A lingua galega e os corpos policiais.

Durante moitas décadas os sucesivos gobernos do Estado non lexislaron para que en Galicia a cidadanía puidese utilizar a lingua propia nas súas relacións cos órganos periféricos, nomeadamente coas forzas e corpos de seguridade. Este baleiro lexislativo provocou indefensión xurídica. O paradoxal desta situación surrealista é que o 98% dos efectivos policiais no noso país son galegofalantes. Estamos pois perante unha diglosia inducida que ten as súas orixes nun desviacionismo do exercicio do poder que non recoñece a cultura e lingua dun pobo como “patrimonio cultural que será obxecto de especial respeto e proteción” (art. 3 da Constitución española).

Malía o baleiro legal que comentamos, a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística demostrou, no seu tempo, unha vez máis a súa audacia ao promover a sensibilidade dos integrantes de todos os corpos policiais para recoñecer esa realidade desprovista de protección legal. Foi asi como ano 2007 aproveitando que Carlos Varela era Fiscal Superior de Galicia; os xenerais da Garda Civil, Manuel Ferreiro e Gonzalo Jar; e Luís M. García Mañá Xefe Superior de Policía, todos eles dotados dunha sensibilidade excepcional coa máxima representación institucional que ostentaban, apelou a dinamización de comportamentos acordes cos principios constitucionais.

Aquel gran acordo entorno á lingua galega quedou reflectido nunha publicación de esmerada edición, titulada “En galego, con toda seguridade”. Fora tal o entusiasmo suscitado que tamén os sindicatos policiais prestáronse a asinar unha Declaración determinante para a mudanza dos hábitos lingüísticos. En Vigo, por sinalarmos un exemplo, o inspector xefe da Brigada/Grupo de Policía Científica, levou a cabo unha iniciativa inédita coa redación en lingua galega das actas de inspección ocular remitidas aos xulgados, contribuíndo así a galeguizar os procedementos procesuais xudiciais. A escenificación daquel gran acordo realizouse na Capela Real do Hostal dos Reis Católicos nun acto revestido de toda solemnidade no que participaron preto de trescentos axentes uniformados. Un ano antes editaramos “Contos da Policía”, a primeira publicación no seu xénero, na que membros do CNP participaran con cadanseu relato literario. Nunca tal se vira.

Asi como no 2007 aquela gran operación de achegamento á lingua galega estaba fundamentada unicamente na interpretación do texto constitucional, hoxe o Real Decreto polo que se crean o Consello das Linguas Oficais e a Oficina para as Linguas Oficiais ofrece unha cobertura legal para desenvolver accións de maior alcance.

Ao abeiro dese texto normativo a Irmandade Xurídica Galega retoma agora aquela experiencia pioneira convocando unha rolda de entrevistas ás autoridades das forzas e corpos de seguridade coas participacións activas do Delegado do Goberno e a Xunta de Galicia, institucións imprescindibles na concreción e desenvolvemento deste obxectivo. A primeira xuntanza foi coa Xefatura Superior de Policia. O seu titular malia non ser galego manifestou a súa total simpatía e predisposición a recuperar aquela experiencia. Nas próximas semanas proseguirán os contactos coa Garda Civil, Policia Autonómica, Servizo de Vixianza de Aduanas, Fegamp, e a Academia Galega de Seguridade Pública da Xunta de Galicia.

“A Irmandade Xurídica Galega artellou unha motivadora e fundamentada ‘Declaración sobre o uso das linguas oficiais nas relación entre a cidadanía e as forzas e corpos de seguridade”

Desta volta a Irmandade Xurídica Galega artellou unha motivadora e fundamentada “Declaración sobre o uso das linguas oficiais nas relación entre a cidadanía e as forzas e corpos de seguridade”. O texto fundamentase no ordenamento xurídico vixente que regula o uso das linguas lingua nos órganos periféricos do Estado. O texto recolle os compromisos e implicacións que serán ratificados polas autoridades competentes nun acto público que se celebrará o próximo mes de xuño. Unha oportunidade para darmoslle visibilidade á intención de normalizar o uso do noso idioma nos procedementos administrativos e forenses policiais. Actividades que levan parellas a elaboración dunha ferramenta informática complementaria coa plataforma Atenea que tamén fará posible a normalización da lingua galega nos procedementos procesuais nos distintos órganos xurisdicionais da Administración de Xustiza.

Para garantirmos que estas propostas sexan efectivas e transformadoras na súa aplicación, a devandita “Declaración” inclúe un apartado dedicado á “oferta positiva e informativa”, encomendándolles aos axentes policiais o uso do galego ao tempo que informar do dereito que ten a cidadanía a expresarse na nosa lingua, oralmente e por escrito, na xestión de calquera trámite. A lingua pode crear confianza ou erguer muros na comunicación entre a cidadanía e as policías, por iso cómpre unha intervención explícita das superioridades xerárquicas que axuden a modificar condutas que perpetúan inercias do pasado que hai que erradicar de vez. A vertebración social do país esixe dun consenso básico no que a lingua galega sexa un común denominador. Estamos a tempo a reparar o dano causado.

Xosé González Martínez. Presidente do Foro E. Peinador.

Presidente do Foro E. Peinador. Secretario da Asociación de Amigos do Couto Mixo. Fundador da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística e da Irmandade Xurídica Galega, da Asociación Álvaro das Casas, Irmandade de Agroalimentarios e Adegueiros.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.