A malla da reconciliación.

Por Manuel Blanco Villar

O pasado sábado, día 20 de agosto tivo lugar a celebración da XXIII Malla Tradicional de Lalín no Museo Etnográfico Casa do Patrón cun rotundo éxito, tanto de participación (setenta persoas traballando), como de asistencia de público, que superou as 1.500 persoas, das cales cincocentas quedamos a compartir o xantar de confraternidade, para continuar co oitavo serán da malla ata ben entrada a tardiña.

No nome da Casa do Patrón e no meu propio, agradezo a asistencia de Cesáreo González Pardal, presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cristina Pichel, directora xeral de Xuventude, José Crespo, alcalde de Lalín, concelleiros da corporación municipal, numerosos medios de comunicación, veciños de Codeseda e Doade e infinidade de amigos do Museo, procedentes de toda Galicia para colaborar e gozar da celebración.

Como principais factores que facilitaron que esta gran festa etnográfica, gastronómica e musical a prol do noso rural acadara este gran nivel na súa primeira edición coa marca de Festa de Interese Turístico de Galicia, queremos subliñar os seguintes:

*Unha axeitada planificación e organización por parte da Asociación de Amigos do Museo Casa do Patrón, Entidade responsable do evento, dende os seus inicios, que conta cunha base social moi ampla e consolidada no territorio.

*A contrastada profesionalidade e gran experiencia de participantes e profesionais encargados da execución da malla, do xantar e do posterior serán musical.

* A amplitude e calidade da programación: exposicións de pintura, artesanía galega e maquinaria antiga, das recreacións da malla á pedra, con males, malladoira manual, malladoiras con motores e tractor, o enxebre xantar galego, feito a base de produtos da Terra, e a variada xornada musical vespertina, moi representativa da música tradicional galega.

* A colaboración desinteresada de moitos galegos amantes das antigas costumes da vida nas nosas aldeas, achegando cada ano apeiros, ideas e traballo, así como a colaboración dos Organismos Oficiais: Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra e Concello de Lalín.

*O comportamento exemplar de todos e cada un dos asistentes, sen ocasionar o máis mínimo incidente durante esta longa, concorrida e entretida xornada.

* Unha gran participación de xente nova na execución das faenas etnográficas e máis aínda nas actuacións musicais, que ademais de contaxiarnos a todos coa alegría propia da súa xuventude, nos garante a continuidade das vindeiras edicións.

* A incomparable beleza da paisaxe natural que nos envolve, que constitúe o mellor marco posible para este tipo de celebracións ao aire libre, compartindo a forza da natureza, o noso último e verdadeiro fogar.

* Unha climatoloxía favorable para este traballo, que precisa dun día soleado e luminoso, para que o gran e a palla vaian ben secos, en perfectas condicións.

* A difusión do evento a través dos distintos medios e canles de comunicación: redes sociais, páxinas web, prensa escrita, radio, TVG, apoiada ademais por diversos organismos oficiais.

*A visible necesidade que todos temos de esquecer dous negros anos de pandemia, recuperando o máxico ritual das festas populares que salpican e enriquecen o mundo rural galego, sobre todo na época estival.

“Por todo iso, coido que foi ésta a malla da reconciliación, con nós mesmos, cos demais, co xeito de vida que sempre tivemos e desexamos seguir tendo”

Por todo iso, coido que foi ésta a malla da reconciliación, con nós mesmos, cos demais, co xeito de vida que sempre tivemos e desexamos seguir tendo, e tamén coas sacrificadas xentes do noso campo, sobre todo os que se quedaron polo camiño e xa non poden acompañarnos, a cuxa memoria lle dedicarmos esta humilde homenaxe.

Mil grazas a todos e para o ano, volveremos a vernos na Malla Tradicional de Doade!