A “marca Galicia Calidade” chega ao Espazo

Da man da empresa UARX Space de Nigrán no primeiro vehículo español de transferencia orbital

Nigrán | A marca Galicia Calidade viaxará ao espazo no primeiro vehículo de transferencia orbital deseñado en España pola empresa galega UARX Space, e que se lanzará nos vindeiros meses desde a base aérea de Vandenberg, en California.

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe as instalacións desta empresa en Porto do Molle, en Nigrán (Pontevedra), que é única en España e está entre as cinco de todo o mundo en fabricar este tipo de sistemas propios capaces de manobrar no espazo.

OSSIE (Orbit Solutions to Simplify Injection and Exploration) nas súas siglas en inglés, é un vehículo de transferencia orbital deseñado para transportar satélites pequenos e medianos a diferentes órbitas e facilitar, así, que cheguen ao seu destino final. Permitirá a inxección de satélites en órbitas terrestres non tradicionais, ao redor da lúa e en traxectorias ao espazo profundo.

Lorenzana quixo manifestar o “orgullo inmenso” de toda Galicia por este fito que vai conseguir UARX Space, unha empresa “con moitísimas posibilidades de crecemento dentro do momento económico e industrial actual”, dixo. “Seguiremos acompañándoa -subliñou-, porque, dentro da Estratexia de Seguridade, Defensa e Aerospazo é unha das empresas que ten maior potencialidade na comunidade autónoma”, concluíu.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.