
O Porriño | A Asemblea de Nenos do Festival de Cans, creada na pasada edición, reuniuse este ano por segunda vez, para tratar de recoller propostas que veñan dos máis pequenos da aldea e integralas nos contidos da vindeira edición do certame.
Desta Asemblea de Nenas e Nenos forman parte unha vintena de rapazas e rapaces da aldea, con idades comprendidas entre os 8 e os 16 anos, nunha iniciativa que busca promover un espazo compartido de conversas e recollida de propostas. Entre as aprobadas para esta edición está a da creación dun Xurado de xente nova da aldea, do que formarán parte rapazas e rapaces de entre 12 e 16 anos, que estean na idade de estudos da ESO. A idea é que inicialmente este xurado conceda o Premio Xente Nova na categoría de Novas Camadas, reservada a cineastas de ata 25 anos e que, partindo desta experiencia piloto, vaia incorporándose pouco a pouco a outras categorías do certame.
Esta idea segue o espírito do Xurado das Veciñas e Veciños, polo que levan pasado xa máis de cen veciñas e veciños da aldea ao longo de máis de dúas décadas de festival. Ademáis de xulgar os filmes, un equipo específico do certame guía a estas persoas para que adquiran en paralelo coñecementos cinematográficos básicos, que lles axuden a ampliar a súa mirada sobre os filmes.
A organización do festival tratará de poñer en práctica tamén outras demandas que non se puideron asumir na pasada edición, como a creación dunha sesión de cine de animación específica para nenos, no que eles mesmos asuman o rol de programadores. Esta Asemblea de Nenos busca ser un espazo compartido de propostas, pero tamén de recollida de queixas sobre aspectos que crean que se poidan mellorar. As reunións buscan achegar aos nenos a importancia de preservar o patrimonio histórico, os recursos naturais e o sentido de pertenza a un lugar, co Festival de Cans como vínculo.
Deste xeito, o plan da organización é traballar na formación de moitas nenas e nenos que no futuro poidan asumir roles de responsabilidade no certame. Todos eles participan habitualmente como Guías dos Camiños, o que está considerado o primeiro chanzo para comezar a introducirse na dinámica da organización do certame.
Segue o percorrido internacional das curtas premiadas e as sesións de Cinemaldea.
Este venres 31 as curtametraxes premiadas na última edición do Festival de Cans, continuarán o seu percorrido en Lisboa. Será no Centro Galego Xuventude de Galicia, continuando a itinerancia que comezou hai dúas semanas no Cinema Aventure de Bruxelas. Posteriormente viaxarán a outras cidades como Madrid e París, e agárdase poder ampliar o número de países.
Por outra parte, este domingo 2 de novembro, haberá nova sesión do ciclo b, neste caso na Asociación de Veciños San Salvador de Torneiros ás 18,00 horas. As curtas chegan á parroquia de Torneiros despois do enorme éxito da pasada fin de semana, onde o público encheu os centros culturais Os Penediños de Atios e A Lagoa de Orbenlle, en Budiño.




