o IES A Paralaia de Moaña e o IES Ramón Caamaño de Muxía que terá a súa sesión o día 2 de decembro.
Nesta primeira toma de contacto, os máis de trescentos estudantes que participan este ano achegaranse a o concepto de “activismo”, en torno ao que xira o proxecto, cun itinerario composto por oito obradoiros denominados “paradas”, que se desenvolverán ao longo de todo o curso escolar. O obxectivo final consiste en formar unha cidadanía activa e crítica, que identifique e combata as ameazas arredor da convivencia.
O percorrido didáctico que realizará o alumnado mestura a formación presencial coa online e establece as seguintes paradas:
Parada 1 (presencial). Novembro-decembro. Que significa ser activista? Primeiro taller presencial para dar a coñecer o proxecto, a aula virtual e os conceptos cos que imos traballar.
Parada 2 (virtual). Decembro. Elixe o teu activismo. O alumnado achégase a unha das catro posibles liñas de activismo (ambiental, feminista, LGTBI e antirracista) e coñece as maneiras de actuar na súa contorna a nivel local contra problemas que teñen repercusión global.
Parada 3 (presencial). Xaneiro. Comunicación transformadora. Analizamos os medios de comunicación de masas e as redes sociais desde unha perspectiva crítica.
Parada 4 (virtual). Febreiro. Guións do programa de radio. Creamos os nosos guións radiofónicos sobre o activismo elixido. Traballo en aula do alumnado guiado polo profesorado a través da aula virtual.
Parada 5 (presencial). Marzo. Obradoiro de radio. Gravamos na aula os nosos programas de radio activista.
Parada 6 (virtual). Marzo. Coñecendo activistas do sur. Coñecemos un pouco máis o labor e o país de activistas que combaten diferentes desigualdades noutras partes do mundo e que visitarán os centros educativos do proxecto.
Parada 7 (presencial). Abril. Visita das activistas do sur. Persoas implicadas nas loitas contra as diferentes desigualdades visitan os centros educativos.
Parada 8. Maio/xuño.Escoitamos os nosos podcast e avaliación final.
Activistas polo mundo queremos forma parte da plataforma de innovación educativa ‘Plan Proxecta’, impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e faise posible grazas a unión de tres ONGDs, Solidariedade Internacional de Galicia, Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso) e
Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) co financiamento da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia.
Parte importante deste traballo é a propia difusión, así que dende Activistas polo Mundo que Queremos convidamos aos medios de comunicación a que compartades esta información e acudades ás sesións presenciais.
Aquí vos deixamos as datas desta primeira sesión: Que significa ser unha persoa activista?
Luns, 24 de novembro: IES Eduardo Pondal ( Ponteceso)
Con 3ºA. De 12:20h-14:00h
Con 3ºB. De 16:15h-17:55h
Martes, 25 de novembro: IES Eduardo Pondal ( Ponteceso)
Con 4ºA. De 9:20h-11:00h
Con 4ºB. De 11:30h- 13:10h
Mércores, 26 de novembro: IES do Milladoiro ( Ames)
3ºD. De 10:50h-12:30h
3ºB. De 12:50h a 14:30h
Xoves, 27 de novembro: IES do Milladoiro ( Ames)
3ºC. De 10:50h A 12:30h
3ºA. De 12:50h a 14:30h
Martes, 2 de decembro: IES Ramón Caamaño ( Muxia)
2º ESO: de 8.30h a 10:10h
3º ESO: de 12.30h a 14.10h
4º ESO: de 16.20h a 18.00h
*IES A Paralaia de Moaña: Pendente de confirmar datas




